230 [= Tav 71,3]
Non pode Deus, pero pod’en poder

Non pode Deus, pero pod’en poder,
poder El tanto, pero poder á:
ja [d]’ũa dona non me tolherá
ben, pero pode quanto quer poder;
[e] sei eu d’El ũa ren, a la fe:
que, pero El pod’, en quanto Deus é,
seu ben que perça non pod’El poder.
E p[er]o é sobre todos maior
senhor en poder de quantos eu sei,
non pod’El poder, segund’apres’ei,
pero é Deus sobre todos maior,
que me faça pe[r]der prol nen gran ben
daquesta dona que m’en poder ten,
pero pod’El en poder mui maior.
E pero Deus é o que pod’e val
e pode sempre nas cousa[s] que son
e pode poder en toda sazon,
non pod’El tanto, pero pod’e val,
que me faça perder, esto sei eu,
da mia senhor ben, pois mo nunca deu:
pod’El én tanto, p[er]o tanto val?
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 245

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 6-7 [= LPGP 466]); Lopes (2002: 229); Littera (2016: I, 543).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 103-104); Machado & Machado (1950: II, 7); Rios Milhám (2018a: II, 230)
III. Antoloxías: Arias Freixedo (2003: 497-498).

Variantes manuscritas


1 pod’en] pot en B   4 pode] dode B   8 p[er]o é] pohe B   9 quantos] quātas B   10 poder] podor B   20 mo] me B

Variantes editoriais


3 [d’]ũa] ũa Nunes   6 pero El pod’] per’El pode Lopes; en quanto] enquanto Nunes, Lopes   7 perça] perca Lopes   10 segund’apres’ei] segundo apres’ey Nunes   17 toda] tod’a Lopes, Littera   20 mo] me Nunes, Lopes, Littera   21 pod’El én] non pod’El Nunes : [nom] pod’ El Lopes, Littera

Paráfrase


(I) Non pode Deus, aínda que pode (moito) en (cuestión de) poder, poder El tanto, aínda que ten moito poder: xa non me privará do ben dunha dona, aínda que pode canto quere poder; e sei eu del unha cousa, abofé: que, aínda que El pode, en canto que é Deus, El non pode poder (facer) que eu perda o seu ben (dela).

(II) E aínda que é sobre todos o maior señor en poder de cantos eu coñezo, non pode El poder, segundo aprendín, aínda que é Deus o maior sobre todos, que me faga perder o proveito nin o gran ben desta dona que me ten no seu poder, aínda que El pode con poder moito maior.

(III) E aínda que Deus é o que pode e vale e pode sempre sobre as cousas que existen e pode poder sempre, non pode El tanto, aínda que pode e vale, que me faga perder, isto sei eu, o ben da miña señora, pois nunca mo deu: El pode tanto niso, aínda que tanto vale?
 

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= Tav 161:48)

Notas


Texto
  • 5

    A locución adverbial modal a la fe ‘certamente, en verdade, sen dúbida’, presenta a variante a la minha fe (533.15) e é similar a a bõa fe (1319.6 e 13) e a per bõa fe, a fórmula maioritaria no corpus. A la fe (241.29, 890.11, 1008.4, 1261.16, 1469.19, 1499.5, 1547.1, 1619.10) mantén a forma arcaica do artigo, que ficou petrificada na locución, e que é utilizada tamén na prosa, como na tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España: quando os yrmãos viu descabeçados ante sy, ente͂deu que assy yriã ata el, a la fe, et assi sse acabaria (Lorenzo 1975: 198). O seu uso chega como mínimo ao século XV, pois aínda se rexistra en Fernan Lopez: A lla fe, disserom, se nom buscaremos nós outro que rreine sobre nós, que tenha cuidado de manteer o poboo em dereito e em justiça e nom leixe as cousas que tem de fazer de sua fazenda por hir ao monte e aa caça andar um mes (Macchi 2004: 224).

    É necesaria a copulativa inicial do verso para a correcta contaxe métrica do verso: nesta posición é moi frecuente omisión da copulativa por erro de copia, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.).

  • 6

    A xunción de en quanto en Nunes e Lopes indica que interpretan como adverbio o que semella preposición + pronome relativo na frase en quanto Deus é ‘na medida en que é Deus’.

  • 6-7

    A comprensión destes dous versos é difícil polos xogos de palabras e polo hipérbato. A conxunción completiva que reaparece tras a frase parentética: [e] sei eu d’El u͂a ren, a la fe: / que, pero El pod’, en quanto Deus é, / seu ben que perça non pod’El poder (véxase nota a 53.17-18). Isto é: ‘... sei / que, aínda que El pode, na medida en que é Deus, / que (eu) perda o seu ben (da senhor) non pode poder El'.

  • 9

    Emendamos o feminino en <quātas>, que parece inducido pola presenza de senhor, que neste contexto non se refira a unha dona senón a Deus.

  • 10

    Por volta de ei apreso aparece a frase formularia segund’apreso ei, con variacións redaccionais en 472.8 e 1118.20.

  • 15

    Fronte á posibilidade de e, pero, con independencia sintáctica das dúas conxuncións, optamos pola locución conxuntiva de valor concesivo e pero ‘aínda que’, de uso regular ao longo de corpus –cómpre sinalar, non obstante, que en bastantes ocasións é posíbel optar por unha ou outra lectura.

  • 20

    O verbo dar esixe CD (o ben da senhor), razón por que debe ser emendada a lección de B, cun banal erro <e>/<o>, por máis que nas anteriores edicións se manteña me.

  • 21

    Todos os editores introduciron unha negación ausente do manuscrito, suprimindo o pronome El, para acomodar o v. 21 ao contido anterior da estrofa: ‘Deus pode moito, mais non pode conseguir que o trobador perda o ben da súa dona, pois nunca o alcanzou’. Porén, e para alén de manter o texto manuscrito, por ser o verso conclusivo da argumentación, este verso está formulado como unha especie de solicitude de aquiescencia sobre a veracidade da abrupta afirmación inicial que cuestiona a omnipotencia de Deus (vv. 1-2). Así, a necesaria xustificación desa heterodoxa afirmación é argumentada ao longo de dezasete versos e conclúe no v. 20, en que se desvela a clave da cantiga (‘Deus, por moi poderoso que sexa, non lle pode facer perder algo que nunca tivo’). Deste modo, o verso final nos remite aos dous versos iniciais cos que forma o marco en que se encadra a argumentación. Así, este verso final, formulado como interrogativo ou como afirmativo irónico, mostraría a convicción de o trobador ter demostrado retoricamente a veracidade da afirmación inicial.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado