I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 417-418); Indini (1978: 99-100 [= LPGP 167-168]); Littera (2016: I, 149-150).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 231-232); Braga (1878: 125); Machado & Machado (1956: V, 76-77); Camargo et alii (1992: 23).
III. Antoloxías: Fidalgo (2009: 74).
2 eu] en B 6 om. B 7 vos] uus V 9 viv’[eu] en] Vyuē B : uiuẽ V 11 qual] q̄l V 20 non] hi non B : hi nō V 25 sal] fal BV 30 sen] seu B 31 sempr’a] semp’ B
9 viv’[eu]] viv[o] Littera 12 e] é Indini 21 vós] vos Indini 24 todo ben] tod’o bem Littera; amor] Amor Littera 25 sal] fal Nunes, Indini 26 vós] vos Indini 31 sempr’a] sempr’[a] Nunes : sempre Indini, Littera
(I) Aínda que eu morro, miña señora, non me atrevo a dicirvos o meu mal, pois téñovos tan gran pavor que nunca tan grande o tiven doutra cousa; e por iso deixo de vos dicir o meu mal e prefiro morrer por vós que vos dicir algo que vos cause pesar.
(II) E por isto, miña señora, eu vivo en gran coita mortal, que non a podería haber maior: ai Deus, quen soubese agora cal é (tal coita) e vola fixese entender e non temese perderse a relación convosco por vos falar diso!
(III) E sabe Deus, miña señora, que se El non me vale contra vós, moito mellor me sería a miña morte que a miña vida, con tal que así eu vos causase gozo, o que eu non vos podo facer nin quere Deus nin vós dispoñelo así.
(IV) E con razón, miña señora, pido eu a miña morte, xa que me falta todo o voso favor e de amor; e xa que o meu tempo así se me acaba amándovos eu a vós, debo querer antes a miña morte que vivir coitado e despois non congratularme (1) de vós, a quen Deus me fixo ver para o meu mal, pois, sen (o voso) favor, vos hei de desexar xa por sempre.
Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8a 8b 8c 8c 8d (= Tav 106:2) + 8c 8c 8d
Encontros vocálicos: 21 mi͜-o
A relativa frecuencia da terminación gráfica -us no Cancioneiro da Vaticana en voces en que é xeral a terminación -os alcanza tamén ao pronome persoal vos, que por veces aparece como <uus> (cfr. un antecedente <uꝯ>), tal como acontece tamén no Cancioneiro da Ajuda.
Embora en Nunes e Indini este verso fique hipométrico, a reintegración do pronome eu (cuxa omisión por contigüidade coa preposición en é doadamente explicábel: <eu en>) resolve a métrica versal e recupera a medida octosilábica (cfr. viv[o] en Littera). E, por outra parte, esta recuperación de eu restaura tamén a presenza simétrica do pronome suxeito na cantiga, xa que é utilizado en todas as estrofas con esta distribución: I, vv. 1, 2; II, v. 9; III, v. 16; IV, vv. 23, 26.
Neste verso, Indini interpretou como verbo é a conxunción inicial do verso, necesaria para ligar as sucesivas frases que constitúen o período exclamativo. Na realidade, esa forma verbal é xa se sobreentende en quen soubess’ora qual (é)!:
ai Deus, quen soubess’ora qual
e vo-la fezess’entender
e non cuidass’i a perder
contra vós por vos i falar! (vv. 11-14).
Obsérvese a repetición da conxunción completiva que tras unha frase parentética, coa particularidade de que reaparece coa forma ca, variante concorrente ao longo do corpus (cfr. nota a 64.15): E Deu-lo sabe, mia senhor, / que, se m’El contra vós non val, / ca mi seria mui melhor / mia morte.
Neste verso cómpre a expunción do adverbio i para recuperar a contaxe octosilábica: son precisamente estes elementos de escaso corpo fónico (artigos ou pronomes como o(s), a(s), eu; adverbios como i ou u; preposicións como a, de, en...) o que ao longo dos cancioneiros poden aparecer (ou desaparecer) con facilidade no proceso de copia e que, quer por razóns sintácticas, quer por razóns semánticas, quer por problemas métricos, poden ser detectadas no proceso editorial das cantigas.
Aparentemente, repetiríase, de forma anómala, a palabra rimante nestes dous versos con fal, tal como BV transmitiron o texto, razón por que Littera emendou fal en sal no v. 25. Con efecto, a asociación entre sair e tempo, co mesmo significado de ‘acabar’ podemos achala en Don Denis: E certo podedes saber / que, pero s’o meu tempo sal / per morte, non á ja i al, / que me non quer’end’eu doer (495.23).
Son moi numerosas as confusións <s>/<f> e <f>/s> (nomeadamente polo alógrafo <ſ>) ao longo dos cancioneiros; limitándomonos ao fal – sal, véxanse as confusións entre as dúas formas verbais en 897.17 (fal <sal> A) e 948.7 (fal <sal> V).
O pronome oblicuo tónico vós é utilizado como complemento directo sen preposición, feito frecuente no corpus trobadoresco (amand’eu vós).
O verbo gradoar ‘alegrarse, estar satisfeito, congratularse’, do lat. gratulāri, ten un uso limitado no corpus das cantigas: 100.2, 824.1, 896.18, 1065.28, 1139.4, 1174.13, 1268.1. Ausente da produción prosística (véxase CGPA, s.v.), só existe unha atestación nas Cantigas de Santa Maria:
Ond’avẽo pois assy que en Beja, u morava
un ome casado ben con sa moller que amava,
almoxerife del Rey era el, e confiava
muit[o] en Santa Maria; mais avia gran tristura
Porque non podi’aver fillo de que gradoasse
e que pos sa mort’en seu aver erdeiro ficasse (CSM 224.25).
A formación nominal ben-fazer ‘beneficio, auxilio, favor’, derivada do correspondente sintagma tan frecuente nas cantigas de amor, constitúe unha formación nominal (similar a ben-querer), frecuente no corpus das cantigas. De calquera maneira, o mesmo substantivo pode verse, en formulación singular e plural, noutras obras da última Idade Media, como na Crónica de D. Fernando: e as rrendas eram postas em seu poder, afora muitos herdamentos moviis e de rraiz e muito bem-fazer da rrainha sua irmãa (Macchi 2004: 355-356); tamén no Livro das Confissões: ca veemos que alguũs synaaes dan largamente aos que lhe pormeten en grandes bem fazeres (Martín Pérez 2012-2013: 367).
Recoñecendo a validade da lección de B (cfr. a proposta de Indini), optamos pola lección alternativa de V, que presenta a común e maioritaria perífrase aver + a + infinitivo (fronte a aver + infinitivo): ei sempr’a desejar vs. ei sempre desejar.