490 [= Tav 18,8]
De grado queria ora saber

De grado queria ora saber
destes que tragen saias encordadas,
en que s’apertan mui poucas vegadas,
se o fazen po-los ventres mostrar,
por que se devan deles a pagar
sas senhores, que no[n] teen pagadas.
Ai Deus, se me quisess’alguen dizer
por que tragen estas cintas sirgadas
muit’anchas come molheres prenhadas,
se cu[idan] eles per i gaanhar
ben das con que nunca saben falar,
ergo nas terras se son ben lavradas!
Encobrir non vo-lhas vejo fazer,
con nas pontas dos mantos trastornadas,
en que semelhan os bois das ferradas
quando as moscas-los veen coitar,
nen se as cuidan per i d’enganar
que sejan deles por én namoradas.
[E] outrossi lhis ar vejo trager
as mangas mui curtas e esfra[lda]das,
ben come se adubassen queijadas
ou se quisessen tortas amassar,
ou quiça o fazen por delivrar
sas bestas, se fossen acevadadas.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 492, V 75

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 40-41 [= LPGP 143]); Paredesa (2001: 288); Lopes (2002: 83); Paredesb (2010a: 261); Littera (2016: I, 101).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 35); Braga (1878: 15-16); Machado & Machado (1950: II, 370-371); Paredes (2010b: 184-187); Paredes (2010c: 129-130); Rios Milhám (2018b: III, 490).
III. Antoloxías: Carballo Calero & García Rodríguez (1983: 52-53); Tavares & Miranda (1987: 223); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 64); Diogo (1998: 181-182).

Variantes manuscritas


3 poucas] pontas B : pōtas V   5 devan] denā V   6 sas] sas (que)   8 cintas] çin(j)tas V   10 eles] elꝉs BV   12 son ben] sse ꝯbē B : ssꝯ ꝯbē V   13 Encobrir] En cobir V; lhas] lhes BV   14 pontas] p̄otas B; trastornadas] t̃astornados B :  tʳastor nados V   15 os bois] as aboys BV; ferradas] afferʳadas B : afferradas V   16 -los] les BV   17 nen] den BV; d'enganar] deuganar B : dengauar V   18 deles] dels BV; namoradas] namorades B : namorados V   20 curtas] turtas B; e esfra[lda]das] et es fradas BV   21 queijadas] queixedas B : quereadas V   23 quiça] qⁱta B

Variantes editoriais


6 teen] tẽe Lapa, Paredesa, Paredesb : têm Littera   13 non vo-lhas] nõn’o lhes Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera   14 con nas] cõnas Lapa, Paredesa, Paredesb : cõn’as Lopes, Littera   16 veen] vẽe Lapa, Paredesa, Paredesb   17 as] om. Lapa    19 [E]] om. Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera; vejo] vejo [i] Lapa, Paredesa, Lopes, Paredesb, Littera   24 acevadadas] acovadadas Lapa, Lopes

Paráfrase


(I) Gustaríame saber deses que traen saias con corda á cintura, que poucas veces traen apertada, se o fan por mostrar os bandullos, para que se sintan orgullosas deles as súas señoras, que non teñen satisfeitas.

(II) Ai Deus, se alguén me quixese dicir por que traen estes cintos de seda moi anchos, como as mulleres preñadas, e se coidan que con iso van obter o favor das damas, con quen nunca saben falar, agás de se as terras están ben labradas!

(III) Non vexo que queiran ocultar as cintas (que disimulaban as barrigas), abanando as puntas dos mantos dun lado para outro, que tal parecen os bois marcados a ferro cando os veñen agobiar as moscas, nin sei se pensan que así as poden enganar e que fiquen deles namoradas.

(IV) E tamén lles vexo traer as mangas moi curtas e arremangadas, tal como se estivesen preparando queixadas ou se quixesen amasar tortas, ou quizais o fan para poder librar as súas bestas se estivesen preñadas de comer tanta cebada.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10’b 10’b 10c 10c 10’b (= Tav 193:2)

Notas


Texto
  • 2

    As saias encordadas son saias axustadas ao corpo até as cadeiras, apertadas con cordóns ou cordas, e con mangas moi estreitas.

  • 3

    As leccións de B e V son claros erros de copias (cfr. pontas no v. 14), explicábeis pola frecuente confusión <u>/<n> e <c>/<t>.

  • 6

    As formas tẽe e vẽe (v. 16) de Lapa e Paredes son incorrectas por presentaren unha vogal nasal en vez da correspondente consoante nasal final.

  • 8

    As cintas sirgadas serían cintas asedadas ou con fío de seda. Porén, embora sirgo aínda conte con importante representación no Corpus Galego-Portugués Antigo, onde chega ao século XV, só achamos o participio a formar parte de complexos onomásticos (véxase Sirgado, CGPA, s.v.). Véxase nota a 735.1.

  • 10

    Nótese a grafía <ll> en <elles> BV, que, alén de se rexistrar en múltiplas ocorrencias de nulho nos apógrafos italianos (especialmente en B) en vez de <lh>, só se acha de forma esporádica como grafía etimolóxica en voces con /l/ procedente, en xeral, da xeminada latina (ali, bailada, castelo, cavalo (e cavaleiro), esmola, querelar, Varela, vassalo, Vilanansur etc., con especial incidencia en ela, aquela e ele/s), moi esporadicamente na forma do pronome el (e mais do artigo el-) (véxase nota a 637.2), nalgunha asimilación do artigo ou do pronome (véxase notas a 6.32 e 918.11) e, finalmente, en voces co secuencia fonética [ɾl], que é transmitida sistematicamente en BV coa grafía <rll> (véxase nota a 392.9).

  • 13

    Na poesía trobadoresca galego-portuguesa é moi frecuente o encontro dos pronomes vos e lhe (ou lhi) polo frecuente uso de vos como dativo ético, resolto cunha asimilación da consoante alveolar á lateral palatal (106.14, 135.7, 142.13, 216.18, 254.16, 393.15, 490.13, 562.11, 722.16, 767.2, 819.2, 971.17, 1121.18, 1648.12), coa única excepción en 1388.8. A mesma solución se encontra nas Cantigas de Santa Maria (CSM 135.69, 151.38, 203.4, 265.102), mesmo algunha vez na secuencia pois + lle: e poy-ll’ ouveron comprada, | un dia ante da luz / moveron do porto Dovra (CSM 35.115); e poi-ll’ alçaron a mesa, | foi catar logo correndo / logar en que o fezesse (CSM 45.37); foi enton ela moi leda | poi-ll’ el diss’ onde ve͂era (CM 55.72).

  • 15-16

    A ferrada é un termo que indica a «[o]peração que consiste em marcar os bois com um ferro ardente» (Vieira 1871-1874: s.v. ferrada). Obviamente, os bois fican transtornados polo sufrimento, acrecentado coa presenza das moscas, que tamén os atormentan.

  • 16

    Para alén da xeral asimilación do substantivo Deus co pronome identificador (véxase nota a 25.16), poden atestarse outras asimilacións esporádicas con algúns substantivos, como moscas e tamén con donas (721.5), braços (962.27) e vezes (1487.4), ás veces coa grafía arcaica <s-l>. Véxase nota a 5.10.

  • 19

    É relativamente frecuente a omisión da copulativa inicial de estrofa (e de fiinda ou de verso) nos manuscritos, que nos permite neste caso restaurar a isometría versal. Casos semellantes documéntanse en 106.8, 151.7, 157.7, 163.11, 261.13, 293.8, 294.7 e 13, 332.7, 408.7, 447.7, 448.8, 490.19, 586.11 etc.

  • 20-22

    Para adubar queijadas (‘preparar derivados do leite, xeralmente doces’) e tortas amassar, as mangas deben estar esfraldadas, isto é, arremangadas, coa parte baixa (fralda) subida.

  • 23-24

    O verbo delivrar, co significado xeral de ‘dar liberdade a, soltar, ceibar’, no contexto ten unha acepción máis concreta, cal ‘expelir a placenta ou quitas; parir’, que sobrevive en portugués (véxase Houais & Villar 2001, s.v. delivrar) e continúa no galego moderno baixo a forma librar (véxase RILG, s.v. librar). Este significado xa aparece explícito nas Cantigas de Santa Maria: ouve fillo e saude, / porque cedo, se mi ajude / Deus, foi delivrada / e a ssa madre dada (CSM 89.51); e máis adiante, en 1575, aparece co significado de ‘parir’ nos Contos e histórias de proveito e exemplo (Trancoso 2013: 330, s.v. delivrar).
    A seguir coa pasaxe, fronte á lectio facilior que supón a emenda lapiana (seguida por Lopes) para acovadadas (‘deitadas sobre os cóvados’), é preferíbel respectar a lección <aceuadadas>~<açeuadadas> dos manuscritos, que, en principio, semella facer referencia ás bestas acevadadas, isto é, ‘eguas cunha doenza que provoca a inflamación dalgúns membros’ (véxase Mettmann 1960: 315-16), conforme se explica no Livro d’Alveitaria do Mestre Giraldo («O nono deçimo capitollo he do cauallo açeuadado que come mujto trijgo cou mujta ladella»): «Ay hũua door que sse faz ao cauallo no corpo do mujto comer da çeuada e inchalho ventre e ho estamago e fazemxelhe todo muj duro e em quanto ha esta doença tem os ylhaas inchados. // E o caualo que ha esta doença çhamamlhe açeuadado e adur pode estar erjudo que se nom deyte em terra. // E a cura desta door he tal [...]» (Pereira 1909: 31).
    No entanto, o contexto aconsella considerar un outro verbo acevadar, que está presente na lexicografía histórica portuguesa a través de Agostinho Barbosa, no Dictionarium Lusitanicum Latinum de 1611 («Acevadar. Hordeo saturare, vel explere. Acevadado. Hordeo saturatus, vel expletus»), ou Rafael Bluteau no Vocabulario Portuguez e Latino de 1712-1728 («acevadar. Fartar de cevada. Hordeo farcire. Saturare. Saginare. § Acevadar hum cavallo, que anda no campo, acostumalo a comer cevada. Equum hordeo assuefacere») (véxase CLP, s.v. acevadar). Isto é, tal como se recolle no Dicionário de Domingos Vieira, acevadar é «[f]artar con cevada» (Vieira 1871-1874, s.v. acevadar). Esta acepción aparece confirmada na Crónica Geral de Espanha de 1344: Et ẽcomendouho aa condessa dona Sancha, que lho fezesse bem passar e que lho acevadasse e fartasse muy bem, em tal guisa que lhe nõ fallecesse, quãdo o mester ouvesse (Cintra 1952-1990: III, 199).
    Deste xeito, as mangas dos personaxes satirizados son curtas como se traballasen co leite para facer queijadas, se amasasen tortas ou se quixesen axudar a delivrar as súas eguas ‘preñadas’ de tanta cebada que comen.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado