1465 [= RM 127,5]
Meu senhor, direi-vos ora

Meu senhor, direi-vos ora,
pela carreira de Mora,
u vós ja pousastes fóra
e convosco os de Touro,
ca, pero que alguen chora,
trag’eu o our’e o mouro.
Pero non vos custou nada
mia ida nen mia tornada,
grad’a Deus, con mia espada
e con meu cavalo louro,
ben da vila da Graada
trag’eu o our’e o mouro.
Meu senhor, que vos semelha
do que xe vosc’aparelha
e vos anda na orelha
rogindo come abesouro,
[Don] Roi Gomez de Telha?
Trag’[eu] o our’e o mouro!
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 1445 (f. 300v, cols. a-b), V 1056 (ff. 171v, col. b, 172r, col. a)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 582 [= LPGP 850-851]); Lopes (2002: 426); Littera (2016: II, 393-394).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 366-367); Braga (1878: 201); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 191; 582-394); Nunes (1919: III, 8-9); Machado & Machado (1958: VI, 145-146); Camargo et alii (1985: 75).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 357).

Variantes manuscritas


2 carreira] careira B   3 vós] nos B   5 ca] c B : ea V   6 eu] en B   7 non] nā B   9 Deus] des V   14 vosc’aparelha] uo scapa pilha B : uoscara pelha V   16 come] cōme B   18 Trag’[eu] o] Traio B : traio V

Variantes editoriais


5 ca, pero] e pero Lapa, Lopes, Littera   14 vosc’aparelha] vo’scarapelha Lopes : vos ‘carapelha Littera   17 [Don]] [que] Lapa : om. Lopes, Littera   18 Trag’[eu]] Trag’[i] Lapa, Lopes, Littera

Paráfrase


(I) Meu señor, direivos agora, polo camiño de Mora, onde vós xa pasastes a noite ao ar libre xunto cos de Toro, que, aínda que alguén se lamenta, traio eu o ouro e o mouro.
(II) Aínda que non vos custou nada a miña ida nin a miña volta, grazas a Deus, coa miña espada e co meu cabalo louro, da cidade de Granada, ben traio eu o ouro e o mouro.
(III) Meu señor, que vos parece do que se pon á par de vós e vos anda rosmando na orella como un abesouro? Don Roi Gomez de Telha, traio eu o ouro e o mouro!

Métrica


Esquema métrico: 3 x 7’a 7’a 7’a 7’b 7’a 7’B (= RM 13:68)

Encontros vocálicos: 16 comeabesouro; 17 Ro·i

Notas


Texto
  • *

    Pero Gomez Barroso, cabaleiro exiliado na corte de Afonso X de Castela a raíz da guerra civil entre Sancho II e Afonso III de Portugal, participou nas campañas militares emprendidas polos monarcas casteláns no sur peninsular, o que o converteu en beneficiario de diversas propiedades en Sevilla, Orihuela, ou Murcia. Como se ve nesta cantiga, así como noutras da súa autoría (UC 1462-1464), contribuíu como trobador á serie de sátiras políticas contra os membros da alta nobreza que se rebelaron contra o rei Sabio, e que remataron expatriándose para o reino musulmán de Granada. Pero Gomez Barroso coñeceu o conflito de primeira man ao ser un dos enviados a Granada polo infante Fernando de la Cerda para parlamentar cos rebeldes. A pesar de se entrevistar e chegar a un acordo cos sublevados na vila nazarí de Alcalá de Benzaide, finalmente este non foi aceptado polo rei Sabio (Hernández 2021: I, 81-84). Sobre este ciclo véxase tamén Beltran 2001 e, sobre esta cantiga en concreto, véxase tamén o Projeto Littera.

    A voz poética do texto parece ser a do propio Pero Gomez, que se dirixe directamente ao seu señor o rei, a quen acompaña por terras toledanas, lembrándolle que, a pesar de haber quen se lamente diso, é el quen trae o ouro e o mouro, en alusión ao rei de Granada e ao tributo que este tiña que pagar. No penúltimo verso parece concretizarse na persoa de Don Roi Gomez de Telha, outro cabaleiro portugués exiliado en Castela, a figura próxima ao rei que, talvez por envexa, se lamentaba do éxito e o criticaba falándolle mal del ao propio rei.

  • 2

    Mora alude ao concello de Mora, preto de Toledo (España).

  • 4

    Touro refírese á cidade de Toro, en Zamora (España).

  • 11

    Nótese a utilización do artigo co topónimo Graada (Granada), similar a outros artigos toponímicos que achamos ao longo do cancioneiro profano galego-portugués:

    Ao daian de Calez eu achei
    livros que lhi levavan da Beger (491.2);

    mias toucas da Estela,
    eu non vos tragerei (920.9-10).

  • 14

    É de notar a fantasiosa lectura e interpretación de Lopes para este verso (do que xe vo’scarapelha) cunha peculiar explicación: «escarapelha, de “escarapelar”, verbo ainda hoje existente em galego com o sentido de “arranjar briga”». En Littera aínda se perpetúa a errada lectura do que xe vos ‘carapelha.

  • 16

    A forma <cõme> de B, que tamén se encontra en V, mostra unha grafía latinizante que aparece esporadicamente nesta conxunción (come ~ como) nos apógrafos italianos, mais que é moi frecuente na prosa galego-portuguesa. Véxase nota a 63.2.
    Fóra das cantigas, a voz abesouro só a achamos sob a forma besouro na tradución da Confessio Amantis

    Soomente semelhante he ao besouro, cuja naturalleza he, segundo se acha em scripto que, na maior queentura dos dias de Maio, elle abre suas aas e voa pera çima oolhando a so si como naçem as fermosas flores, com as quaees toma, porem, muito prouco prazer, ca, onde acha o esterco da besta, logo vai alla pousar e farta-se muito bem, como aquelle que doutra cousa nom he tanto contente como delle (Faccon 2012: 338).

    E tamén se documenta no cancioneiro de Garcia de Resende, onde se rexistran as formas besouro e bisouro:

    Com barba de mouro,
    toucar rrecoueiro,
    hũ zunzum de besouro
    em som lastimeiro (Dias 1999: I, 160).

    escaravelho ou bisouro,
    qu’em cousas çujas aferra (Dias 1993: IV, 338).

  • 17

    Completamos a lacuna (unha sílaba) do verso co tratamento Don, que non interfire textualmente na cantiga. É personaxe citado marxinalmente nos Livros de Linhagens (véxase Mattoso 1980: II/1, 366; Brocardo 2005: 117). Con efecto, alén da súa aparición no Nobiliario por mor do casamento da súa filla Leonor Rodriguiz de Telha con Afonso Novaes, e que a súa muller era D. Tereja Gonçalvez de Saa. Véxase Projeto Littera, s.v. Rui Gomes de Telha; Marcenaro & González (2024: s.v. Roi Gomez de Telha).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado