1464 [= RM 127,2]
Chegou aqui Don Foã[o] e veo mui ben guisado

Chegou aqui Don Foã[o] e veo mui ben guisado;
pero non vẽo ao maio,
por non chegar endoado,
demos-lhi nós ũa maia das que fezemos no maio.
Per bõa fe, ben guisado chegou aqui Don Foã[o],
pero non vẽo no maio;
mais, por non chegar en vão,
demos-lhi nós ũa maia das que fezemos no maio.
Porque vẽo ben guisado, con tenda e con reposte,
pero non vẽo eno maio
nen vẽo a Pintecoste,
demos-lhi nós ũa maia das que fezemos no maio.
Pois trage reposte e tenda en que se tenha viçoso,
pero non vẽo no maio
por non ficar perdidoso,
demos-lhi nós ũa maia das que fezemos no maio.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 

Manuscritos


B 1444 (f. 300r, col. b, 300v, col. a), V 1055 (f. 171v, cols. a-b)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 581 [= LPGP 849]); Lopes (2002: 425); Littera (2016: II, 393).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 366); Braga (1878: 201); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 189-190); Nunes (1919: III, 8); Machado & Machado (1958: VI, 144-145); Camargo et alii (1985: 70-71).
III. Antoloxías: Nunes (1959: 397-398); Fonseca (1971: 100); Tavares & Miranda (1987: 261-262); Alvar & Beltrán (1989: 138-139); Diogo (1998: 145); Alvar & Talens (2009: 378).

Variantes manuscritas


1 Foã[o]] foam BV   4 maio] malyo V   5 Per bõa fe] Per(o) boa fe B; Foã[o]] foā BV   6-7 vẽo ... vão] veno ... nano B   8 fezemos] fezemus B   9 guisado] grisado V; e] er B   11 Pintecoste] pindecoste V   12 fezemos] fezemus B   13 trage] tras V; e] s B : o V; viçoso] uiço V   14-15 vẽo ... por] ueno ... Pre B   15-16 por ... / ... maia] om. V   16 maia ... fezemos] mays ... fezemus B

Variantes editoriais


En Lapa a cantiga foi editada en versos longos, con refrán de un único verso (o v. 3).
En Lopes todos os versos da cantiga (estrofa e refrán) son heptasílabos, sen considerar refrán intercalar. 
Littera edita con versos longos o corpo da estrofa, sen refrán intercalar, con refrán formado por dous versos finais heptasilábicos.

1 Foã[o]] Foam Littera   2 vẽo] veo Lopes, Littera   5 bõa] boa Lapa, Lopes, Littera; Foã[o]] Foam Littera   6 vẽo] veo Lopes, Littera   9 vẽo] veo Lopes, Littera   10-11 vẽo ... vẽo] veo ... veo Lopes, Littera   15 vẽo] veo Lopes, Littera

Paráfrase


(I) Chegou aquí Don Fulano e veu moi ben fornecido de todo; aínda que non veu ao maio, para que non veña (agora) sen proveito, deámoslle nós unha maia das que fixemos no maio.
(II) Abofé que Don Fulano chegou aquí ben fornecido de todo, aínda que non veu ao maio; mais para que non veña (agora) en van, deámoslle nós unha maia das que fixemos no maio.
(III) Porque veu moi ben fornecido de todo, con tenda e con enxoval doméstico, aínda que non veu no maio, nin veu por Pentecoste, deámoslle nós unha maia das que fixemos no maio.
(IV) Pois trae enxoval e tenda en que se aloxe satisfeito, xa que non veu ao maio, para que non fique con perdas, deámoslle nós unha maia das que fixemos no maio.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 15’a 7’B 7’a 15’B

Encontros vocálicos: 2 vẽ·oa·o; 10 vẽ·oe·no; 13 repostee

Estrutura métrica alternativa: 4 x 15’a 15’a 15’B (= RM 26:16). En Lapa (1970 [1965]: 581 [= LPGP 849])

Notas


Texto
  • *

    A dispositio da composición varía conforme as edicións polas diversas posibilidades de organización versal. Desde a súa edición en versos longos de 15 sílabas (Lapa), a distribución do texto en heptasilábicos graves, con presenza de versos libres (Lopes), até a última edición de Littera, con versos de 15 sílabas combinados con dous heptasílabos no refrán (sen rima entre eles). No entanto, xulgamos que a disposición máis acaída é aquela indicada pola rima, cunha combinación métrica 15’+7’ que se rexistra noutras cantigas.
    Pero Gomez Barroso, cabaleiro exiliado na corte de Afonso X de Castela a raíz da guerra civil entre Sancho II e Afonso III de Portugal, participou nas campañas militares emprendidas polos monarcas casteláns no sur peninsular, o que o converteu en beneficiario de diversas propiedades en Sevilla, Orihuela, ou Murcia. Como se ve nesta cantiga, así como noutras da súa autoría (UC 1462-1463, 1465), contribuíu como trobador á serie de sátiras políticas contra os membros da alta nobreza que se rebelaron contra o rei Sabio, conflito que coñeceu de primeira man ao ser un dos enviados a Granada polo infante Fernando de la Cerda para parlamentar cos rebeldes. A pesar de entrevistarse e chegar a un acordo cos sublevados na vila nazarí de Alcalá de Benzaide, finalmente este non foi aceptado polo rei Sabio (Hernández 2021: I, 81-84). Sobre este ciclo véxase tamén Beltran 2001.    
    A cantiga parece xogar no refrán cos conceptos de maio e maia. O primeiro aludiría ao momento en que, chegado o bo tempo propicio para a guerra, o rei xuntaba os seus exércitos, agrupando as hostes con que contribuían cada un dos seus nobres vasalos. Pola súa parte, maia alude ás festividades que se realizan nos inicios de maio, e tamén aos ramos que se confeccionaban e ás cantigas que se cantaban. Neste contexto proponse que, xa que Don Fulano non veu ao maio cando debía, e chegou agora, lle sexa dada unha maia para que non viñese en balde. Non é doado interpretar aquí o valor do termo maia: podería interpretarse como ramallo con flores, talvez como símbolo de feminidade, mais en todo caso fóra de lugar; tamén podería interpretarse como cantiga dedicada a el (lémbrese que aínda hoxe as cantigas que se compoñen para as festas de maio en Ourense, chamadas maios, teñen carácter satírico).

  • 1

    A convivencia e vacilación entre Foan e Foão (do ár. fulān) é similar á rexistrada no corpus entre Estevan e Estevão (de Stephanum, coa primeira forma por posición proclítica) ou vilan ~ vilão (do lat. vīllānum), todas elas con diferente contaxe métrica1 . Nesta composición, a forma trisilábica Foã[o], para alén da súa necesidade por razóns de medida no v. 1, é indubitábel no v. 5 pola obrigada rima con vão, feito que confirma a xusteza da emenda. Nótese, ademais, a convivencia das dúas variantes por exemplo en UC 1521 (v. 1 e 11) por motivos rimáticos. En calquera caso, no corpus detéctanse outras situacións similares, con Foã[o] en 1332.5 e 12, 1633.2; e contrariamente, con foan (esixido pola métrica), en 484.1 (<ffoādo> B, corrixido por Colocci coa forma <ffoāo>, e <ffoāo> V) e 1338.1 (<foão> BV).

  • 2

    Nótese a variación no primeiro verso do refrán, con mudanza preposicional (I ao vs. II-IV no), cunha nova variación na terceira estrofa: eno (III) vs. no (II, IV).
    O verso intercalar do refrán parece remitir ao refrán non ven al maio doutra cantiga do ciclo contra os cabaleiros (UC 494) da autoría do propio rei Sabio.

  • 4

    A maia é termo polisémico, pois indica o ramo que se ofertaba na festa dos maios, unha celebración popular xa na Idade Media, ben como a propia festa que se celebra nos inicios de maio. As maias son glosadas en obras diversas. Así, na Crónica Geral d’Espanha de 1344

    E, quãdo chegarõ aaquella fonte ẽ que as moças tomavã augua pera as mayas e foron nẽbrados como era primeiro dia de Mayo, começarõ os Castellãaos de hyr cantando as mayas (Cintra 1961: III, 362). 

    Tamén na versión romance da Confessio Amantis

    E assi aqueeçeo hũu dia, e esto era no mes de Maio, que este rei mandou aparelhar hũu carro muito nobremente, no qual entendia d’hir aas maias e folgar fora da çidade com muitos onrados senhores e nobres gentes, como naquelle tenpo era seu costume; das quaees algũus jogavom e outros cantavom, e delles andavom de pee e delles de cavallo e outros corriam seus cavallos aa de parte e enfreavam-nos ora pera dentro, ora pera fora (Faccon 2012: 315). 

    E nos textos eclesiásticos achamos prohibicións relacionadas coas maias (Sínodo de 1403): 

    Item, se continha em ellas que nom cantassem maias, nem tomassem agoas, nem lançassem hi sortes, nem dessem janeiras, nem lançassem cal às portas com emtençom que por as darem ou receberem emtendessem da [sic] aver melhor ano ou mes e nom as dando ou recebendo peor, e que nom gardasem os dias azinhagoos, nem a terça feira, creendo que hũu dia hé de melhor ventuira que o outro (García y García 1982: 335).

  • 7

    A presenza de -n- nas leccións <veno> e <ueno> vẽo (vv. 7, 15) e mais de <uano> vão (v. 7) de B é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /ẽ/ e /ã/, o mesmo que noutras voces que se rexistran esporadicamente, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <alguna> algũa e <huna> ũa, <bona> bõa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <dona> dõa, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uilano> vilão. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b. Cfr. nota a 582.3.

  • 8

    É infrecuente no Cancioneiro da Biblioteca Nacional a presenza da terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<fezemus>, vv. 8, 12, 16); na realidade, esta grafía aparece xeralmente en V en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

  • 9

    A voz reposte (‘enxoval doméstico’), tamén no v. 13, rexístrase noutro texto de Pero Gomez Barroso (1462.11), para alén da súa presenza nunha cantiga de Afonso X (458.2) e noutra de Torneol (1389.6).

  • 11

    A festa cristiá de Pentecoste celébrase cincuenta días despois da Pascua.

  • 15

    O adxectivo perdidoso ‘que sofreu perda, prexudicado’, derivado de perder, é de uso normal na lingua medieval (véxase CGPA, s.v.).

  1. ^

    Estas formas lembran aínda outras vacilacións, como capelan / capelão (nas cantigas só se rexistra a primera, talvez a través do prov.; cfr. lat. cappellanum) ou ermitan / ermitão (só a segunda; cfr. a primeira nas CSM, véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v. ermitan).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado