I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 582 [= LPGP 850-851]); Lopes (2002: 426); Littera (2016: II, 393-394).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 366-367); Braga (1878: 201); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 191; 582-394); Nunes (1919: III, 8-9); Machado & Machado (1958: VI, 145-146); Camargo et alii (1985: 75).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 357).
2 carreira] careira B 3 vós] nos B 5 ca] c B : ea V 6 eu] en B 7 non] nā B 9 Deus] des V 14 vosc’aparelha] uo scapa pilha B : uoscara pelha V 16 come] cōme B 18 Trag’[eu] o] Traio B : traio V
5 ca, pero] e pero Lapa, Lopes, Littera 14 vosc’aparelha] vo’scarapelha Lopes : vos ‘carapelha Littera 17 [Don]] [que] Lapa : om. Lopes, Littera 18 Trag’[eu]] Trag’[i] Lapa, Lopes, Littera
(I) Meu señor, direivos agora, polo camiño de Mora, onde vós xa pasastes a noite ao ar libre xunto cos de Toro, que, aínda que alguén se lamenta, traio eu o ouro e o mouro.
(II) Aínda que non vos custou nada a miña ida nin a miña volta, grazas a Deus, coa miña espada e co meu cabalo louro, da cidade de Granada, ben traio eu o ouro e o mouro.
(III) Meu señor, que vos parece do que se pon á par de vós e vos anda rosmando na orella como un abesouro? Don Roi Gomez de Telha, traio eu o ouro e o mouro!
Esquema métrico: 3 x 7’a 7’a 7’a 7’b 7’a 7’B (= RM 13:68)
Encontros vocálicos: 16 come‿abesouro; 17 Ro·i
Pero Gomez Barroso, cabaleiro exiliado na corte de Afonso X de Castela a raíz da guerra civil entre Sancho II e Afonso III de Portugal, participou nas campañas militares emprendidas polos monarcas casteláns no sur peninsular, o que o converteu en beneficiario de diversas propiedades en Sevilla, Orihuela, ou Murcia. Como se ve nesta cantiga, así como noutras da súa autoría (UC 1462-1464), contribuíu como trobador á serie de sátiras políticas contra os membros da alta nobreza que se rebelaron contra o rei Sabio, e que remataron expatriándose para o reino musulmán de Granada. Pero Gomez Barroso coñeceu o conflito de primeira man ao ser un dos enviados a Granada polo infante Fernando de la Cerda para parlamentar cos rebeldes. A pesar de se entrevistar e chegar a un acordo cos sublevados na vila nazarí de Alcalá de Benzaide, finalmente este non foi aceptado polo rei Sabio (Hernández 2021: I, 81-84). Sobre este ciclo véxase tamén Beltran 2001 e, sobre esta cantiga en concreto, véxase tamén o Projeto Littera.
A voz poética do texto parece ser a do propio Pero Gomez, que se dirixe directamente ao seu señor o rei, a quen acompaña por terras toledanas, lembrándolle que, a pesar de haber quen se lamente diso, é el quen trae o ouro e o mouro, en alusión ao rei de Granada e ao tributo que este tiña que pagar. No penúltimo verso parece concretizarse na persoa de Don Roi Gomez de Telha, outro cabaleiro portugués exiliado en Castela, a figura próxima ao rei que, talvez por envexa, se lamentaba do éxito e o criticaba falándolle mal del ao propio rei.
Mora alude ao concello de Mora, preto de Toledo (España).
Touro refírese á cidade de Toro, en Zamora (España).
É de notar a fantasiosa lectura e interpretación de Lopes para este verso (do que xe vo’scarapelha) cunha peculiar explicación: «escarapelha, de “escarapelar”, verbo ainda hoje existente em galego com o sentido de “arranjar briga”». En Littera aínda se perpetúa a errada lectura do que xe vos ‘carapelha.
A forma <cõme> de B, que tamén se encontra en V, mostra unha grafía latinizante que aparece esporadicamente nesta conxunción (come ~ como) nos apógrafos italianos, mais que é moi frecuente na prosa galego-portuguesa. Véxase nota a 63.2.
Fóra das cantigas, a voz abesouro só a achamos sob a forma besouro na tradución da Confessio Amantis:
Soomente semelhante he ao besouro, cuja naturalleza he, segundo se acha em scripto que, na maior queentura dos dias de Maio, elle abre suas aas e voa pera çima oolhando a so si como naçem as fermosas flores, com as quaees toma, porem, muito prouco prazer, ca, onde acha o esterco da besta, logo vai alla pousar e farta-se muito bem, como aquelle que doutra cousa nom he tanto contente como delle (Faccon 2012: 338).
E tamén se documenta no cancioneiro de Garcia de Resende, onde se rexistran as formas besouro e bisouro:
Com barba de mouro,
toucar rrecoueiro,
hũ zunzum de besouro
em som lastimeiro (Dias 1999: I, 160).
escaravelho ou bisouro,
qu’em cousas çujas aferra (Dias 1993: IV, 338).
Completamos a lacuna (unha sílaba) do verso co tratamento Don, que non interfire textualmente na cantiga. É personaxe citado marxinalmente nos Livros de Linhagens (véxase Mattoso 1980: II/1, 366; Brocardo 2005: 117). Con efecto, alén da súa aparición no Nobiliario por mor do casamento da súa filla Leonor Rodriguiz de Telha con Afonso Novaes, e que a súa muller era D. Tereja Gonçalvez de Saa. Véxase Projeto Littera, s.v. Rui Gomes de Telha; Marcenaro & González (2024: s.v. Roi Gomez de Telha).