1442 [= RM 88,14 = 141,6]
Rodrig’Ianes, queria saber

– Rodrig’Ianes, queria saber
de vós por que m’ides sempre travar
en meus cantares, ca sei ben trobar,
e a vós nunca vos vimos fazer
cantar d’amor nen d’amigo; e por én,
se querede-lo que eu faço ben
danar, terran-vos por sen-conhocer.
– Lourenço, tu fazes i teu prazer
en te quereres tan muito loar,
ca nunca te vimos fazer cantar
que ch’eu queira nen no demo dizer;
com’esso dizes, ar di ũa ren:
que es omen mui comprido de sén
e bon meestr’e que sabes leer.
– Rodrig’Eanes, sempr’eu loarei
os cantares que mui ben feitos vir
quaes eu faço, e quen os oir
pagar-s’-á deles; mais vos eu direi:
dos sarilhos sodes vós trobador,
ca non faredes un cantar d’amor
por nulha guisa qual [o] eu farei.
– Lourenço, enas terras u eu andei
non vi vilan [a]tan mal departir,
e vejo-te [de] trobares cousir
e loar-te; mais ũa cousa sei
de tod’omen que entendudo for:
non avera en teu cantar sabor
nen cho colherán en casa d’el-rei.
– Rodrig’Ianes, u meu cantar for,
non ach[ar]á rei nen emperador
que o non colha mui ben, eu o sei.
– Lourenço, tenho que es chufador
e vejo-t’ora mui gran loador
de pouco sé[n, e] non cho creerei.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 
 
 

Manuscritos


V 1032 (ff. 166v, col. b, 167r, cols. a-b)
[Tenzón]

Edicións


I. Edicións críticas: Tavani (1964: 103-104 [= LPGP 604-605]); Lapa (1970 [1965]: 409-410); Lopes (2002: 287-288); Littera (2016: II, 68-69).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 356-357); Braga (1878: 196); Machado & Machado (1960: VII, 132-133).
III. Antoloxías: Torres (1977: 341-342); Tavares & Miranda (1987: 194-195); Alvar & Beltrán (1989: 254-255); Pena (1990: 263-264); Pena (1993: 149-150); Alvar & Talens (2009: 528-530).

Variantes manuscritas


1 Ianes] manes V   2 m’ides] mindes V   4 nunca vos] nunta uos V   7 vos] uos V   8 Lourenço] Lourenzo V   11 queira] querra V   15 loarei] lcarey V   17 faço] fazo V   18 deles ... vos] dell̄s ... uos V   19 sodes] sades V   21 qual] q̅l V   22 Lourenço, enas] Louren çean̄s V   23 [a]tal mal] tan mal V   26 tod’omen] co domen V   30 ach[ar]á rei] acharey V   34 cho] tho V

Variantes editoriais


1 Ianes] Eanes Lapa, Lopes, Littera   7 sen-conhocer] sem conhocer Littera   8 Lourenço] Lourenzo Tavani   11 ch’eu] che u Tavani : cho Lapa : ch’en Lopes, Littera; queira] querrá Lopes, Littera; nen no] nẽno Lapa : nen’o Lopes, Littera   12 com’esso] com esso Tavani : con esso Lapa; di] hy Tavani : i Lapa   17 faço] fazo Tavani   19 sarilhos] Sarilhos Tavani, Lapa   20 un] hũ Tavani   21 qual [o] eu farei] qual eu [i] farei Lapa : qual eu [o] farei Lopes, Littera   22 Lourenço, enas terras u eu andei] Lourenç’ Eanes, terras hu (eu) andey / [eu] Tavani   23 vilan [a]tan] vilão tan Lapa : vilão tam Lopes : vilam tam Littera   24 [de]] [em] Littera   29 Ianes] Eanes Lapa, Lopes, Littera   30 ach[ar]á] acharei Littera   34 pouco sé[n], [e]] poco sse[n, e] Tavani

Paráfrase


(I) –Rodrig’Ianes, quería saber de vós por que me ides sempre criticar os meus cantares, porque eu sei trobar ben, e a vós nunca vos vimos facer un cantar de amor nin de amigo, e por iso, se queredes danar o que eu fago ben, teranvos por un ignorante.
(II) –Lourenço, ti fas o que máis satisfacción che causa gabándote tanto, pois nunca te vimos compor unha cantiga que eu queira, nin o demo, cantar; e como dis iso, di tamén outra cousa: que es um home moi cordo e bo mestre (da arte) e que es letrado.
(III) –Rodrig’Eanes, eu sempre loarei os cantares que considere moi ben feitos como os que eu fago, e quen os ouvir ha de sentir gusto deles: e direivos máis: vós sodes o trobador dos sarillos, pois nunca faredes, de maneira ningunha, un cantar de amor como o que eu farei.
(IV) –Lourenço, nas terras por onde eu andei non vin un plebeo argumentar tan mal, e véxote avaliar o teu trobar e louvarte; mais sei unha cousa de calquera que for entendido: nunca lle agradará o teu cantar nin cho aceptarán na corte real.
(1) –Rodrig’Ianes, a onde o meu cantar for, non achará rei nin emperador que o non reciba moi ben, eu o sei.
(2) –Lourenço, considero que es un chufón e agora véxote como un gran louvador con pouco siso, e non cho crerei.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= RM 161:62) + 2 x 10c 10c 10a

Encontros vocálicos: 1 I·a·nes; 5 amigo,e; 22 Lourenço,enas; 29 I·a·nes

Notas


Texto
  • *

    O xograr Lourenço foi albo de críticas doutros trobadores, que o atacaron sobre todo por non se limitar á interpretación e querer ser tamén trobador, isto é, compositor. Nesta polémica participou Joan Garcia de Guilhade, trobador a cuxo servizo Lourenço exercía de intérprete (UC 1513, 1514, 1515, 1516, 1520), mais tamén outros trobadores: Joan Perez d’Avoin (UC 1420), Joan Soarez Coelho (UC 1432), Rodrig’Eanes Redondo (UC 1442), Pero Garcia Burgales (UC 1444), Joan Vaasquiz de Talaveira (UC 1445), Pedr’Amigo de Sevilha (UC 1680). Lourenço, aludido tamén na tenzón entre Soarez Coelho e Joan d’Avoin (UC 1421), non só retrucou nas tenzóns senón que mesmo utilizou unha cantiga de amigo para defender o seu dominio da arte de trobar (UC 1279).

  • 1

    O nome do trobador Rodrig’Eanes Redondo presenta o patronímico coa variante fonética Ianes (tamén no v. 29); as dúas formas do antropónimo aparecen tamén no primeiro verso do refrán de UC 977: Eanes (I) vs. Ianes (II-III).

  • 7

    Só achamos a formación nominal sen-conhocer na lírica profana (tamén 1036.7, 1237.11, 1443.19, 1672.14), onde é formación sinónima de ‘parvo, desasisado’, similar a outras formacións, como sen-razon, sen-saber ou sen-verdade (véxase UC/Glosario, s.v.). Porén, un uso próximo, sen lexicalización pode verse na Crónica Geral Galega:

    Et tu me semellas a dona sem piedade et sem boo conocer, et tees grã poder de fazer bẽ et mal (CGPA, ed. R. Lorenzo).

  • 11

    A segmentación de <cheu> en Tavani (che u) semella anómala e artificiosa (o grande editor italiano considera que “cheu è da leggere che [= te] u, in cui u rappresenta la forma atona del dimostrativo”). Talvez influído por este comentario, Lapa estabelece directamente cho. E aínda Lopes e Littera innovan na interpretación de <cheu> cunha nova proposta textual (ch’en). Acreditamos en que a solución máis pertinente é manter a lección <cheu> cunha segmentación (ch'eu) que considere eu como suxeito de queira (véxase Ferreiro 2021a: 276-277). Así, fronte ao CD te, repárese na forma che como CI (tamén nos vv. 28 e 34), procedente da palatalización por fonética sintáctica do lat. te (véxase Ferreiro 1999: §§104b, 155.2): ao longo do corpus trobadoresco achamos casos diversos (Ferreiro 2012c), o mesmo que na prosa, con perto de 150 ocorrencias da forma palatalizada en textos galegos no banco de datos do TMILG, s.v. che, chi, cho(s), cha; en textos escritos en Portugal só se pode localizar na contracción cho/-a nuns poucos contextos, que se concentran na Demanda do Santo Graal (véxase CGPA, s.v.).

  • 12

    Di é forma imperativa de dizer, derivada directamente da forma latina dīc, que modernamente foi refeita para diz en portugués conforme o padrón morfolóxico verbal (lusitano). Nótese como Tavani e Lapa interpretaron o verso a partir dunha (errada) deglutinación de <comesso>, convertido en com esso ~ con esso e mais da desnecesaria emenda de <dy>: “Tavani encontrou a boa leitura: com esso, dizes ar hy hũa rem (= além disso, dizes ainda uma coisa)” (Lapa).

  • 18

    A grafía <ll> de eles en V, alén de se rexistrar en múltiplas ocorrencias de nulho nos apógrafos italianos (especialmente en B) en vez de <lh>, só se acha de forma esporádica como grafía etimolóxica en voces con /l/ procedente, en xeral, da xeminada latina (ali, bailada, castelo, cavalo –e cavaleiro–, esmola, querelar, Varela, vassalo, Vilanansur etc., con especial incidencia en ela, aquela e ele/s), moi esporadicamente na forma do pronome el (e mais do artigo el-) (véxase nota a 637.2), nalgunha asimilación do artigo ou do pronome (véxanse notas a 6.32 e 918.11) e, finalmente, en voces coa secuencia fonética [ɾl], que é transmitida sistematicamente en BV coa grafía <rll> (véxase nota a 392.9).

  • 19

    O feito de Sarilhos aparecer como antropónimo e topónimo nalgúns documentos medievais levou Lapa a concederlle ese carácter na cantiga (cfr. «Parece tratar-se de um topónimo de sentido pejorativo, como quem dissesse “trovador de aldeia”»); porén, nada hai que impida a consideración de sarilho como nome común.

  • 31

    A secuencia do verso aínda permitiría unha diferente puntuación, ampliando a expresión formularia a mui ben eu o sei, similar a outras do mesmo teor construídas por volta do verbo saber (véxase UC/Glosario, s.v. saber): que o non colha, mui ben eu o sei.

  • 32

    O termo chufador ‘escarnecedor, mentiroso; fachendoso, presumido’ (tamén en 1671.25, alén da súa presenza na rúbrica da cantiga UC 114) forma parte da familia lexical de chufar, ben representada na lírica profana galego-portuguesa (véxase nota a 1475.20). Aparece, outrosí, nas Cantigas de Santa Maria:

              ...; e per y entendendo
    foron que a Virgen mui de prez
    fez fazer esto en defendendo 
    os seus de Juyão chufador (CSM 16.156).

    Ca a Virgen gloriosa, cujos son aqueles mares,
    fez-lles que sse non podessen mover daqueles logares
    du estavan, con mal tenpo, e todo-los seus chufares
    fezo que nada non fossen, macar eran chufadores (CSM 379.38).

    Tamén se rexistra na Crónica Geral Galega (CGPA, ed. R. Lorenzo): 

    Et demays que os galegos et os leoneses som muy chufadores et de grã parauoa, et estã cõ el rrey seu senor gabãdose da (da) bõa andança que ouuerõ, que dize mays ca deuẽ.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado