1414 [= RM 60,11]
Pero d’Ambroa, sempr’oi cantar

Pero d’Ambroa, sempr’oi cantar
que nunca vós andastes sobre mar
que med’ouvessedes nulha sazon,
e que avedes tan gran coraçon
que tanto dades que bon tempo faça
ben como mao nen como boança,
nen dades ren por tormenta do mar.
E des i, ja po-la nave quebrar,
aqui non dades vós ren polo mar
come os outros que i van enton;
por én teen que tamanho perdon
non avedes come os que na frota
van e se deitan con medo na sota,
sol que entenden tormenta do mar.
E nunca oimos d’outr’ome falar
que non temesse mal tempo do mar,
e por én cuidan quantos aqui son
que vossa madre con algun caçon
vos fez, sen falha, ou con lobaganto:
e todos esto cuidamos por quanto
non dades ren por tormenta do mar.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


V 1004 (f. 161r, cols. a-b)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 268); Hernández Serna (1978: 228-229); Lopes (2002: 175); Víñez Sánchez (2004: 231 [= LPGP 365-366]); Littera (2016: I, 418-419).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 345); Braga (1878: 189-190); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 266); Machado & Machado (1960: VII, 96).
III. Antoloxías: Torres (1977: 536); Tavares & Miranda (1987: 166); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 117); Diogo (1998: 127); Fidalgo (2009a: 206).

Variantes manuscritas


3 nulha] nuna V   4 coraçon] corazon V   11 tamanho] tamhaō V   13 van] nā V   15 oimos] oymus V   17 cuidan] cuydū V   18 con algun] cō(l) algū V   20 todos] codꝯ V

Variantes editoriais


O sétimo verso de cada estrofa é refrán en Lopes e Littera.
2 sobre mar] sobr’o mar Lopes, Littera   3 nulha] nun[c]’a Víñez Sánchez   6 boança] bõaça LapaHernández SernaLopes, Littera   7 tormenta] tormentas Hernández Serna   11 teen] tẽe Lapa : têm Littera   15 oimos] oymus Víñez Sánchez   20 cuidamos] cuydamus Víñez Sánchez

Paráfrase


(I) Pero d’Ambroa, sempre ouvín cantar que nunca vós navegastes de modo que tivésedes medo en ningunha ocasión, e (ouvín cantar) que sodes tan valente que tanto vos ten que faga bo tempo como mao ou que faga bonanza, nin nada vos importa unha tormenta no mar.
(II) Ademais, xa por quebrar a nave, aquí non vos preocupades nada polo mar como aos outros que alí van entón; por iso pensan que non merecedes unha indulxencia tan grande como os que van na frota e se deitan con medo na bodega cando albiscan tormenta no mar.
(III) E nunca ouvimos falar doutro home que non temese o mal tempo do mar, e por iso pensan cantos aquí están que vosa nai vos tivo con algún cazón, certamente, ou cun lumbrigante: e todos pensamos isto porque non temedes nada a tormenta do mar.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10a 10b 10b 10’c 10’c 10a (= RM 46:1)

Encontros vocálicos: 15 nun·cao·i·mos

Notas


Texto
  • *

    Esta composición, xunto coas cantigas 1410-1413 e 1415-1417, está atinxida pola rúbrica abranxente colocada no inicio da cantiga UC 1410 (Estas cantigas son d’escarnh’e de mal dizer e feze-as Gonçal’Eanes do Vinhal).
    Nótese que, en todas as estrofas, mar é a palabra rimante no verso segundo e tamén no sétimo, neste caso co sintagma repetido tormenta do mar, que ecoa v. 21 (e enas tormentas do mar) de UC 1673, da cantiga de Pedr'Amigo de Sevilha, do mesmo ciclo, pois indirectamente, esta cantiga parece formar parte do pequeno ciclo dedicado a escarnecer Pero d’Ambroa pola súa inexistente peregrinación á Terra Santa (Ultramar)1 ; neste caso satirízase con maxistral ironía o escaso temor do trobador aos perigos da navegación e ás tormentas do mar (véxase Domínguez 2002). Deste ciclo forman parte outras catro composicións, todas elas de trobadores ligados á corte de Afonso X: UC 1466 (Pero Gomez Barroso), 1475 (Joan Baveca) e 1673, 1674 e mais 1676 (todas tres de Pedr’Amigo de Sevilha). A cantiga 1608, de Pero d’Ambroa, que asegura ter feito a discutida peregrinación, constitúe unha resposta a Pedr’Amigo de Sevilha.

  • 1

    Aínda que cantar é coherente semanticamente no contexto (lémbrese que os textos poéticos eran cantados), sería posíbel unha confusión contar / cantar; neste sentido, é significativa esta variación noutra pasaxe trobadoresca: e sab[e] os cadernos ben contar [cantar V] (1594.10). Así, oi cantar, será unha referencia metaliteraria a outras composición satíricas do ciclo dos falsos cruzados Pero d’Ambroa e a Balteira.

  • 5-6

    A rima con faça levou os editores á emenda da lección <boança> para boãça (Lapa) ou bõaça (Lopes, Littera)2 . Porén, a forma bonança (con sufixo -nça) documéntase no século XV, nunha tradución catrocentista da Vida de S. Teotónio: esperando a prospera bonança dos ventos (cfr. CGPA, s.v., ed. J. Barbosa Machado); ademais, está presente no Cancioneiro Geral de Garcia de Resende: Cuidado suas bonanças / (...) / todo seu desabafar / é em mil sospiros dar (Dias 1990: I, 31).
    Deste modo, a rima faça - boança formaría parte do conxunto de rimas imperfectas ou defectuosas que se achan no corpus trobadoresco profano, concretamente ao grupo destas rimas relacionadas coa presenza / ausencia de consoante nasal ou equivalencia entre elementos nasais. Véxanse unha : espunlha (427.5-6), avia : viinha (721.17-19), fremosinha : dizia (1161.1-4), longe : oje (1174.15-17), Nazareno : lenho (1576.1-2), centẽo : Nazareno : lenho (1576.6-8), caneno : Nazareno : lenho (1576.12-14), mensonha : corõa (1633.23-27). Cfr. notas a 104.34-35, 206.4-6, 383.19-20, 453.5-6, 698.5-6 e 1118.10-12.

  • 15

    É relativamente frecuente no Cancioneiro da Vaticana a presenza da terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<oymus>); na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

  • 18-19

    As voces caçon e lobaganto designan os modernos cazón e lumbrigante (cfr. port. mod. lobugante e lavagante).

  1. ^

    Dentro dun grupo de composicións que se ten denominado “cantigas de Ultramar” (Tato García 1988), historicamente relacionado coas cruzadas, en especial coa sétima, decidida polo Concilio de Lyon en 1245 (véxase Alvar 1988, Ventura 2014, para alén de Littera [consult.: 14-4-2025]). Véxase tamén Hernández Serna (1975: 229-235).

  2. ^

    Montero Santalha propón a emenda bonaça, hápax rexistrado nas Cantigas de Santa Maria, que o estudoso deriva de bonacia, forma latina tardía creada a partir de malacia e rexistrada no século X en Nápoles (véxase Montero Santalla 2000: 1.421).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado