I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 269-270); Lopes (2002: 176); Víñez Sánchez (2004: 239-240 [= LPGP 360-361]); Littera (2016: I, 419-420); Arias Freixedo (2017: 178).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 345-346); Braga (1878: 190); Machado & Machado (1960: VII, 97-98).
III. Antoloxías: Álvarez Blázquez (1975: 137-138); Torres (1977: 532-533); Tavares & Miranda (1987: 120-121); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 118-119).
9 lazeira] lazeyr(h)a V 18 assaz] assam V 21 coraçon] corazō V
En ningunha das anteriores edicións se considera existencia de refrán intercalar.
11 preguntarán] preguntaran Lapa, Víñez Sánchez, Littera 16 Deus Senhor] Deus, senhor Lapa, Lopes, Víñez Sánchez, Littera, Arias Freixedo 19 [e]] om. Lapa, Lopes, Víñez Sánchez, Littera, Arias Freixedo; comendador chegou] comendador [i] chegou Lapa, Lopes, Littera, Arias Freixedo 22 dé] dê Lopes, Littera 30 mingou] minguou Lopes, Littera
(I) Abadesa, Noso Señor volo agradeza, se lle prouguer, porque vos lembrastes de min no momento en que o precisaba, cando cheguei ao voso mosteiro, porque tan ben mandastes que alí se coidase do voso comendador, (II) porque estaría morto, miña señora, por causa das penurias do camiño, con certeza, mais lembrástesvos de min; e todos me preguntarán se vos saberei eu servir a vós tan ben como o soubestes abastecer de todo o que el desexaba.
(III) Que Deus vos dea recompensa por iso, se o ten por ben, porque vos lembrastes de min cando o precisaba moito; e o comendador chegou e, se non se albergou ben, non foi pola vosa vontade.
(IV) Que Deus vos dea recompensa por iso no meu nome, pois eu non podería facelo, porque vos lembrastes de min cando cheguei ao voso lugar, pois non puidestes tratar entón o comendador dun xeito máis amoroso e pracenteiro.
(1) Desexo que teñades unha recompensa do cento dobrado, por min, a quen non lle faltou nada de canto había na mansión.
Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8C 8b 8d 8d 8a (cfr. RM 245:1) + 8e 8e 8a
Esta composición, xunto coas cantigas 1410-1414 e 1416-1417, está atinxida pola rúbrica abranxente colocada no inicio da cantiga UC 1410 (Estas cantigas son d’escarnh’e de mal dizer e feze-as Gonçal’Eanes do Vinhal). Sobre a cantiga no marco da produción do autor ligada ás Ordes Militares, véxase Neto (2012: 35-42).
A existencia do refrán intercalar nesta composición está determinado pola recorrencia do verso mais nembrastes-vos ben de min, que presenta unha leve variación morfo-sintáctica na súa primeira ocorrencia da estrofa I (porque vos nembrastes de mí), con alternancia mais / porque, documentada noutros refráns, que leva consigo a próclise pronominal con porque (véxase Ferreiro 2025).
Na produción escrita da Idade Media, guarnir é forma ben escasa en face do derivado guarnecer, que ten un uso moito máis amplo (cfr. guarnir tamén en 1633.2). Na realidade, para alén de múltiplas documentacións das formas do participio guarnido(s)/a(s), só achamos outras dúas ocorrencias de formas persoais do verbo na Demanda do Santo Graal (CGPA, ed. I. Freire Nunes):
– Sabedes vós de qual espada vos guarni?
– Nom, disse ele, se mo vós nom disserdes.
– Ora sabede, disse ela, que eu vos guarni das Estranhas Correas, a melhor nem a de maior virtude que nunca cingiu cavaleiro.
En todas as anteriores edicións é fixado un texto en que senhor se dirixe á abadesa, desconsiderando, pois, a posibilidade de se referir a Deus, tal como acontece en diversos contextos e cantigas co sintagma Deus Senhor, fórmula invertida do tamén frecuente Senhor Deus: 45.11, 112.3, 183.17, 259.27, 285.3, 286.1, 305.13, 396.8, 432.1, 500.5, 634.24, 889.24, 1078.10, 1084.4, 1418.r1.
A reintegración da conxunción e no inicio do verso está sustentada pola moi frecuente omisión da copulativa por erro de copia nesta posición, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.). E noutros casos, a métrica e/ou o sentido indica a necesidade da recuperación da copulativa (véxase 6.14, 60.27, 103.18, 110.3 e 17, 230.5, 271.5 etc.). Cfr. nota a 42.15 e 274.19.
Cento dobr(o) significa ‘dúas veces cen’, isto é, ‘moitísimo, unha grande cantidade’. Véxase o mesmo sintagma na Primeira Partida (cfr. CGPA, ed. J. de Azevedo Ferreira):
E por q(ue) as rreq(ue)zas deste mũdo destoruam esto, tẽẽ por bẽ de o leyxar todo e seguẽ aq(ue)lo que disse N(ost)ro Senhor Ih(es)u Cr(ist)o eno auãgelho q(ue) todos aq(ue)lles q(ue) leyxã por elle padre ou madre ou molh(e)r(e)s ou filhos ou parẽtes e todolos bẽẽs tenporaens q(ue) lhys dara cento doblo por ende e demays vida que dura por senp(re).
Igual que a forma xeral minguar (< *mĭnuāre), convive con menguar (só en 205.13, 1317.9, 1318.2, 1389.12 e 1624.9), sen pechazón da vogal palatal inducida pola nasal trabante (Ferreiro 1999: §13b.2), ambas as formas poden presentar perda do elemento labiovelar, xerando un novo dobrete mengar / mingar. As dúas variantes son moito inusuais (véxase mengar en 865.1 e 1551.13; mingar tamén en 1527.14), mais teñen certa presenza na produción medieval, especialmente a variante mingar, a teor dos datos fornecidos polo Corpus Galego-Portugues Antigo.
Repárese no directo galicismo maison ‘casa’ (tamén en 1489.1 e 23), só presente nas Cantigas de Santa Maria:
Pois foi en Santa Maria, mostrou-sse por bestia sage:
meteu -sse na ssa eigreja e parou-ss’ant’a omage;
e por aver ssa raçon
foi u as bestias metudas
eran, que ena maison
foran dadas ou vendudas (CSM 31.60).