1413 [= RM 60,17]
Ũa dona foi de pran

Ũa dona foi de pran
demandar casas e pan
da ordin de San Joan,
con minguas que avia;
e digo-vos que lhas dan
quaes ela queria.
Das casas ouve sabor
e foi tal preitejador
que foss’ende jazedor,
con minguas que avia;
e dan-lhas por seu amor
quaes ela queria.
Pediu-as a preito tal
d’i jazer [e] non fez al,
ca xi lazerava mal,
con minguas que avia;
e dan-lhas do Espital
quaes ela queria.
A dona, de coraçon,
pediu as casas enton
e mostrou esta razon,
con minguas que avia;
e dan-mi-lhas da misson
quaes ela queria.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


V 1003 (f. 161r, col. a)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 266-267); Lopes (2002: 174); Víñez Sánchez (2004: 224 [= LPGP 369]); Littera (2016: I, 418).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 345); Braga (1878: 189); Machado & Machado (1960: VII, 95).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 366-367).

Variantes manuscritas


6 queria] querrya V   12 quaes] q̄es V   15 lazerava] laçeraua V   18 quaes] q̄es V   19 coraçon] corazon V   20 pediu as] pediu(s) as V

Variantes editoriais


6 queria] querrya Víñez Sánchez   12 queria] querrya Víñez Sánchez   14 [e] non fez] non fez[o] Lapa   18 queria] querrya Víñez Sánchez   23 misson] maison Lapa   24 queria] querrya Víñez Sánchez

Paráfrase


(I) Unha dona foi demandar realmente habitación e alimento á orde de San Xoán, polas carencias que tiña; e dígovos que llas dan tales como ela as quería.
(II) Tivo desexo das casas e negociou o caso moi ben para que alí puidese morar, polas carencias que tiña; e danlle as casas por amor a ela tales como ela as quería.
(III) Pediunas con tal condición de morar alí e non fixo outra cousa, porque pasaba moitas penalidades polas carencias que tiña; e danlle as casas da Orde do Hospital tales como ela as quería.
(IV) De corazón a dona pediu entón as casas e deu esta razón, polas carencias que tiña; e danllas con cargo ás despesas (da Orde do Hospital) tales como ela as quería.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 7a 7a 7a 6’B 7a 6’B (= RM 13:71)

Notas


Texto
  • *

    Esta composición, xunto coas cantigas 1410-1412 e 1414-1417, está atinxida pola rúbrica abranxente colocada no inicio da cantiga UC 1410 (Estas cantigas son d’escarnh’e de mal dizer e feze-as Gonçal’Eanes do Vinhal).
    O refrán desta cantiga presenta, en intertextualidade paródica (véxase Gonçalves 2016 [1992]: 225), invertido o refrán da cantiga 1578, de Afonso Meendez de Beesteiros. Alén disto, as dúas cantigas presentan aspectos métricos e textuais comúns, de modo que se poderá considerar que entre os dous textos existe unha relación de seguir: “debido ao uso dun esquema métrico-rimático pouco frecuente na lírica galego-portuguesa, a identidade parcial nas rimas e, incluso, nalgúns rimantes, pódese considerar posible unha relación intertextual e intermelódica entre estas dúas composicións” (González 2012d: 36). Con efecto, ambas as cantigas teñen unha estrutura métrica idéntica (7 7 7 6’ 7 6’), rara no corpus, utilizan unha mesma fórmula rimática (aaaBaB) con identidade parcial nas rimas e rimantes, ao tempo que se percibe unha clara intertextualidade no refrán intercalar (véxase González 2012e: 227-235).
    Eis a composición de Beesteiros:

    Ja lhi nunca pedirán
    o castel’a Don Foan,
    ca non tiinha el de pan
    senon quanto queria,
    e foi-o vender de pran        5
    con minguas que avia.

    [E] por que lh’ides poer
    culpa [de] non [no] teer?
    Ca non tiinha que comer
    senon quanto queria,        10
    e foi-o enton vender
    con minguas que avia.

    Travan-lhi mui sen razon
    a ome de tal coraçon:
    «En fronteira de Leon,        15
    (diz) con quen no terria?».
    E foi-o vender enton
    con minguas que avia.

    Dizen que lh’a el máis val
    esto que diz, ca non á al:        20
    «En cabo de Portugal,
    (diz) con quen o terria?».
    E vendê-o enton mal
    con minguas que avia.

    A editora compostelá interpreta como probábel que o texto de Eanes do Vinhal “fosse dirigido contra o posicionamento dos Hospitalários durante o conflito de sucessão português, pois a Ordem acabou por ser favorável ao conde [o futuro Afonso III]. O texto poderia transmitir implicitamente a ideia da traição da Ordem de São João a Sancho II, especialmente pela adopção da melodia e parte do refrão da cantiga do trovador Besteiros” (González Martínez 2014b: 179). Certamente, como indica González, a cantiga presenta unha dona que foi “demandar casas e pan” á Orde de San Xoán de Xerusalén ou Orde do Hospital, polas “minguas que avia”, e mesmo fica nelas, feito que implica unha denuncia da falsa necesidade desas casas, de modo que se reitera e se insiste na idea de que a Orde cedeu unhas propiedades escollidas a quen falsamente dicía necesitalas (véxase González 2012d: 13-14). Outrosí, sobre o trobador e esta cantiga, véxase Neto (2012: 35-38).

  • 6

    A vacilación entre as formas queria (copretérito) e querria (pospretérito) é bastante frecuente nos diversos manuscritos, entre outras razóns, para alén da paleográfica, por ambas as formas habitualmente seren posíbeis en parte dos contextos. Neste caso, en face do <querrya> da primeira ocorrencia do refrán comparece <q̄rya> nas tres seguintes; en calquera caso, o tempo pretérito de avia no primeiro verso do refrán aconsella a escolla de queria (cfr. querrya en Víñez Sánchez).

  • 8-9

    Preitejador (voz única no período medieval) e jazedor son formación nominais formadas sobre verbos: preitejador, de preitejar (por súa vez formación verbal derivada de preito + -ejar) e jazedor, de jazer + -dor.

  • 17

    O Espital alude á Orde do Hospital, unha orde inicialmente beneditina fundada no reino de Xerusalén no século XI, durante as Cruzadas, que se converteu axiña nunha orde militar cristiá para protección dos peregrinos en Ultramar e para o exercicio da caridade (en relación ao reino de Portugal, véxase Costa 2000; para o caso galego, García Tato 2004).

  • 23

    A voz misson ‘gasto, despesas’ (tamén en 1655.19; cfr. 478.4, onde significa ‘actividade militar’) é derivada do lat. missionem. Nótese que, ás veces, misson comparece na bimembre construción sinonímica custas e missões (véxase CGPA): 

    peyte a terça parte da ualya da demãda, a meyadad(e) a al rey e a meyadad(e) ao alcayde dãte que foy o p(re)yto e sobre esto todo p(ey)te a seu (con)temtor as custas e as missões que recebeu p(er) isto. (...) o juizo d(e) q(ue) se alçou ualha e dé as custas e as missoes a outra parte q(ue) recebeo o juyzo (Foro Real, ed. J. de Azevedo Ferreira).

    et se recresçer pleito ou juizo ou contenda alguna sobre llas ditas herdades, que cada huna das partes faça sua et de paz a su ayra das ditas herdades â â outra per sua custa et missom (doc. 1435, ed. Lucas Álvarez).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado