[last revised: 24/04/2023]Print

842 [= Tav 69,1]
A meu amigo, que eu sempr’amei

A meu amigo, que eu sempr’amei,
des que o vi, mui máis ca min nen al,
foi outra dona veer por meu mal;
mais eu, sandia, quando m’acordei,
non soub’eu al en que me del vengar,
senon chorei quanto m’eu quis chorar.
Mái-lo amei ca min nen outra ren
des que o vi, e foi-m’ora fazer
tan gran pesar que ouver’a morrer;
mais eu, sandia, que lhe fiz por én?
Non soub’eu al en que me del [vengar,
senon chorei quanto m’eu quis chorar].
Sab’ora Deus que no meu coraçon
nunca ren tiv[e] enno seu logar,
e foi-mi ora fazer tan gran pesar;
mais eu, sandia, que lhe fiz enton?
Non soub’eu al [en que me del vengar,
senon chorei quanto m’eu quis chorar].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscripts


B 846, V 432

Editions


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 224 [= LPGP 437]); Cohen (2003: 305); Littera (2016: I, 507-508).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 161); Braga (1878: 81-82); Machado & Machado (1953: IV, 165-166).
III. Antoloxías: Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 97); Magalhães (2007: 98).

Manuscript variants


2 ca] ta V   4 sandia] sandis V   7 ca] ta V   9 morrer] moirer B   17 eu] om. V

Editorial variants


1 A meu amigo] O meu amigo Cohen   6 chorei] chorar Nunes   9 ouver’a morrer] ouvera morrer Cohen   12 chorei] chorar Nunes   14 tiv[e] enno] tiv’eu [e]no Nunes : tiv[i] ẽno Cohen, Littera; logar] lugar Nunes   18 chorei] chorar Nunes

Paraphrase


(I) O meu amigo, que eu sempre amei, desde que o vin, moito máis que a min nin a outra cousa, foi ver outra muller polo meu mal; mais eu, insensata, cando me decatei, non souben como me vingar del, e chorei canto eu quixen chorar.
(II) Ameino máis que a min nin a outra cousa desde que o vin, e agora foime facer tan gran mal que ouven morrer; mais eu, insensata, que lle fixen por iso? Non souben como me vingar del, e chorei canto eu quixen chorar.
(III) Deus sabe agora que no meu corazón nunca tiven outra cousa no seu lugar, e foime agora facer tan gran mal; mais eu, insensata, que lle fixen entón? Non souben como me vingar del, e chorei canto eu quixen chorar.

Metrics


Esquema métrico: 10a 10b 10b 10a 10C 10C (I-II [= Tav 160:110]) + 10a 10b 10b 10a 10B 10B (III [= Tav 151:3])

Encontros vocálicos: 15 -mi‿o·ra

Notes


Text
  • 1

    Cohen intervén no íncipit da cantiga (convertendo a preposición a no artigo o) por canto parece que a preposición a introduce un CD de persoa (de veer, v. 3), feito sintáctico raro na lingua medieval. Con todo, é frecuente unha certa desconexión sintáctica nos íncipits das cantigas, que neste caso se reflicte nunha construción minoritaria.

  • 1-2

    A preposición a non se rexistra na expresión amar máis ca mi(n)/sí (nen al), moi frecuente no corpus trobadoresco (44.13, 102.17, 140.8 e 10, 200.5, 215.16 etc.), a pesar de, aparentemente, o pronome tónico esixir a presenza do enlace. Neste sentido, téñase en conta que os pronomes persoais tónicos poden aparecer sen preposición, como documentan numerosas pasaxes das cantigas (véxase Glosario, s.v. , func. 2). Cfr. nota a 177.22 e 243.16.

  • 5

    A variante vengar, sen pechazón vocálica por nasal trabante, é realmente minoritaria na lingua trobadoresca, pois só se rexistra nuns poucos textos (148.6, 265.15, 272.6, 1094.15 e 16) fronte á forma xeral vingar. Cfr. nota a 11.17

  • 6

    Talvez a emenda de Nunes da forma en rima (chorar > chorei), que rompe a rima e estraga a sintaxe, se deba a un lapso condicionado pola mesma forma presente no inicio deste segundo verso do refrán.

  • 9

    Unha vez máis, Cohen renuncia a segmentar a preposición en ouver’a morrer: a interpretación das secuencias do tipo <deuia>, <auia>, <ouuera> + infinitivo como devi’a, avi’a, ouver’a + infinitivo vén determinada non só polo feito de a presenza da preposición a ser maioritaria nestas perífrases (véxase Glosario, s.v. aver, dever), mais tamén pola concorrencia das lecturas <deuia> A / <deuia a> B (128.22 e 28, 386.13), <ouuera> A / <ouu’a a> (70.13) ~ <ouuera a> B (129.23), que indican a real crase do enlace no Cancioneiro da Ajuda.

  • 14

    Este verso esixe repor a vogal final de tive, talvez ausente debido a un erro de copia por contigüidade (neste sentido, é de preferir tive a tivi, presente en Cohen e Littera).
    Por outra banda, na lingua trobadoresca xa é común o resultado no(s), na(s) para o encontro da preposición en co artigo (ĭn + ĭllum > enno > eno > no); con todo, aínda é relativamente frecuente a forma intermedia sen aférese, que se revela moi rara coa grafía máis arcaica, anterior á simplificación da consoante xeminada (véxanse tamén 205.9, 294.4, 486.17, 813.7 e 16, 842.14, 1119.9, 1314.7 e 10, 1337.21).

Search
    No results