I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 309-310); Stegagno Picchio (1968: 196 [= LPGP 629-630]); Littera (2016: II, 102-103).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 177); Braga (1878: 92); Machado & Machado (1953: IV, 245).
III. Antoloxías: Álvarez Blázquez (1975: 56); Mongelli & Maleval & Vieira (1995: 53); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 133).
4 vos] uos oussem BV; ren] irem B : trem V 5 en] eu V 6 cousa] coussa BV; razon] rraçom V 7 d’omen] Oomen B; cantar] tantar V 8 guisa] gessa BV 9 a non] mīo B : āno V; ren] nem V; encobrir] encobrar B 10 terra cuido] ur̄a cuydado B 11 entenda] sentendam B 12 e] Et B; gente] agente B; cuido] cuide BV 13 e] et V 14 o meu] comen B : ameu V; onde] oude B
1 m’é [de] dizer] m[e] é dizer Nunes, Stegagno Picchio 5 pero] per(o) Nunes; ei] om. Littera; cantando] cantand(o) Nunes 10 cuido] cuid(o) Nunes 12 cuido] cuid’ Nunes, Stegagno Picchio 14 entenda] entend(a) Nunes
(I) Que gran dor me causa dicir no cantar as graves coitas que sufro! Vexo a miña morte, que me ha de matar, en vós e non ouso dicirvos nada sobre iso, pero hei de dicilo cantando e con son, aínda que me semella unha cousa irracional (o feito) de un home, con coita de morte, cantar.
(II) E pois a miña coita é tal que non a podo ocultar de ningún modo, en tal terra penso eu vivir que entendan ben o meu mal, en verdade, e a tal xente lle penso eu cantar e dicir o son, cando con ela (a xente) falar, para que entenda ben onde radica o meu mal.
Esquema métrico: 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10b (I [= RM 163:5]) + 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (II [= RM 161:65])
Encontros vocálicos: 3 mi‿á; 5 pero‿ei, cantando‿e; 10 cuido‿eu; 12 cuido‿eu; 14 entenda‿o
A sintaxe e a métrica solicitan a reintegración de unha sílaba métrica que necesariamente ten de ser, pola usual sinalefa de me coa voz seguinte iniciada por vogal (cfr. a opción m[e] é dos anteriores editores, agás Lopes e Littera), a preposición de, con omisión de fácil explicación paleográfica e con encaixe sintáctico para formar a perífrase (obrigativa ou de futuro) seer + de + infinitivo (véxase Glosario, s.v. seer). Cfr., ademais, expresións moi similares no corpus: Ai Deus, que grave coita de sofrer (206.1); que grave coita, senhor, d’endurar! (1126.5).
A secuencia <r-l> (e <s-l>) en que está implicada a forma arcaica lo(s) ~ la(s) do pronome identificador (pronome ou artigo) no encontro con infinitivos (dizer-lo) debe ser lida como [l], independentemente de que a grafía presente a forma máis antiga. Véxase nota a 5.10.
Por outra parte, pola sinalefa pero‿ei, non existe xustificación ecdótica para a omisión de ei en Littera.
O contexto solicita considerar concesiva a conxunción que, tal como acontece ao longo do corpus en contextos diversos (véxanse contextos diversos en UC/Glosario, s.v. que4, uso 4).
A locución adverbial modal a la fe ‘certamente, en verdade, sen dúbida’, presenta a variante a la minha fe (533.15) e é similar a a bõa fe (1319.6 e 13) e a per bõa fe, a fórmula maioritaria no corpus. Esta locución, que mantén petrificada a forma arcaica do artigo, é frecuente na poesía, tanto nas cantigas profanas (230.5, 241.29, 1008.4, 1261.16, 1469.19, 1499.5, 1547.1, 1619.10) como nas Cantigas de Santa Maria (véxase CGPA, s.v.). A súa aparición na prosa é esporádica; véxase na Crónica Geral Galega:
quando os yrmãos viu descabeçados ante sy, entẽdeu que assy yriã ata el, a la fe, et assi sse acabaria (Lorenzo 1975: I, 198).
O seu uso chega como mínimo ao século XV, pois aínda se rexistra en Fernão Lopes:
A lla fe, disserom, se nom buscaremos nós outro que rreine sobre nós, que tenha cuidado de manteer o poboo em dereito e em justiça e nom leixe as cousas que tem de fazer de sua fazenda por hir ao monte e aa caça andar um mes (Crónica de D. Fernando; Macchi 2004: 224).
O pronome ela fai referencia á gente (v. 12).
Utilizamos cookies de terceiros con fins analíticos para poder coñecer os hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas). Lembre que, se aceptar cookies de terceiros, terá de as excluír das opcións do seu navegador ou do sistema ofrecido por terceiros.
Clique no botón correspondente para aceptar ou rexeitar as cookies: