[last revised: 15/10/2022]Print

1004 [= Tav 146,3]
Oimais, amiga, quer’eu ja falar

Oimais, amiga, quer’eu ja falar
con meu amigo quanto x’el quiser,
vedes por que: ca tan gran ben mi quer
que ben vos dig’eu, quant’é semelhar,
[per] quant’eu sei, que non ei de cuidar:
non querria meu dano por saber
que podia per i meu ben aver.
Falarei con el, que non m’estara
mal nulha ren, e mesura farei
de lhi falar, ca, per quant’eu del sei,
que mi quer ben e sempre mi-o querra,
que vejades o grand’amor que mi á:
non querria [meu dano por saber
que podia per i meu ben aver].
Falarei con el, pois está [a]ssi,
par Deus, amiga, ca sempre punhou
de me servir; des i, nunca m’errou
des que meu fui, per quant’eu aprendi,
e máis vos direi que del entend’i:
non querria [meu dano por saber
que podia per i meu ben aver].
E, pois m’el quer, com’oides dizer,
de sa fala non ei ren que temer.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 

Manuscripts


B 1000, V 589

Editions


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 300-301 [= LPGP 908]); Cohen (2003: 342); Littera (2016: II, 459-460).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 211); Braga (1878: 113); Machado & Machado (1953: IV, 393).

Manuscript variants


1 Oimais] O(o)y mays B   6 querria] queiria B   9 ren] tē V   11 querra] q̅ira B   12 grand’amor] gn̄ damor V   13 querria] queiria B   17 m’errou] meirou B : mem ni V   18 meu] meu(i) V   20 querria] queiria B   23 ren] tē V

Editorial variants


5 [per] quant’eu sei] quant’eu [d’el] sei Nunes   15 Falarei con el, pois está [a]ssi] Falarei [eu] con el, pois est assi Nunes : Falarei com ele, pois ést[e] assi Littera   18 meu] m’eu Nunes; per] por Nunes   19 entend’i] entendi Nunes, Cohen, Littera

Paraphrase


(I) De aquí en diante, amiga, falarei con meu amigo tanto canto el queira, e dígovos por que: quéreme tanto que, na miña opinión, polo que sei, non teño por que me preocupar, pois el non querería o meu mal aínda sabendo que podería obter o meu ben.

(II) Falarei con el, pois non me traerá ningún mal, e mostrarei cortesía ao falarllw, pois, por canto eu del sei, quéreme ben e sempre me quererá, e por iso vede o grande amor que me ten: non querería o meu mal aínda sabendo que podería obter o meu ben.

(III) Falarei con el, por Deus, amiga, xa que sempre se esforzou en me servir; alén diso, nunca me fallou desde que marchei, polo que souben, e aínda máis vos direi do que del cheguei a saber: non querería o meu mal aínda sabendo que podería obter o meu ben.

(1) E, dado que el me quere, tal e como escoitades dicir, non teño nada que temer da súa conversa.

Metrics


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10a 10C 10C (= Tav 139:11) + 10c 10c

Encontros vocálicos: 11 mi͜-o; 12 mi‿á

Notes


Text
  • 5

    A restauración de per na expresión per quant'eu sei está reforzada pola aparición doutras expresións paralelas en cadansúa estrofa: per quanteu del sei (v. 10), per quanteu aprendi (v. 18).

  • 9-12

    Este período resulta complexo por canto existe unha repetición, con variación que / ca, da conxunción causal nos vv. 10-12 (similares repeticións poden verse en 331.12, 1214.9-10 ou 1382.11-12), ao tempo que a conxunción que do v. 12 deberá interpretarse como consecutiva:
                                     ..., e mesura farei
              de lhi falar, ca, per quant’eu del sei,
              que mi quer ben e sempre mi-o querra,
              que vejades o grand’amor que mi á: / ...

  • 15

    A restauración do verbo estar, para alén da métrica, é solicitada polo v. 8, con que estabelece paralelismo: Falarei con el, que non m’estara / mal nulha ren → Falarei con el, pois está [a]ssi.
    Neste sentido, a reintegración de eu realizada por Nunes coa conservación de *ést’assi constitúe unha decisión ecdótica certamente discutíbel, do mesmo modo que a proposta de Littera, coa consideración do verbo seer (ést[e]).

  • 18

    A edición de Nunes erra coa segmentación m’eu, que contradí o sentido da cantiga, que vai na mesma dirección (a ‘posesión’ do amigo) que, por exemplo, as cantigas 744 (Afonso Meendez de Beesteiros), 1004 (Roi Martiinz d’Ulveira), 1008 (Joan Airas), 1012 (Joan Airas), 1024-1025 (Joan Airas), 1098 (Pedr’Amigo de Sevilha), ou 1192 (Juião Bolseiro).

    A forma fui, xeral como PI de pretérito de seer (e de ir), é tamén forma de P3: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de -ī latino final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

  • 19

    Neste verso percíbese un novo caso de omisión do artigo (e máis vos direi que [o] del entend’i) que ás veces se manifesta no corpus: a dona que meu receber / con migo se pode perder (11.23); E, ja que vos comecei a dizer / ben que vos quero, quero-vos rogar / que vos non pes... (237.16); ca, de pran, est’é oje máis de ben / que ei (242.15); mais quero-lh’eu maior / mal que posso (503.7-8); Nunca vos ousei a contar / mal que mi fazedes levar (553.11-12); tornade-vos máis cedo que poderdes (832.3) etc.

    Por outra parte, a utilización do tempo presente nos versos que introducen o refrán nas estrofas I (ei, v. 5) e II (vejades, v. 12) xustifica a segmentación de entend’i para fixar o tempo presente tamén neste verso, a diferenza de Nunes, Cohen e Littera, que manteñen entendi (cfr., ademais, o verso Direi-vos, madre, quant’eu entend’i, na cantiga 1005.12, do mesmo trovador).

Search
    No results