758 [= Tav 70,40]
Por Deus, amigas, que sera

Por Deus, amigas, que sera,
pois [j]a o mundo non é ren
nen quer amig’a senhor ben?
E este mundo que é ja?
Pois i Amor non á poder,
que presta seu bon parecer
nen seu bon talh’a quen o á?
Vedes por que o dig’assi:
porque non á no mundo rei
que viss’o talho que eu ei
que xe non morresse por min,
siquer meus olhos verdes son;
e meu amig’agora non
me viu e passou per aqui.
Mais dona que amig’ouver
des oje máis (crea per Deus)
non s’esforc’enos olhos seus,
ca des oimais non lh’é mester,
ca ja meus olhos viu alguen
e meu bon talh’e ora ven
e vai-se tanto que s’ir quer.
E, pois que non á de valer
bon talho nen bon parecer,
parescamos ja como quer.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 742, V 344

Edicións


I. Edicións críticas: Nobiling (2007 [1907]: 85-86 [= LPGP 457-458]); Nunes (1973 [1928]: 160); Cohen (2003: 231); Littera (2016: I, 519).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 134-135); Braga (1878: 65-66); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 527 [estrofa III]); Machado & Machado (1953: IV, 46); Domingues (1992: 42); Cohen (1996: 2).
III. Antoloxías: Cidade (1941: 67-68); Nunes (1959: 279); Spina (1972: 340); Correia (1978: 132); Alvar & Beltrán (1989: 264-265); Arias Freixedo (2003: 478-479).

Variantes manuscritas


1 sera] serra V   2 [j]a] om. V   7 quen o á] quen(h)o a B   11 morresse] moire sse B   17 s’esforc’enos] sestorçē os BV   18 oimais] oie mays BV; non] (crea ꝑd’s) uq̅ B   24 parescamos] parescamus V

Variantes editoriais


2 [j]a] [que] Nobiling, Nunes   5 Amor] amor Nobiling, Littera   7 quen o] quẽ-no Nobiling   11 min] mi Nobiling, Nunes   12 siquer] si quer Cohen, Nobiling   17 s’esforc’enos olhos] s’esforç’ẽ-[n]os olhos Nobiling : s’esforçen os olhos Nunes

Paráfrase


(I) Por Deus, amigas, que vai pasar, pois xa o mundo non vale nada nin amigo ama a senhor? E este mundo que é agora? Pois nel non ten poder Amor, de que lle serve a súa fermosura nin o seu fermoso porte a quen o ten?

(II) Vede por que o digo así: porque non hai no mundo rei que vise as feituras que eu teño que non morrese por min, e mesmo os meus ollos son verdes; e o meu amigo pasou agora por aquí e non me viu.

(III) Mais toda dona que teña amigo, de hoxe en diante (créao por Deus) non se esforce nos seus ollos, pois de aquí en diante non lle será necesario, pois xa alguén viu os meus ollos e o meu fermoso porte e agora vén e vaise tan pronto como quere.

(1) E xa que de nada ha de valer unha boa figura nin unha bela aparencia, aparentemos xa de calquera maneira. 

Métrica


Esquema métrico: 3 x 8a 8b 8b 8a 8c 8c 8a + 8d 8d 8a (= Tav 161:248)

Notas


Texto
  • *

    Rip Cohen advertiu sobre «exceptional display of virtuosity» desta cantiga (e da cantiga 1034 de Joan Airas de Santiago). A segunda sílaba dos quintos versos de cada cobra enlazan coa rima a de cada estrofa: I i  assi (v. 8); II quer → ouver (v. 15); III ja  sera (v. 1).

  • 1-7

    A estruturación dialogal varía conforme as edicións, pois en face da estrutura simétrica que propomos (tamén en Littera), Nobiling e Nunes agrupan as interrogacións cos vv. 1-3, 4-5 e 6-7, e Cohen cos vv. 1, 2-4 e 5-7.

  • 2

    Resolvemos o evidente erro de BV mediante a consideración do adverbio ja (presente en Cohen e Littera), moito menos interventivo e máis coherente que a solución tradicional de Nobiling e Nunes (pois [que] o mundo...).

  • 12

    O motivo dos ollos verdes é exclusivo de Guilhade (véxase tamén a cantiga 386.5), para alén do refrán Vós avedes os alhos verdes, e matar-m’-iades con eles! de Joan de Gaia (cantiga 1471). De calquera xeito, pode verse noutros textos a asociación entre os ollos verdes, a beleza e o amor, como acontece na Crónica Troiana, na descrición de Troilos (Et era moy aposto et moy mesurado, et auj́a seu cabelo lene et ben aposto, et os ollos uerdes et cheos d’amor) ou de Polícena (Sabede que Políçena era grãde et de bon tallo, et auj́a os cabelos brũus et moy longos, et os ollos uerdes ...) (Lorenzo 1985: 275, 278). Tamén nas elaboracións da materia troiana aparece suxerida a relación (por negación) entre os ollos verdes e a mentira na descrición de Patroclo: Patrúcolus auj́a moy bon corpo, et era longo et dereyto et fremoso et cortés, et era moy sisudo, et auj́a os ollos moy uerdes, et dezía senpre uerdade, et nõ era nũca sañudo, mays era senpre alegre todauj́a, et era moy uergonçoso, et nõ quería faleçer no que prometía (Lorenzo 1985: 269); Patróculus avía bõo corpo e era longo e fremoso e dereitureiro e cortés, e era moi sesudo. Et avia os ollos verdes. Et senpre dezía verdade. Et nunca era sañudo, mais ante era grande maravilla en como toda vía era alegre. Et era moi vergoñoso e non quería mentir nen falescer de todo o que prometía (Pichel Gotérrez 2014: II, 1.546).

  • 16

    A preposición por presenta con moita frecuencia a forma par na expresión por Deus ~ par Deus; no resto dos usos alterna con per, sen que se perciba ningún matiz especial no uso con unha ou outra forma. En calquera caso, é certamente esporádico o sintagma per Deus, que só reaparece en 1327.14.

  • 17

    A secuencia <estorçē os> BV (= estorcen os = esforcen os) é resolvida por Nunes dun modo condicente coa lección manuscrita mais cun desnecesario anacoluto: a concordancia entre dona e esforçar aconsella unha segmentación esforc’enos: ‘a dona que tiver amigo de aquí en diante (en verdade) non se esforce nos seus ollos, ...’.

  • 18

    A hipermetría do verso resólvese mediante a conversión de des oje-mais en des oimais, considerando que moi probabelmente esta forma foi condicionada pola anterior presente no v. 16.

  • 24

    É relativamente frecuente no Cancioneiro da Vaticana a presenza da terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<parescamus>); na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado