749 [= Tav 127,3]
Direi verdade, se Deus mi perdon

Direi verdade, se Deus mi perdon:
o meu amigo, se mi quer gran ben,
non lho gradesco, e máis d’outra ren
gradesc’a Deus eno meu coraçon
que m’El fremosa fez: tanto mi deu,
tanto de ben quanto lhi pedi eu.
Se m’el quer ben como diz ca mi quer,
el faz guisad’, [e] eu, po-lo fazer,
non lho gradesco, e ei que gradecer
a Deus ja sempr’o máis que poder
que m’El [fremosa fez: tanto mi deu,
tanto de ben quanto lhi pedi eu].
Se m’el quer ben, non lho quer’eu nen mal,
nen ar ei [ren] que lhi gradesca i;
mas quant’oj’eu no meu espelho vi
gradesc’a Deus muit’, e gradesco-lh’al:
que m’El fremosa fez: [tanto mi deu,
tanto de ben quanto lhi pedi eu].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 734, V 335

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 152-153 [= LPGP 849-850]); Cohen (2003: 222); Machado (1981: 55); Littera (2016: II, 389).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 132); Braga (1878: 64); Nunes (1919: II, 323); Machado & Machado (1953: IV, 33); Camargo et alii (1985: 46).
III. Antoloxías: Nunes (1932: 38-39); Arias Freixedo (2003: 773-774).

Variantes manuscritas


6 pedi] perdi V   16 muit’e] muyto B

Variantes editoriais


5 fez: tanto mi deu] fez tant’e mi deu Cohen, Littera   10 sempr’o] sempr[e] o Machado, Cohen, Littera   11 fez: tanto mi deu] fez tant’e mi deu Cohen, Littera   13 lho] lhi Nunes   14 nen ar ei [ren]] nen a[ve]rei Nunes : nen ar ey Machado   15 mas] ma[i]s Nunes   17 fez: tanto mi deu] fez tant’e mi deu Cohen, Littera

Paráfrase


(I) Direi a verdade, así Deus me perdoe: ao meu amigo, se me ama moito, non llo agradezo, e agradézolle de corazón a Deus máis que ningunha outra cousa que El me fixo fermosa: por darme tanto, tanto de ben canto eu lle pedín.

(II) Se el me ama moito como di que me ama, el fai o que ten que facer, e eu, por facelo, non llo agradezo, e teño que lle agradecer a Deus por sempre o máis que eu puider que El me fixo fermosa: por darme tanto, tanto de ben canto eu lle pedín.

(III) Se el me quere ben, eu non llo quero, nin mal, nin tampouco teño nada que lle agradecer por iso; mais agradézolle moito a Deus canto eu hoxe vin no meu espello, e agradézolle outra cousa: que El me fixo fermosa: por darme tanto, tanto de ben canto eu lle pedín.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:209)

Encontros vocálicos: 9 gradesco,‿e; 10 má·is

Notas


Texto
  • 2-3

    Nótese o anacoluto sintáctico pola ausencia da preposición a para introducir o CI o meu amigo: (a)o meu amigo, se mi quer gran ben, / non lho gradesco, ...

  • 5-6

    A emenda de Cohen (seguida en Littera) tenta normalizar a expresión (que m’El fremosa fez tant’e mi deu / tanto de ben quanto lhi pedi eu). No entanto, unha vírgula final do verso (ausente en Nunes) resolve a cuestión, de modo que tanto no primeiro verso do refrán ten un valor claramente demostrativo, despois precisado no segundo verso.

    E mesmo habería unha outra posibilidade de edición sen alteración dos manuscritos, en que a repetición de tanto sería enfática:
                            ..: tanto mi deu,
         tanto, de ben, quanto lhi pedi eu.

  • 10

    Considerando a posibilidade de contaxe bisilábica de mais (Ferreiro 2016c), é desnecesaria a reintegración de Machado, Cohen e Littera neste verso, inducida polo aparente problema de hipometría.

  • 15

    A aparición da variante reducida da adversativa mas indica que esta forma non é exclusiva dos textos copiados no Cancioneiro da Ajuda (véxase nota a 692.10), pois en BV presenta catorce ocorrencias (véxase tamén 733.15, 789.6, 1038.4, 1046.10, 1201.10, 1225.4, 1245.6, 1246.22, 1282.10, 1387.13, 1432.21, 1573.5, 1652,29).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado