667 [= Tav 74,8]
Vistes, filha, noutro dia

Vistes, filha, noutro dia
u vos dix’eu que gran prazer
eu avia d’irdes veer
voss’amigo que morria?
Non vo-lo dix’eu por seu ben,
mais porque mi dis[s]era quen
no viu que ja non guarria.
Por al vos non mandaria
ve[e]-lo, mais oi dizer
a quen o viu assi jazer
que tan coitado jazia
que ja non guarria per ren;
mandei-vo-lo veer por én,
por mal que vos del seria.
E, porque non poderia
falar-vos nen vos conhocer
nen de vós gasalhad’aver,
pero vos gran ben queria,
mandei-vo-lo veer enton
por aquesto, que por al non,
filha, par Santa Maria.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 652, V 253

O v. 7 da estrofa I presenta a marca colocciana de refrán.

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 80); Tavani (1988a: 253 [= LPGP 485]); Cohen (2003: 137); Littera (2016: I, 567).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 95-96); Braga (1878: 50); Machado & Machado (1952: III, 318).
III. Antoloxías: Torres (1977: 137); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 114); Arias Freixedo (2003: 510-511).

Variantes manuscritas


4 morria] moiria BV   7 guarria] guairia B   9 ve[e]-lo] Volo B : uelo V   12 guarria] guarira BV   13 mandei] mando BV   14 por] Pre B : pe V; del] dele BV   18 gran] g̃ra B   19 mandei] mandoy BV; enton] encō V

Variantes editoriais


10 quen] que[n] Nunes; o] no Nunes, Tavani   12 guarria] guarira Cohen, Littera   13 mandei] mando Tavani   14 del] dele Tavani

Paráfrase


(I) Vistes, filla, estoutro día cando vos dixen que eu vía con moito agrado que fósedes ver o voso amigo que morría? Non volo dixen polo seu ben, senón porque me dixera quen o viu que xa non se salvaría.

(II) Por outra razón non vos mandaría velo, mais ouvín dicir a quen o viu así xacer que xacía tan coitado que non se salvaría por nada; mandéivolo ir ver por iso, polo mal que por causa del vos viría.

(III) E porque no podería falarvos nin coñecervos nin sentir o gozo da vosa presenza, aínda que moito vos amaba, mandéivolo ir ver entón por isto, non por outra razón, filla, por Santa María.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 7’a 8b 8b 7’a 8c 8c 7’a (= Tav 161:284)

Notas


Texto
  • 6-7

    Repárese en como, a pesar do hiato versal, o pronome presenta o alomorfo no (v. 7) após quen (v. 6), tal como é frecuente ao longo do corpus embora sexa extraordinaria a súa aparición nun tal contexto.

  • 12

    Sendo teoricamente posíbel a aparición do antepretérito guarira neste verso, que os manuscritos mostran, é moi probábel que se trate dun erro pola forma guarria de pospretérito (tamén no v. 7), tal como todos os editores consideraron agás Cohen e Littera, que manteñen a forma dos apógrafos

  • 13

    Neste verso o contexto leva tamén a emendar a lección mando dos manuscritos para unha forma mandei de pretérito, paralela á presente no v. 19, considerando un erro <o>/<ei> que se rexistra nalgún outro contexto (véxase 460.20 <dota> deita[de-a]).

  • 14

    Nótese que a forma pronominal ele dos manuscritos provocaría un verso hipermétrico, como acontece nalgunhas outras pasaxes do corpus: o carácter espurio da forma máis antiga ele, fronte a el, é obvio en casos en que se trata de refrán, onde non cabe dúbida sobre a incorrección métrica de tal forma (véxase 1133.r1, que na estrofa I presenta o necesario el, fronte ao incorrecto <ele> de BV na estrofa II; algo similar acontece en 1641.r2, coa forma correcta el en todas as estrofas agás na primeira, tamén con <ele> en BV). Estes casos xustifican as necesarias emendas derivadas da métrica noutras pasaxes en que ele provoca versos hipermétricos (236.21, 491.6, 754.7, 1119.25, 1273.20 etc.).

  • 17

    O substantivo gasalhado, en xeral coa acepción de ‘pracer (compartido)’ (véxase nota a 1192.13), é voz utilizada preferentemente en cantigas de amigo: fóra deste xénero só volta aparecer en 466.24 e 1487.15.

  • 19

    A lección <mandoy> implica un banal erro <o>/<e> (<mandey>) para poder fixar unha forma de pretérito, aconsellada polo contexto (cfr. o adverbio enton), por moito que na edición tavaniana se prefira a forma mando de presente no v. 13, tempo ausente en toda a cantiga.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado