53 [= Tav 151,14]
Per bõa fe, fremosa mia senhor

Per bõa fe, fremosa mia senhor,
sei eu ca máis fremoso parecer
vos fez Deus, e máis fremoso falar,
de quantas outras donas quis fazer;
e al vos fez que vos ora direi:
fez-vos máis mansa e de mui melhor
doair’e melhor talhada seer.
E por esto, fremosa mia senhor,
non me devedes vós culp’a põer
porque non sei eu ren no mund’amar
senon vós; e máis vos quero dizer:
senhor, nunca eu ja culpa averei
de non amar, enquant’eu vivo for,
senon vós, pois me vos Deus fez veer.
E rogo-vos, fremosa mia senhor,
por aquel Deus que vos fez[o] nacer,
que, macar vos oj’eu tanto pesar
digo, que vós me leixedes viver
u vos veja, que de pran morrerei
se vos non vir, e ei mui gran pavor
d’averdes vós en mia mort’a perder
gran mesura, fremosa mia senhor,
per bõa fe, que vos Deus fez aver,
ca non poss’eu i per nen un logar
a min nen a vós máis perda entender,
de quanta coita eu de viver ei,
polo vosso, que non ja con sabor
que eu aja, senhor, de non morrer.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


B 80

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 715-716 [= LPGP 944]); Littera (2016: II, 523-524).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 26-27); Machado & Machado (1949: I, 105-106); Rios Milhám (2017: I, 53).
III. Antoloxías: Alvar & Beltrán (1989: 103-104); Alvar & Talens (2009: 340-342).

Variantes manuscritas


4 donas] douas B   20 e ei] ou B   21 en] eu B   24 logar] loguar B

Variantes editoriais


3 vos] vus Michaëlis   5 vos ... vos] vus ... vus Michaëlis   6 vos] vus Michaëlis   7 doair’e] dõair’e Michaëlis   9 culp’a põer] culp’apõer Littera   11 vos] vus Michaëlis   12 culpa averei] culp(a) averei Michaëlis : culp’haverei Littera   14 vos] vus Michaëlis   15 vos] vus Michaëlis   16 por aquel que vus fez [tan ben] nacer Michaëlis   17 vos] vus Michaëlis   19 vos] vus Michaëlis   20 vos] vus Michaëlis   23 vos] vus Michaëlis   24 nen un] nenhun Michaëlis : nẽum Littera   25 perda] perd(a) Michaëlis

Paráfrase


(I) Abofé, fermosa miña señora, sei eu que Deus vos fixo ser máis fermosa e falar máis belamente que cantas outras donas quixo facer; e outra cousa vos fixo que vos agora direi: fíxovos ser a máis doce e a de máis graza e a mellor feita (de talle).

(II) E por isto, fermosa señora miña, non me debedes vós culpar porque eu non saiba amar outra cousa do mundo agás vós; e máis vos quero dicir: señora, xa nunca eu terei culpa de non amar, en canto eu viva, se non é a vós, xa que Deus me vos fixo ver.

(III) E rógovos, fermosa miña señora, polo Deus que vos fixo nacer, que, embora vos hoxe eu diga o que tanto pesar vos causa, que vós me deixedes vivir onde vos vexa, pois certamente morrerei se non vos vir, e teño pavor que vós perdades coa miña morte (IV) a gran mesura, fermosa miña señora, que vos Deus fixo ter, pois eu non podo ver en ningures unha perda maior para min e para vós que canta coita eu hei vivir por causa de vós, e non xa polo desexo que eu teña, señora, de non morrer.
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10c 10b 10d 10a 10b (= Tav 231:1)
Encontros vocálicos: 12 culpa‿averei; 25 perdaentender

Notas


Texto
  • 6-7

    É difícil achar descricións físicas da senhor nas cantigas de amor, que se limitan á utilización duns poucos termos imprecisos. O epíteto mansa rexistrado neste caso é relativamente frecuente nas cantigas de amor para referirse, na positiva e pouco detallada descriptio da senhor, ao seu carácter tranquilo, calmo e apracíbel. Pola súa parte, o termo doaire rexístrase escasamente e refírese á fermosura e elegancia dunha persoa –neste caso a senhor– nos seus xestos e movementos ou tamén na forma de dirixir a ollada.

  • 9

    Na lingua das cantigas profanas o verbo dever participa en perífrases obrigativas con infinitivo, tanto sen elemento nexual como coas preposición de (rara) e, sobre todo, a, que constitúe a fórmula maioritaria. É por isto que na frecuente construción dever culp’a põer1 se debe segmentar a preposición a, tal como a propia Michaëlis fixo algunhas veces (tamén en 152.9), e que, neste caso, non foi seguida por Littera. Outros contextos semellantes poden verse en 70.23, 526.14 e 668.13, onde diversos editores tampouco deglutinaron o enlace preposicional.

  • 12

    Tamén sería posíbel a sinalefa nunca‿eu, de modo que o acento caese na 4ª sílaba, aínda que non é sistemático nesta posición na cantiga.

  • 16

    Para recuperar a medida decasilábica do verso, recorremos á variante fezo, o mesmo que acontece, por exemplo, en 204.12 (de quantas donas Deus fez[o] nacer), que ofrece unha construción moi similar. Na lingua medieval aparece a desinencia -o na P3 dos pretéritos fortes, de modo que naquelas formas en que -it final latino desapareceu é posíbel a convivencia das formas fez, quis ou pôs con fezo (tamén feze), quiso (tamén quise) ou poso (tamén pose). Os trobadores utilizan unha ou outra variante por necesidades métricas, e os manuscritos achegan datos que confirman esta variación nos usos lingüísticos, de modo que en ocasións as leccións de A e B son diverxentes. Así, face ao necesario fezo transmitido por A (ás veces produto da revisión da copia) achamos <fez> en B: 277.17 (<fez{o}> A, <fez> B), 286.2 (<fezo> A, <fez> B), 309.10 (<fezo> A, <fez> B), 404.10 (<fezo> A, <fez> B), 430.28 (<fez{o}> A, <fez B>). Porén, en 175.6 o necesario fezo transmitido por B correspóndese co <fez> de A, que torna o verso hipométrico. E aínda se achan contextos en que fronte á lección de A, con fezo, B rexistra unha variante en que, mantendo o monosilábico fez, se reescribe o texto para asegurar a isometría: Qual dona Deus fez melhor parecer / e que fezo [B: <a fez>] de quantas outras son (175.2), de rogar Deus, e fezo-me [<a d’s e fez mj> B] perder (197.30). É por isto que o recurso a fez[o] está certamente xustificado perante leccións afectadas por hipometría versal: é significativo que no v. 1 do refrán da cantiga 847, face ao correcto fezo que se rexistra na estrofa I (<fez> B, <fezo> V), apareza fez en BV nas estrofas II e III. Cfr. nota a 60.19.
    Por outra parte, resulta estraña en Michaëlis a omisión de Deus (<ds̄> B) nun verso que se multiplica, con leves variantes, ao longo do corpus: E, senhor, por Deus, que vos fez nacer (56.22), [E] por aquel Deus que vos fez nacer (716.11) etc.

  • 17

    A conxunción concesiva macar, de orixe grega, é case exclusiva do rexistro poético, tal como se deduce do seu uso na poesía trobadoresca profana e da súa alta frecuencia nas Cantigas de Santa Maria. A súa aparición noutro tipo de textos é moi escasa (véxase CGPA, s.v. macar). Cfr. nota a 57.6.

  • 17-18

    Nótese a repetición da conxunción completiva que tras unha frase parentética, como medio de recoller de novo o discurso: E rogo-vos ..., / ..., / que, macar vos oj’eu tanto pesar / digo, que vós me leixedes viver ... Véxase nota a 52.2-3.

  • 20

    A emenda da lección de B é obvia, sobre todo tendo en conta o erro <ou>/<ei> de BV en 568.15.

  1. ^

    O feito de culpa anteceder o verbo dever impide a presenza da preposición en 269.24, 341.3, 384.24, 1092.32 e 1578.8.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado