Tanto B como V reflicten unha copia defectuosa do refrán, que aparece deslocado: despois do v. 11 é copiado o texto <Aca ueira> B, <aca uerra> V, e, de modo similar, tras o v. 19 iníciase de novo o estribillo: <Aca> B, <aca> V.
I. Edicións críticas: Nobiling (2007 [1907]: 103-104 [= LPGP 450]); Nunes (1973 [1928]: 175-176); Cohen (2003: 249); Littera (2016: I, 529).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 141); Braga (1878: 70); Machado & Machado (1953: IV, 80-81); Domingues (1992: 58); Cohen (1996: 20).
III. Antoloxías: Gonçalves & Ramos (1983: 158); Pena (1990: 135-136); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 106)
1-2 sanhud[o], / amiga] sanhuda / miga BV 5 conhoçudo] conhocudo B 6-8 Aca ueira / ca ueira / a ca ueira B : aea uerra / ea uerra / aea uerra V 9 desemparado] desenperado B 10 morria] moirera B : morrera V 11 amiga] muiga V 12 fogia] rogui B : fogeu V 14 verra] ueira B 15 verra] uenn B 18 morrendo] moirendo B 22 verra] ueira B 23 verra] ueira B
4 e pero mig’oj’é] pero migu’é Nobiling : e, pero migu’é Nunes, Littera : e, pero migo é Cohen 5 conhoçudo] conhuçudo Cohen 12 non fogia mui coitado] non foi en[d’ el] o muy coytado Nobiling : non foi en[d’el] o mui coitado Nunes : ora fogeu mui coitado Cohen : ora fogiu mui coitado Littera 21 chufan Gailhade] chufan Guilhade Nobiling, Nunes : chufa’n Guilhade Cohen : chufa, ‘n Guilhade Littera
(I) –Foise agora de aquí sañudo, amiga, o voso amigo.
–Amiga, rompeu comigo; e aínda que hoxe rompeu comigo, o traidor coñecido acá ha de vir: porque ha de vir, acá ha de vir.
(II) –Amiga, sentíase desamparado de vós e morría.
–Amiga, estades tola: non fuxía moi coitado; mais el, mal que lle pese, acá ha de vir: porque ha de vir, acá ha de vir.
(III) –Amiga, (fálovos) con lealdade: din que anda morrendo.
–Vós o andades dicindo, amiga, isto é verdade, mais o que alcuman Gailhade acá ha de vir: porque ha de vir, acá ha de vir.
Esquema métrico: 7’a 7’b 7’b 7’a 7’a 4C 3C 4C (= RM 142:1)
Encontros vocálicos: 3-4 migo;/‿é
Este verso, tal como aparece en BV, é aparentemente hipermétrico, feito que explicaría as diversas lecturas de Nobiling, Nunes e Cohen, que non consideran a episinalefa migo;/‿é. Deste xeito, mantense o adverbio oje, que introduce un matiz que desaparecería coa súa eliminación, ao tempo que se fixa a locución conxuntiva de valor concesivo e pero ‘aínda que’, de uso regular ao longo de corpus.
A versión tradicional deste refrán, a partir de Nobiling e Nunes, presentaba unha anomalía cal a presenza da forma adverbial cá, sen documentación no corpus trobadoresco. É por isto que a lectura de Cohen é correcta, considerando ca como conxunción causal. Con todo, e nesta mesma liña, serían posíbeis outras lecturas alternativas con diferentes modulacións enunciativas:
aca verra,
ca verra
aca. Verra!
Ou aínda:
aca verra:
ca verra
aca, verra!
Certamente, resulta difícil interpretar a lección dos manuscritos (<rogui> B, <fogeu> V), feito que explica as sucesivas versións deste verso nas diversas edicións, todas elas bastante afastadas do orixinal: non foy en[d’el] muy coytado (Nobiling, Nunes); non foi ele mui coitado (Lapa 1982: 170); a lectura de Cohen, ora fogeu mui coitado (coa suxestión muito irado como posíbel lectio difficilior), presenta o problema da desinencia verbal de 2ª conxugación para un verbo da 3ª, confusión que non rexistramos no corpus da poesía trobadoresca, aínda que si está presente na prosa medieval.
É por isto que, perante o erro nos manuscritos, e sempre no ámbito da conxectura, propomos unha lectura a partir dun erro de copia similar que se detecta en 888.59, en que fogia é estabelecido a partir das leccións <fogra> B, <fogui> V. Así, é coherente do punto de vista temporal e tamén polo sentido: a confidente dille que o amigo morría pola amiga, e ela respóndelle que iso non ten sentido, pois o amigo non se ía (fuxía) moi coitado.
Optamos por unha puntuación que permita atribuír con lealdade á voz da amiga confidente ou, alternativamente, ás voces exteriores. No primeiro caso o sentido sería este: ‘Amiga, (fálovos) con lealdade, din que anda morrendo’. De ser atribuído ás voces exteriores entenderíase así: ‘Amiga, din que anda morrendo por mantervos lealdade’.
Na secuencia <este> do verso tamén se podería interpretar a presenza da forma verbal éste, sen demostrativo, tal como se propón en Lapa (1982: 170); con todo, semella máis pertinente considerar a crase esto + é (véxase Ferreiro 2008b: 72-75).
O verbo chufar ten o significado de ‘burlar, escarnecer’1 . Neste sentido, a interpretación do verso é clara desde o momento en que, fronte a todos os editores precedentes, mantemos a lección manuscrita unánime en B e V <gaylhade>, considerando que o trobador xoga co provenzalismo gai ‘alegre’ (véxase Glosario, s.v. gai, gaia). Ao tempo, dificilmente se pode considerar a preposición en (chufa’n Guilhade) cun verbo predicativo, tal como estabelece Cohen (e Littera) na súa edición.
Este verbo desapareceu no portugués moderno, mais mantense en galego como verbo transitivo e pronominal (‘adular, enxalzar excesivamente; gabar(se)’).
Utilizamos cookies de terceiros con fins analíticos para poder coñecer os hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas). Lembre que, se aceptar cookies de terceiros, terá de as excluír das opcións do seu navegador ou do sistema ofrecido por terceiros.
Clique no botón correspondente para aceptar ou rexeitar as cookies: