I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 340-341 [= LPGP 490-491]); Lopes (2002: 230-231); Littera (2016: I, 576-577).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 347-348); Braga (1878: 191); Machado & Machado (1960: VII, 102-103).
III. Antoloxías: Landeira Yrago (1975: 148-149); Tavares & Miranda (1987: 198-199); Lopes & Ferreira & Silvestre (2015: 40-41).
8 eu] en V 19 começou] comezou V 32 ja-u] cau V
1 Soarez] Soares Littera 8 Perez] Peres Littera 10 e o sei] e[u] [o] sei Lapa : [est’] eu sei Lopes, Littera 11 com’e fod’e] come fode Lapa, Lopes, Littera 15 Soarez] Soares Littera 18 sabede] sabedes Lapa, Lopes 22 Perez] Peres Littera; mal dizer] maldizer Littera 26 mizcrou] miscrou Littera 32 Perez] Peres Littera; ja-u] já [e]u Lapa : ja [eu] Lopes, Littera 34 des [i] meter] de remeter Lapa, Lopes, Littera
(I) −Joán Soárez, comecei agora a facer un cantar, vede por que: porque achei un bo motivo para trobar, pois vexo aquí un xograrón que nunca pode cantar unha melodía nin tampouco a pode interpretar na cítola.
(II) −Joán Pérez, eu vos direi por que o fai, na miña opinión: porque bebe moito, seino ben, e come e fode e despois non pode falar; e por esta razón canta el mal, mais un pagamento equivalente debe el levar de vós.
(III) −Joán Soárez, non me sabedes responder ben a isto: el non canta mal por beber, sabédeo, senón por unha cousa: porque desde que comezou a cantar, sempre cantou mal e cantará mentres viva.
(IV) −Joán Pérez, por maledicencia vos foi alguén dicir iso, pois polo viño e por foder perdeu el o cantar e o siso; mais ben entendo que alguén o quixo pór a mal convosco e lle buscou o mal, porque vos fixo crer iso.
(1) −Joán Coelho, el pagouvos o outro día cando chegou, pois falades tan ben del.
(2) −Joán Pérez, en calquera momento vos dou canto me deu e me mandou e canto despois me há de dar.
Esquema métrico: 8a 8b 8a 8b 8c 8c 8b (I-II [= RM 101:43]) + 8a 8b 8a 8b 8c 8c 8a (III-IV [= RM 100:46]) + 2 x 8c 8c 8a
Encontros vocálicos: 29 Coelho,‿el; 34 mi‿á
Nesta composición, a perda do cantar do jograron é atribuída á comida (v. 11), á bebida (vv. 11, 24) e ao foder (vv. 11, 24), en liña con UC 1395, de Pero Garcia Burgales, que presenta Fernand’Escalho que ficou sen voz tamén pola actividade sexual.
Ao longo do corpus trobadoresco profano aparece con frecuencia a frase formularia de tipo aseverativo e o sei, variación da máis xeral eu o sei (cun ton enfático que explica a próclise pronominal) que aínda conta con outras fórmulas expresivas moi similares: sei-o eu, aquesto sei eu, ben o sei, ben sei, esto ben sei, eu sei etc. É por isto que non é necesaria a emenda e[u] o sei realizada en todas as precedentes edicións, xa que a presenza de e o sei está garantida tamén en 212.14, 235.28, 423.12, 1023.14, 1115.7 e 1500.3, por máis que moi frecuentemente fose corrixida polos editores. Cfr. nota a 301.6.
Coidamos errada a lectura deste verso nas anteriores edicións, en que necesariamente come tería un inusual valor causal:
e come fode, pois falar
non pode...
A segmentación que propomos fai moito máis natural a sintaxe, ao tempo que liga tres accións moi relacionadas nas cantigas de escarnio, e nomeadamente na cantiga 1395 de Pero Garcia Burgales:
porque beve muit’, e o sei,
e com’e fod’e pois falar
non pode.
Precisamente, a antecitada cantiga de Pero Garcia Burgales, está construída por volta da perda da voz por causa do foder:
ouve sabor de foder, e fodeu,
e perdeu todo o cantar por én (1395.6-7).
Con relación a este verbo (do lat. futuere), voz escatolóxica tamén presente no v. 24, tal como outros termos pertencentes ao ámbito sexual (caralho, cono, peer etc.) non parece ter abandonado o ámbito da oralidade para o texto escrito, agás nas cantigas satíricas, única produción en que o achamos. Non obstante, o verbo foder é a voz deste ámbito máis representada nos escarnios, con máis de 100 rexistros (incluídos os participios e formas substantivadas e excluíndo outras formas derivadas) pertencentes a 17 autores, en 31 cantigas: Afons’Eanes do Coton (UC 1589, 1591, 1598), Afonso X (UC 491), Airas Perez Vuitoron (UC 1495), A. Gomez (UC 877), Estevan da Guarda (UC 1334, 1335), Fernand’Esquio (UC 1614), Joan Garcia de Guilhade (UC 1508, 1509, 1510, 1511), Joan Servando (UC 1440), Joan Soarez Coelho (UC 1419, 1422, 1426, 1427, 1435), Joan Vaasquiz de Talaveira (UC 1567), Martin Moxa (UC 919), Martin Soarez (UC 1376, 1386), Meen Rodriguez de Briteiros (UC 1347), Pero da Ponte (UC 1638, 1651, 1659), Pero Garcia Burgales (UC 1394, 1395), Pero Martiiz (UC 1430), Vaasco Perez Pardal (UC 1525).
Alén da lírica profana é certamente extraordinaria a aparición do verbo noutro tipo de textos. É significativo que tamén se rexistre nunha composición escarniña do Cancioneiro Geral de Garcia de Resende (Dias 2003: VI, s.v. foder):
diz que tu,
quando naceo Barzabu,
eras ja diabo feito.
E que jaa entam fodias
e ias contr’òs inimigos.
En textos alleos á poesía, só atestamos o verbo nunha pasaxe de Fernão Lopes na Crónica de D. Fernando que debe recoller un proverbio: e dizam-lhe alguus que juras de foder nom eram pera creer (cfr. CdP, s.v.).
En xeral, mizcrar (de mĭsculāre, relacionado co lat. cl. mĭscēre ‘mesturar’) é usado co valor de ‘intrigar, malquistar’ (148.24, 1043.2, 1423.9); concorre con mezcrar (216.21) e mais con miscrar (938.1, 1597.9). As dúas primeiras formas presentan africada sonora implosiva, de modo similar a mezquinho (370.3, 1672.17), que tamén concorre no corpus profano con mesquinho (1597.11) e misquinho (1440.7).
Peitar ‘pagar (un tributo)’ é verbo derivado de *pactāre, derivado de pactum.
Neste verso consideramos a existencia (reiterada) do erro <c>/<i~j> en <cau>, de modo que se pode fixar sen problemas ecdóticos a locución adverbial ja-u. Neste sentido véxanse, entre outros, os seguintes erros de copia no relativo ao adverbio ja <ca> en 12.8 (B), 854.6 (BV), 1447.16 (V), 1422.8 (V), 1596.17 (BV), 1620.5 (BV). Así, de igual modo que quando concorre na lingua medieval coa forma u, de teor máis arcaico, as formacións adverbiais con ja tamén conviven no corpus, de modo que se rexistra ja-quando en 1012.18 e 1240.12, a caron de ja-u, que volve aparecer reiteradamente na cantiga 1504 (vv. 1, r2, 6). Cfr. notas a 33.14 e 347.9.
Foi Lapa quen propuxo a conxectura remeter como lectura de <des meter>, aínda advertindo de que habería que documentar o valor de ‘enviar’ para este verbo (lémbrese que remeter significa ‘acometer ou botarse con ímpeto; facer correr, esporear’; cfr. arremeter). Efectivamente, todas as documentacións deste valor para o verbo remeter ~ remitir no Corpus Galego-Português Antigo remiten a datas tardías, fundamentalmente no século XV.
Na realidade, a partir de <des meter> semella moito máis acaída a lectura des [i] meter, con fácil omisión de <i> perante <m>, pois o contexto semántico facilita a presenza do verbo meter ‘colocar, pór, dar’, mesmo co valor de ‘enviar’ que mittere presenta en latín:
–Joan Perez, ja-u vos dou
quanto mi deu e mi mandou
e quanto mi á des [i] meter.