1402 [= RM 125,9]
Dona Maria Negra, ben-talhada

Dona Maria Negra, ben-talhada,
dizen que sodes de min namorada,
se me ben queredes,
por Deus, amiga, que m’oi sorrabedes,
se me ben queredes.
Pois eu tanto por voss’amor ei feito,
ali u vós migo talhastes preito,
se me ben queredes,
[por Deus, amiga, que m’oi sorrabedes
se me ben queredes].
Por non vĩir a min, soa, sinlheira,
venha convosc’a vossa covilheira,
se me ben queredes,
[por Deus, amiga, que m’oi sorrabedes
se me ben queredes].
Pois m’eu [tanto] por vós de peidos vazo,
ali u vós migo talhastes prazo,
se me ben queredes,
[por Deus, amiga, que m’oi sorrabedes
se me ben queredes].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 1383bis (ff. 295v, col. b, 296r, col. a), V 992 (f. 158v, cols. a-b)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 569); Blasco (1984: 271 [= LPGP 815]); Lopes (2002: 415); Marcenaro (2012b: 398); Littera (2016: II, 375); Arias Freixedo (2017: 339).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 340); Braga (1878: 187); Fernández Pousa (1953: 36); Machado & Machado (1958: VI, 119-120); Callón (2017: II, 97)
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 81-82); Alvar & Beltrán (1989: 206-207); Neves (2004: 100-101); Alvar & Talens (2009: 482).

Variantes manuscritas


1 Dona] Dom na BV   3 me] men B   11 vĩir] uijr B   12 covilheira] cauilhera B   16 peidos vazo] peydes uaso B : peydos uaso V   17 talhastes] ralhastes B

Variantes editoriais


1 Dona] Dom’na Blasco   2 min] mi Lapa   4 m’oi sorrabedes] moit’onr’avedes Lapa : m’oy [saberedes] Blasco   9 m’oi sorrabedes] moit’onr’avedes Lapa : m’oy [saberedes] Blasco   11 vĩir] viir Lopes, Littera   14 m’oi sorrabedes] moit’onr’avedes Lapa : m’oy [saberedes] Blasco   16 [tanto]] om. Blasco; vazo] vaso Blasco   19 m’oi sorrabedes] moit’onr’avedes Lapa : m’oy [saberedes] Blasco

Paráfrase


(I) Dona María Negra, moi ben feita, din que estades namorada de min, se ben me queredes, por Deus, amiga, hoxe vinde atrás de min submisamente, se ben me queredes. 
(II) Xa que eu teño feito tanto polo voso amor alí onde marcastes un encontro comigo, se ben me queredes, por Deus, amiga, hoxe vinde atrás de min submisamente, se ben me queredes. 
(III) E para non virdes xunto de min soa, senlleira, que veña convosco a vosa alcoviteira, se ben me queredes, por Deus, amiga, hoxe vinde atrás de min submisamente, se ben me queredes. 
(IV) Pois eu por vós tanto me baleiro a peidos, en cada lugar onde acordamos unha cita, se ben me queredes, por Deus, amiga, hoxe vinde atrás de min submisamente, se ben me queredes. 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10’a 10’a 5’B 10’B 5’B (= RM 42,11)

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga está incluída no conxunto de composicións escarniñas de Pero Garcia Burgales (UC 1390-1403), feito indicado pola rúbrica que antecede UC 1390: Pero Garcia fez estas cantigas, e son d’escarnh’e de mal dizer.

    A soldadeira Maria Negra volve aparecer nas cantigas UC 1400 e 1403, tamén de Pero Garcia Burgales (véxase Marcenaro & González 2024: s.v. Maria Negra).

  • 1

    A grafía conservadora e/ou latinizante <dom na> de BV (cfr. lat. dŏmĭnan > dom’na > dona) é similar a outras que se rexistran ao longo do corpus: dona (<dona> B, <dōna> V, 1480.r2 e v. 14), ano (<āno> BV, 1331.10), antano (<antāno> B, <antano> V; cfr. lat. ante annum) en 1594.21; dano (<dapno> BV, 1340.3; <dāno> B, <dano> V, 1487.17; cfr. lat. damnum). En calquera caso, son formatos gráficos relacionados con outras grafías latinizantes que se rexistran nos cancioneiros, cales absconder, peccado, soffrer, monstrar (só presente en copias de B, véxase nota a 9.3), o grupo -sc- en verbos inicialmente incoativos (conhoscer, parescer, escaescer, falescer, nascer; véxase nota a 117.19) ou a frecuente conxunción copulativa <et>, entre outros exemplos posíbeis. E para alén destas formas aínda se poden ter en conta outras como <in> en (2.18, 1451.2, 1624.17) e <cum> con (91.1, 671.2 e 6), <expedir> espedir (809.1, 1126.15), ou <cōmo> como e similares (294.15, 882.24, 1329.10, 1334.16 etc.).

  • 3

    A lección <men ben> de B (vs. <me bē> de V) no primeiro verso do refrán da estrofa I permitiría estabelecer unha variatio do tipo se meu ~ m'én ben queredes vs. se me ben queredes. Porén, a firme presenza de me en todas as restantes ocorrencias do refrán en B e de V indica que estaremos perante un lapso de copia e/ou interpretación.

  • 4

    Fronte ás propostas editoriais de Lapa (moit’onr’avedes) e Blasco (m’oy [saberedes]) para o final do verso, foi Roncaglia (1994) quen acutamente apuntou a solución (adoptada en Lopes –e Littera–) para o refrán desta cantiga: o verbo sorrabar ‘andar detrás de; fig. rogar submisamente’, que o estudoso italiano explica sobexamente e documenta en diversos dicionarios e mais na obra de Gil Vicente.
    Canto a oi, do lat. hŏdĭe (cfr. oje) sen dúbida é forma existente nas cantigas profanas, mais só noutras tres composicións1 :

    Oi nos devemos [a]legrar
    deste escudo que Deus aqui / troux’, ... (5.13).

    Ai mia senhor, sempr’eu esto temi
    des que vos vi, que m’oi de vós aven (20.2).

    a jornada que d’aqui
    vós oi queredes filhar
    sera grande (1649.12).

    O certo é que resulta factíbel o resultado (h)oi a partir de hodie, aínda que sexa verdadeiramente esporádica a caída de -d- no grupo [-dj]- en vez da esperada palatalización consonántica por efecto do iode, pois só localizamos uns poucos exemplos na prosa anterior ao século XV2 . Véxanse, na prosa notarial dos séculos XIII-XIV, os seguintes exemplos (no CGPA): 

    ... estado en que antes estaua e na reuor en que oy esta e que non penda maor danno nen maor forza ... (doc. 1274, ed. Novo Cazón); 

    e a uosa moler Tareija Anes e aos fillos que oi dia auedes (doc. 1321, ed. Lucas Álvarez); 

    et bees des lo tenpo que os conplastes passado ata oy die que esta carta he feyta (doc. 1343, ed. Cal Pardo); 

    Et des oy dia en deante, tyro a min et a toda minna uos do jur et posison et propiedade dos ditos herdamentos (doc. 1356, ed. Graña Cid). 

    que de oy dia en deante non perturbe por si nen por [. . ] sisom en que esta (doc. 1417, ed. Graña Cid).

    Na prosa historiográfica galega tamén se rexistra, mais debe terse en conta que se trata de traducións do castelán: 

    dandolles muytos d[o]nadios et muytas rrendas, que oy dia am (Crónica Geral Galega, ed. R. Lorenzo). 

    Oy este osso agora era dos meus ossos et carne da myña carne! (Geral Estoria; CGPA, ed. Martínez López).

    E aínda se rexistra na Crónica de 1344

    Des oy podemos, sem nẽ hũu embargo, casar nossas filhas cõ os iffantes d’Aragon e de Navarra (Cintra 1952-1990: IV, 164).

  • 7

    Talhar preito, expresión frecuente na voz da amiga nas cantigas de amigo, é ‘marcar un encontro, concertar unha cita’ (véxase 606.2, 1200.1, 1430.26).

  • 11

    Fronte á forma xeral senlheiro/a, aparece esporadicamente a variante fonética sinlheiro/a (tamén en 478.48 e 479.7), que se rexistra, aliás, na Crónica d'Espanha de 1344 (Cintra 1952-1990: III, 145). Cfr. tamén nota a 1298.2.

  • 12

    En face da cantiga 1597 de Afons’Eanes do Coton, en que covilheira é sinónimo de alcaiota, nesta composición aparece no seu significado de ‘criada de confianza, camareira’. Véxase a súa descrición na Crónica de D. João I de Fernão Lopes (cfr. CGPA, ed. M. Lopes de Almeida & A. de Magalhães Basto): 

    E tiraram as covilheiras aos Ifamtes, que eram molheres que lhes guoardavam suas roupas e alinpavão e toda outra limpeza que molheres a moços onestamente he dado de fazer.

  • 16

    A palabra peido, como voz escatolóxica, e tal como outras pertencentes ao ámbito sexual (caralho, cono, foder etc.), non parece ter traspasado o ámbito da oralidade para o texto escrito. Peido só comparece noutras dúas composicións escarniñas (UC 1529, de Fernan Garcia Esgaravunha, e UC 1603, de Pedr’Amigo de Sevilha). Na produción medieval está case radicalmente ausente, pois só o achamos nunha ocorrencia nos Livros de Linhagens

    e dona Eixamea Diaz, que mordeo a bespa no cono e deu ũu peido, e deu por beençom a todos os de seu linhagem que matassem as bespas onde quer que as achassem (Mattoso 1980: II/2, 21).

    A forma tradicional vazar, única no período medieval, foi substituída modernamente na lingua polo verbo derivado de vazio (do lat. uacīuum), conforme as atestacións fornecidas polos bancos de dados (véxase CGPA, CdP).

  • 17

    A expresión verbal talhar prazo é similar a talhar preito (v. 7), isto é, ‘marcar o prazo para un encontro’.

  1. ^

    A aparición de oi en 1587.12 é interpretación de Lapa, Alvar e Lopes, que, condicionados por cuestións gráficas, estabeleceron d’oi a tercer dia en vez de d’oj’a tercer dia.

  2. ^

    Neste século xa aparece con máis frecuencia, probabelmente pola influencia castelanizadora.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado