I. Edicións críticas: Blasco (1984: 283-284 [= LPGP 837-838]); Marcenaro (2012b: 411-412); Littera (2016: II, 374-375).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 339-340); Braga (1878: 186-187); Fernández Pousa (1953: 35-36); Machado & Machado (1958: VI, 118-119).
III. Antoloxías: Álvarez Blázquez (1975: 89-90); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 237).
3-4 non leixa [...], / nen vos ar leixa] non leixa nē uꝯ ar / Leixa B : non leixa nē uꝯar / leixa V 8 Garcia] Guarcia B 10 quant’é] q̄nte V 17 oraçon] oracon B 18 jajũar] iamar B; esmola] esmolla BV 19 por] Ca pe B : ca pe V; partiu] pertiu V 20 quiça] qˈza V 23 conselhos boos] cōsselhos boo V 26 tanto] tonto B 28 faça] faca B
2 vos] vus Blasco 3-4 con Amor, que vos non leixa [... -ar], / nen vos ar leixa dormir nen comer] con amor, que vus non leixa, nen vus ar / leixa dormir, nen comer Blasco : con Amor, que vos non leixa, nen ar / [vos] leixa [ja nen] dormir nen comer Marcenaro : com amor, que vos nom leixa, nem vos ar / leixa dormir, nem comer Littera 5 [eu]] om. Blasco, Littera 9 vos vós] vus vos Blasco : vós vos Marcenaro 11 vos] vus Blasco; faz [i]] faz Blasco, Marcenaro, Littera : faça Marcenaro 15 vos] vus Blasco 18 jajũar] jajuar Blasco, Littera; esmola] esmolla Blasco, Marcenaro 19 por aquesto] ca por aquesto Blasco, Littera 21 [aqu]esto] esto Blasco, Littera 23 boos boos] bõos, bõos Littera 24 [e]] om. Blasco, Marcenaro, Littera; mi perdon] [a] mí perdon Marcenaro 25 per] por Marcenaro 28 dé] dê Littera
(I) −Señor, quero eu agora saber de vós, xa que vos vexo andar tan coitado por Amor, que non vos deixa [...-ar], nin tampouco vos deixa durmir nin comer, que hei facer eu, a quen Amor fai mal de tal maneira que non durmo, señor, nin podo encontrar un remedio contra el.
(II) −Pero Garcia, eu non consigo saber como vós vos poderedes amparar de Amor, tal é a miña opinión, que, con todo, non vos fai sufrir moito mal, porque a min me fai tanto mal Amor que, se eu fose o señor do mundo, renunciaría a el a cambio de non ter amor.
(III) −Señor, direivos o que ouvín dicir a quen estivo aflixido por el durante moito tempo: ese díxome que por oración, por xaxún e por facer esmola, por isto Amor se afastou del; facede isto, quizá Noso Señor volo fará perder por isto.
(IV) −Pero Garcia, sempre ouvín que bos son os consellos bos, e farei iso, así Deus me perdoe, pois doutra maneira non podo seguir con vida: xa que Amor tanto mal me fai, rogarei moito a Noso Señor que me dea a morte ou que mo faga perder.
Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= RM 161:85)
Encontros vocálicos: 6 dór·mi͜o; 28 mi͜-o
Esta cantiga está incluída no conxunto de composicións escarniñas de Pero Garcia Burgales (UC 1390-1403), feito indicado pola rúbrica que antecede UC 1390: Pero Garcia fez estas cantigas, e son d’escarnh’e de mal dizer.
Na opinión de Tavani (1990a: 316), esta composición do Burgales é, moi probabelmente, unha tençon ficticia, sen interlocutor, que nunca é nomeado. Por súa parte, Simone Marcenaro na edición crítica do cancioneiro do trobador interpreta que o senhor encobre Afonso X: a tenzón “intraprende con quello che con tutta probabilità si tratta del giovane Alfonso qualche anno prima di essere incoronato riguarda essenzialmente un problema di casistica amorosa, relazionata, como d’abitudine, alla coita de amor e la conseguente fittizia morte”.
Nótese, nesta cantiga o sistema de coblas doblas, coa complexa repetición de palabras rimantes, que combina a aparición de Amor no v. 5 de todas as estrofas, coa repetición por pares de estrofas de tres voces máis: I-II, 1 saber, 6 senhor, 7 saber; III-IV, 1 dizer, 6 (Nostro) Senhor, 7 perder.
A copia manuscrita presenta unha lacuna nos códices tal como a métrica demostra; o texto en BV sería o seguinte:
con amor que vos non leixa nen vos ar
leixa dormir nen comer.
A partir desta disposición dos versos, Blasco e Marcenaro consideraron que nen vos ar é a secuencia final do v. 3 e traspasan a lacuna para o v. 4:
con amor, que vus non leixa, nen vus ar
leixa dormir, nen comer (Blasco)
con Amor, que vos non leixa, nen ar
[vos] leixa [ja nen] dormir nen comer (Marcenaro).
Porén, parece máis lóxico a procura da simetría sintáctica coa presenza dun verbo (en -ar: estar, morar, amar...?) como palabra final no v. 3, para manter o paralelismo compositivo nas palabras rimantes, coidadosamente utilizadas e reiteradas nos vv. 1, 5 e 7 ao longo de toda a composición. Talvez a mellor opción sexa estar 'vivir, pasar a vida', tal como en Joan Soairez Somesso (99.10):
e Deus non m’én dé o poder
des que m’eu de vós alongar,
mais dá-mi a morte, mia senhor,
Deus, e nunca me leix’estar
assi no mund’, a meu pesar,
come ja sen vós estarei.
Ou en Joan Perez d'Avoin & Joan Soarez Coelho (1421.1):
Joan Soarez, non poss’eu estar /
que vos non diga o que vej’aqui: / ...
Obviamente, o Pero Garcia interpelado nesta cobra e mais na cobra IV é Pero Garcia Burgales.
A frase formularia aseverativa segundo quant’é meu cuidar, xunto con segund’agora meu cuidar (92.2), constitúe o desenvolvemento amplificado das fórmulas que proliferan no corpus, de tipo relativizante como a meu cuidar ou a meu coidar (tamén ao meu cuidar, 435.17; en meu cuidar, 746.3; a seu cuidar, 1659.3), que conviven con quant’é meu cuidar (187.9, 549.14, 1186.1) e quant’é a meu cuidar (só en 454.5) e aínda con outras fórmulas alternativas (véxase nota a 65.3, 230.10, 415.29).
Perante a evidente hipometría do verso, Marcenaro emenda a unánime lección faz en faça, por máis que tal erro non se rexistre noutras pasaxes dos cancioneiros. Acreditamos en que a mellor solución é a recuperación do pronome adverbial i, nunha secuencia común no corpus, incluída outra cantiga do propio Burgales: e, se morrer, non me faz i pesar (724.18); ventura me faz i / sen seu grado ben querer (851.12); e, se s’as[s]anha, non faz i torto / o meu amigo (1291.r1); porque cuida que faz i maestria (1398.10) etc.
A grafía <ll> de esmolla en BV, alén de se rexistrar en múltiplas ocorrencias de nulho nos apógrafos italianos (especialmente en B) en vez de <lh>, só se acha de forma esporádica como grafía etimolóxica en voces con /l/ procedente, en xeral, da xeminada latina (ali, bailada, castelo, cavalo –e cavaleiro–, esmola, querelar, Varela, vassalo, Vilanansur etc., con especial incidencia en ela, aquela e ele/s), moi esporadicamente na forma do pronome el (e mais do artigo el-) (véxase nota a 637.2), nalgunha asimilación do artigo ou do pronome (véxase notas a 6.32 e 918.11) e, finalmente, en voces co secuencia fonética [ɾl], que é transmitida sistematicamente en BV coa grafía <rll> (véxase nota a 392.9).
A omisión de ca, realizada por Marcenaro, devolve a correcta medida ao verso, onde esta conxunción resulta redundante. Como outros elementos foneticamente reducidos, ao longo do corpus outras probas indirectas a confirmar que, ás veces, a presenza da conxunción é resultado dun erro de copia. Así ocorre, por exemplo, na cantiga 859.3: os dous apógrafos italianos presentan a lección redundante <ca poys>, onde é necesario expunxir ca; e unha situación similar pode verse na cantiga 938: fronte á copia do refrán na estrofa I, no inicio do refrán das estrofas II e III aparece unha partícula ca espuria, por razóns métricas.
Para a estrutura sintáctica do período e o acento na 4ª sílaba acae perfectamente a restauración da conxunción e no inicio do verso, que está sustentada pola súa moi frecuente omisión por erro de copia, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.). E noutros casos, a métrica e/ou o sentido indica a necesidade da recuperación da copulativa (véxase 6.14, 60.27, 103.18, 110.3 e 17, 230.5, 271.5 etc.). Cfr. nota a 42.15 e 274.19.