I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 570); Blasco (1984: 275 [= LPGP 821]); Lopes (2002: 416); Marcenaro (2012b: 403); Littera (2016: II, 375-376); Arias Freixedo (2017: 342).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 340-341); Braga (1878: 187); Fernández Pousa (1953: 37); Machado & Machado (1958: VI, 120-121).
III. Antoloxías: Torres (1977: 125); Tavares & Miranda (1987: 80-81); Neves (2004: 103-104); Marcenaro (2006: 212-214).
2 quer] qer V 3 mão] māa BV; non] no B 4 morren] moirē B 5 un] nun BV 6 serão] seuiā B : seraā V 9 comprando] Comprado B 11 sol] Sel B; pousada] poussada B : pous\s/ada V 13 polmoeira] polmeyra V; torcilhon] torzilhon B : torzilhō V 14 força] forca B : forza V; ende] ede B 15 Muit’é] Muyto B; aventuira] auerreuȳra V; mengada] menguada V 16 pis[s]as] pilas B : pisas V 17 van] nā V; morrer] moirer B 20 morren, a velha] morrer que lha V 21 pis[s]as] pilas B : pisas V
1 desventuirada / é porque] desventuirada, / e porque Lapa : [é] desventuirada! / E por que Lopes : desventurada, / e ¿porqué Marcenaro : des[a]ventuirada! / E por que Littera 3 mão] mãa Lopes, Littera 4 aa] a Marcenaro 5 un] nun Blasco : num Lopes 6 oonte] onte Lopes : o onte Littera; serão] serãa Littera 10 pis[s]a] [a] pis[s]a Marcenaro 11 na] [e]na Arias Freixedo 13 torcilhon] torzilhon Blasco 14 ende aaguada] end’aguada Lopes : ende aguada Marcenaro : end’aaguada Littera 15 per aventuira mengada] per aventuira menguada Lapa, Blasco, Lopes : per aventura menguada Marcenaro : pera ventuira menguada Littera 19 met’, e na estrabaria] mete, na estrabaria Lapa, Blasco, Lopes, Littera, Arias Freixedo 20 pois] [e] pois Littera 21 sera] berra Lapa, Lopes
(I) Maria Negra é desafortunada por querer comprar tantas pixas, pois na man non lle queren durar e así lle morren á malfadada. E esfolou un carallo grande que comprou onte ao serán, e xa ten coa doenza do mormo outra pixa.
(II) E ela xa se tornou pobre comprando pixas, vede que má sorte: pixa que compra pouco lle dura desde que a mete na pousada, porque lle convén que morra alí entón de pulmoeira ou de torcillón, ou á forza fica alí augada.
(III) É moi prexudicada pola sorte, por perder tantas pixas no ano, que compra caras, porque logo lle van morrer; e isto é pola casa mollada en que as mete e mais na corte; e pois lle morren, a vella adoecida polas pixas esrará deitada na terra.
Esquema métrico: 9’a 10b 10b 10’a 10c 10c 10’a (I [cfr. RM 161:223]) + 9’a 10’b 9’b 9’a 10c 10c 9’a (II [cfr. RM 161:230]) + 9’a 10b 10b 9’a 10’c 9’c 10’a (III [cfr. RM 161:228])
Encontros vocálicos: 6 se·rã·o‿o; 12 moira‿enton
Esta cantiga está incluída no conxunto de composicións escarniñas de Pero Garcia Burgales (UC 1390-1403), feito indicado pola rúbrica que antecede UC 1390: Pero Garcia fez estas cantigas, e son d’escarnh’e de mal dizer.
A soldadeira Maria Negra volve aparecer nas cantigas UC 1400 e 1402, tamén de Pero Garcia Burgales (véxase Marcenaro & González 2024: s.v. Maria Negra).
A cantiga presenta, aparentemente, algúns problemas de isometría, pois, embora o patrón de medida sexa 10 + 9’, existen algunhas deficiencias de medida, por máis que nalgúns poida reducirse por medio de sinalefas.
É certamente minoritaria a variante ventuira (e desventuirado/a) a respecto de ventura e os seus derivados (cfr. UC/Glosario, s.v. ventura, desventurado), embora sexa frecuente nos Livros de Linhagens (véxase Mattoso 1980: II/1, 57, 73, 74, 11, 250 etc.).
A modulación deste período nos editores é diversa, sempre condicionada pola interpretación como copulativa do que coidamos ser a forma verbal é no inicio do v. 2. En todos eles, a copulativa inicial no v. 2 obriga a colocar como interrogativo todo o período seguinte. Véxase, como exemplo, o texto fixado en Marcenaro:
Maria Negra, desventurada
e ¿porqué quer tantas pissas comprar,
pois lhe na mão non queren durar,
e lh’ assi morren a malfada[da]?
Obsérvese a reiteración de pissa (tamén nos vv. 7 e 9), voz que reaparecen en 1440.29 e 46, a carón da variante palatalizada pixa (1440.7) e da forma masculina pisso (1614.4, 1630.6). Porén, tal e como acontece con outras voces do ámbito sexual (nomeadamente o seu sinónimo caralho), é case imposíbel achar ocorrencias fóra das cantigas de escarnio e de mal dizer. No caso de pissa achamos unha atestación no Foro Real:
Primeyramẽte deffẽdemos que nenhuu judeu nõ seya ousado de susacar nen enartar nenhuu crischaao q(ue) se torne de ssa ley nẽ de o retalhar na pissa e q(uẽ) o fez(er) moyra poren.
Igual que pissa (v. 2), a voz caralho tivo que ser desde o inicio voz excluída dos usos sociais, que non pasa do rexistro oral para o ámbito escrito, sen que apareza rexistrado na lexicografía histórica portuguesa (non é recollido no Corpus Lexicográfico Português)1 . Porén, o seu uso na poesía escarniña é frecuente (1335.21, 1518.7, 1614.9, 1615.6, 12 e 19, 1638.6 e 11). No Corpus Galego-Portugés Antigo só o achamos nun documento tardío:
por quanto (...) fillo de Catalina Touciña, de Niñodáguia, lle corta o carallo con un coytelo podadoyro (doc. 1466, CGPA, ed. Ferro Couselo).
Por súa parte, no Corpus do Português (CdP, s.vv.), achamos tamén unha ocorrencia no Códice Valentim Fernandes (séc. XVI):
E se vaa ter a outra jurdiçam tornam lhe o aliffante ou pagam lhe ou põem lhe guerra por ysso. E comem no Ho melhor comer delle he as vnhas e a tromba e ho caralho sobre todo.
Outrosí, tamén se rexistran algunhas formas diminutivo-despectivas: caralhote (cfr. o Don Caralhote de Martin Soarez na cantiga 1387); como alcume nos Documentos foraleiros da Chancelaria de D. Dinis, de Vila Real (c. 1500): e ende ao marco que esta açima de terra que derregou Martin caralhote.
Ademais, caralhete documéntase en Gil Vicente, no Auto da Festa, en boca do parvo:
manas, achei hum alfenete,
tomai aquesta,
olhai eu tenho hũa bésta,
mas não presta o caralhete.
De calquera maneira, no ámbito da poesía escarniña, aparecen aínda outros sinónimos, cales pisso/a ou veite (véxase UC/Glosario, s.vv.).
Non existen máis atestacións de oonte (< õoite < ad nocte) nas cantigas, pois aínda era forma minoritaria que competía co tradicional eire ~ eiri (do lat. heri). Na prosa o uso de eire ~ eyre está equilibrado co de oonte ~ ooite ~ ootem (véxase CGPA, s.vv.).
Non achamos na lingua medieval máis documentacións do verbo amormar ‘padecer a doenza do mormo’, para alén de que mormo sexa voz utilizada nos tratados de albeitaría. Amormar é rexistrado, porén, nos dicionarios galegos, con primeira aparición no dicionario de Sobreira (véxase RILG, s.v. amormar).
Nótese a rima defectuosa -uira / -ura, talvez como produto dunha ‘intromisión’ dos copistas na forma ventura. No entanto, existen outras rimas en que un elemento do par rimante presenta un fonema vocálico acrecentado: aldeia : mostea (453.5-6), azes : [s]iguazes : rapazes : arraizes (489.25-29). Cfr. notas a 104.34-35, 206.4-6, 383.19-20, 427.5-6, 698.5-6 e 1118.10-12.
Despois de amormada (v. 7), nótese nestes dous versos a acumulación das voces relacionadas co mundo da albeitaría, con alusión ás doenzas animais nos pulmóns (polmoeira), nos intestinos (torcilhon) ou nas extremidades, nos pés (aaguada). Véxase polmoeira na tradución galega do Liber de medicina equorum (Pérez Barcala 2013: 168-169), ou torçillões nas Cantigas de Santa Maria (CSM. 85.10).
Na lingua medieval rexístrase certa vacilación de resultados en vogais tónicas de grao medio trabadas por nasal, como acontece, por exemplo, de mingua, que concorre cunha variante minoritaria mengua (véxase nota a 11.17). E do mesmo xeito ocorren con minguar (< *mĭnuāre), forma maioritaria no corpus (e na lingua), que concorre con menguar (205.13, 1389.12, 1624.9), mais tamén con mingar (1415.30, 1527.14) e con mengar (tamén en 865.1). Estas dúas últimas variantes presentan perda de wau (1999: §114b), que tamén se rexista nas correspondentes formas nominais minga (véxase CGPA, s.v.) e menga (véxase a súa presenza no «Glossario das Palavras portuguezas e castelhanas antiquadas ou raras» das obras de Sá de Miranda; Michaëlis 1989 [1885]: s.v.). De todos os xeitos, nótese que en V aparece menguada.
Na edición destes versos optamos por segmentar a copulativa no v. 19, de modo a evitar unha incómoda xustaposición que implicaría que a casa molhada é a estrabaria. Na realidade, semella que Maria Negra mete as pissas nos dous lugares citados: a casa molhada é unha alusión á vaxina, a continuar co uso de metáforas de locais (véxase Arias Freixedo 2014); por súa parte, fronte á casa, a estrabaria é a corte ou curral dos animais, constituíndo por tanto unha alusión ao ano.
A voz estrabaria rexístrase en diversas obras medievais, en xeral tardías. Con esta forma achámola en diversos textos de teor relixioso; así, no sínodo portugués de 1477:
E com tanto desprezo trauctam as egrejas e moesteiros e sanctuarios que muitas dellas mais parecem já estrabarias de bestas e pocirgõoes de porcos que tenplo de Deus (García y García 1982: 76).
E no Livro das Confissões:
Outrosi muyto he defendido, fazer das egrejas estrabarias, para os gaados e bestas, e tauernas para uẽder uinho, e fazer moradas delas e enbargar las cõ archas e cõ alfayas e faer castellos e fortelezas en elas para guerrear (cfr. Martín Pérez 2012-2013: 61).
Ou no Tratado de Confissom:
e que os trilhẽ e esmagẽ e façã deles estrabaria e esterco, e por esto bẽ parece que cõrrõpida he agora a terra no fornicio que se faz na sãcta eigreia (cfr. CGPA, ed. J. Barbosa Machado).
A variante estribaria nos Evangelhos e Epístolas com suas Exposições em Romance (Machado 2008-2013, «Lematização do vocabulário», s.v. estribaria). No Livro de José de Arimateia presenta a forma estrobaria:
ele nom faria maior crueza do que tu fizeste, que meteste os cavalos no tempo e fizeste estrobaria da milhor casa do mundo (Miranda 2016: 120).
O mesmo acontece na lexicografía española: «Ni cajo, ni carajo, ni polla, aparecen en casi ningún diccionario por razones algo ridículas de pudor erudito» (cfr. Corominas & Pascual 1980-1991: s.v. carajo).