I. Edicións críticas: Nunes (1972 [1932]: 434-435 [= LPGP 498]); Littera (2016: I, 581-582).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 235); Braga (1878: 127); Machado & Machado (1956: V, 97-98); Camargo et alii (1990: 25); Burgazzi (2015: 31).
III. Antoloxías: Arias Freixedo (2003: 520).
2 Amigos] Amigus V 3 que min] quenmj B : quenmi V 7 cuidei cuidei] cuydei e cuydei B : cuydei < > V 10 e cuidei] eo cuidey B : eo cuydei V 20 morrer] moirer B
1-4 Amigos, cuido sempr’en mia senhor / por lhi fazer prazer, [se Deus m’ampar], / pero direi que min ven en cuidar: / ei a cuidar en cuida-lo melhor] Amigos, cuydo sempr’en mha senhor, / por lhi fazer prazer, pero direy / que mi-[a]ven en [no assi] cuydar: ey / [já] a cuydar en cuyda’ lo melhor Nunes 3 min ven] mi avém Littera 6 podesse] pudesse Littera 7 cuidei cuidei] cuyd’e cuydei Nunes : cuid’e cuidei Littera 8 dia en] di(a) en Nunes : dia ‘m Littera 10 por cuidar end’o melhor, e cuidei] por cuyda’ lo melhor, e o cuydei Nunes 12 podesse] pudesse Littera 13 [E] tanto cuidei] Tanto cuydei [i] Nunes : Tanto cuidei [eu] Littera 18 podesse] pudesse Littera
(I) Amigos, penso sempre na miña señora para lle dar alegría, así Deus me ampare, mais direi o que me acontece ao pensar: teño que pensar en pensar o (que é) mellor, pero pensando non podo saber como podería obter o ben dela.
(II) E o pensamento que eu pensei penseino desde aquel día en que vin a miña señora; despois pensei así en pensar sempre, por pensar diso o mellor, e pensei, pero pensando non podo saber como podería obter o ben dela.
(III) E tanto pensei xa en se a miña señora me faría ben que non hai pensamento igual; non deixaría de pensar por ver se podería pensar o mellor, pero pensando non podo saber como podería obter o ben dela.
(1) Por San Servando, mentres eu viva, penso na miña señora, e penso en morrer.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= RM 160:135)
Encontros vocálicos: 8 di·a‿en
Repárese en que toda a cantiga está construída en base á repetición de cuidar, que presenta vinte ocorrencias, algunhas delas redobradas (vv. 1, 3, 4, 5, 6, 7, 9, 10, 11, 13, 15, 16, 17, 20).
A intrusiva edición de Nunes neste período, especialmente nos vv. 2-4, altera a estrutura métrica pola deficiente interpretación que fixo do texto achegado polos manuscritos: a chave reside, a noso ver, na lacuna final do v. 2, que a frecuente expresión se Deus m’ampar completa satisfactoriamente, aínda que podería presentar as variantes si e empar.
É relativamente frecuente no Cancioneiro da Vaticana a presenza da terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<amigus>); na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.
As leccións <quenmj> e <quenmi> de B e V, respectivamente, parecerían levar para quen mi, que resulta unha estrutura máis frecuente e que explicaría o erro. No entanto, quen mi non é posíbel no contexto, razón por que unha lectura que min semella verosímil a partir dunha acumulación de minimi nalgún dos antecedentes dos cancioneiros.
A forma pronominal min cumpre, así, función de CI sen preposición, estrutura infrecuente no corpus que conta con relativamente poucas atestacións nas cantigas; porén, tal función ficou apagada en Nunes e Littera coa lección mi aven.
Perante a presenza dunha anómala copulativa en B (en V existe unha significativa lacuna), Nunes (e Littera) preferiu realizar unha emenda (cuid’e cuidei) antes do que practicar a expunción da conxunción. A presenza adventicia da copulativa está comprobada en diversas pasaxes (véxase, por exemplo, 830.9), nomeadamente en posición inicial de verso. No contexto que nos ocupa é explicábel a súa aparición pola repetición da forma verbal <cuydei>, que facilmente puido ter levado o copista a reinterpretar unha pasaxe que, sen hipérbato, fica ben clara: «E cuidei o cuidar que eu cuidei».
De novo Nunes (tamén seguido por Littera) intervén impetuosamente no texto subministrado polos manuscritos para evitar a expunción do pronome o: cuidar end’o melhor, e cuidei vs. cuyda’lo melhor e o cuidei (Nunes). Na realidade, o pronome resulta excedente do punto de vista semántico –cfr. o carácter xeneralizador de cuidar na pasaxe– e, con algunha frecuencia revélase espurio en diversos contextos, tal como pode comprobarse con seguranza nalgunhas cantigas profanas: 423.4 (V), 776.15 (BV), 1029.7 e 13 (BV), 1374.4 (BV), 1477.27 (BV).
É relativamente frecuente a omisión da copulativa inicial de estrofa (e de fiinda ou de verso) nos manuscritos, que nos permite neste caso restaurar a isometría versal (cfr. [i] en Nunes e [eu] en Littera). Casos semellantes documéntanse en 106.8, 151.7, 157.7, 163.11, 261.13, 293.8, 294.7 e 13, 332.7, 408.7, 447.7, 448.8, 490.19, 586.11 etc.
Utilizamos cookies de terceiros con fins analíticos para poder coñecer os hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas). Lembre que, se aceptar cookies de terceiros, terá de as excluír das opcións do seu navegador ou do sistema ofrecido por terceiros.
Clique no botón correspondente para aceptar ou rexeitar as cookies: