330 [= Tav 140,4]
Preguntei ũa don[a] en como vos direi

Preguntei ũa don[a] en como vos direi:
«Senhor, filhastes orden?». E ja por én chorei.
Ela enton me disse: «Eu non vos negarei
de com’eu filhe[i] orden, assi Deus me perdon:
fez-mi-a filhar mia madre, mais o que lhe farei?
Trager-lh’i eu os panos, mais non [no] coraçon».
Dix’eu: «Sen[h]or fremosa, morrerei con pesar,
pois vós filhastes orden e vos an de gardar».
Ela enton me disse: «Quero-vos én mostrar
como serei guardada, se non, venha-me mal;
esto por que chorades ben devedes cuidar:
tragerei eu os [panos, mais no coraçon al]».
E dix’eu: «Sen[h]or minha, tan gran pesar ei én,
porque filhastes orden, que morrerei por én».
E diss’einda logo: «Assi me ve[n]ha ben,
come serei guardada dizer-vo-lo quer’eu:
se eu trouxer os panos, non dedes por én ren,
ca d’err’ei contra J[e]sus eno coraçon meu».
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 368bis

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 842-843); Ferreiro (1992: 53 [= LPGP 885]); Lopes (2002: 440); Littera (2016: II, 430).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 135); Machado & Machado (1950: II, 151); Rios Milhám (2018a: II, 330).
III. Antoloxías: Pellegrini (1928: 17); Piccolo (1951: 59-60); Nunes (1959: 267); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996b: 207); Arias Freixedo (2003: 805-806).

Variantes manuscritas


1 vos] uos B   2 E] et B   3 vos] uos B   4 filhe[i]] filhs B   5 madre] mader B   6 coraçon] coracon B   9 vos] uos B   12 eu] en B   14 orden, que morrerei] ardē que morierey B   15 E diss’einda] Et diffemda B   16 dizer] diçer B   18 d’err’ei contra J[e]sus eno coraçon meu] derrey o ꝯ̃ysꝯ ena coraçon meu B

Variantes editoriais


En Lopes o sexto verso de cada estrofa é considerado como refrán.

1 en como vos] eu como vus Michaëlis   3 vos] vos Michaëlis   6 Trager-lh’i eu] Trager-lhi-ei Michaëlis, Lopes : Trager-lhi eu Ferreiro : Trager-lh’-[e]i Littera; non [no] coraçon] non [o] coraçon Michaëlis, Ferreiro : nom [o] coraçom LopesLittera   8 vos] vus Michaëlis; gardar] guardar Michaëlis, Lopes, Littera   9 vos] vus Michaëlis   12 tragerei eu] Trager-lhi-ei Michaëlis, Lopes   15 E diss’einda] Et diss’end’ela Michaëlis : E disse inda Ferreiro : E diss’end’[el]a Lopes : E disse-m’ela Littera   16 come] como Michaëlis, Lopes, Littera   18 d’err’ei contra J[e]sus] guerr’ei contra Jésus Michaëlis : terrei o contrairo Ferreiro, Lopes, Littera

Paráfrase


(I) Pregunteille a unha dona como vos direi: «Señora, entrastes nun convento?». E xa chorei por iso. Ela díxome entón: «Eu non vos negarei como profesei, así Deus me perdoe: obrigoume a tomar os hábitos a miña nai, mais que lle hei facer? Vestirei eu os hábitos, mais non (os levarei) no corazón».

(II) Díxenlle eu: «Fermosa señora, morrerei de pena, xa que vós tomastes os hábitos e vos han de gardar». Ela díxome entón: «Quérovos mostrar como serei vixiada, se non, que me veña mal; isto polo que chorades debédelo pensar ben: eu traerei postos os panos, mais no corazón (terei) outra cousa».

(III) E respondinlle eu: «Miña señora, teño tanta dor por iso, porque profesastes, que morrerei». E ela aínda me dixo logo: «Así me veña ben, quérovos dicir como me gardarán: se eu trouxer postos os panos, non lle deades importancia ningunha, pois peco contra Xesús no meu corazón».
 

Métrica


Esquema métrico: 3 x 13a 13a 13a 13b 13a 13b (= Tav 13:1)

Encontros vocálicos: 5 mi-‿a

Notas


Texto
  • *

    Esta cantiga é a única no corpus das cantigas profanas que explicitamente fai referencia ao enclaustramento forzado, aínda que na cantiga 292 tamén se percibe o mesmo problema como pano de fondo da composición (cfr. e catava-m’el os panos, que eu tragia con doo, v. 15), igual que na cantiga 1547, un escarnio de amor con alusións ao mesmo tema.

  • 1

    Non ten xustificación a emenda michaëliana do elemento en da locución conxuntiva en como (véxase nota a 240.2-3), rectificada posteriormente no Glossário do Cancioneiro da Ajuda (s.v. en como).

  • 2

    Nesta cantiga aparece a única ocorrencia de filhar orden ‘tomar os hábitos relixiosos, ingresar nun convento’ (tamén nos vv. 4, 5, 8 e 14), sinónima de prender ordin (392.4), presente, porén, nas Cantigas de Santa Maria (véxase 42.50, 241.89). Cfr. omen d’orden ‘freire’ en 878.10.
    Por outra parte, todas as edicións inclúen a segunda parte do verso (E ja por én chorei) dentro da interpelación que fai o trobador: na realidade, esa frase ten de ser interpretada como unha aclaración após a interrogación, mostrando como o trobador ja chora antecipando a resposta da senhor.

  • 4

    A lección <filhs> constitúe un obvio erro por filhe, que, por súa vez, deberá ser filhei, forma de pretérito esixida polo contexto e polo repetido erro <s>/<e> en B: <sem> e en (725.15), <lhs> lh’é (913.3), <fals> fale (932.4), <cres desto> creed’esto (1057.16), <ois> oje (1345.8).

  • 6

    A emenda de Michaëlis (e tamén a de Littera) introduce un desnecesario futuro na resposta da senhor, que simplemente utiliza o infinitivo trager como réplica á pregunta que farei? E, por outra banda, en <lhy> convén a segmentación do adverbio i, de valor esencialmente temporal neste contexto, para evitar a xeral sinalefa lhi‿eu (véxase lhi‿eu en 43.20, 601.4, 724.13, 1173.8), para alén de manter o acento fixo na 6ª sílaba ao longo de toda a cantiga.
    Por outra parte, semella ter máis sentido a reintegración de no no segundo hemistiquio, pois, perante a pregunta mais o que lhe farei?, a dona afirma que levará os hábitos da orde (ou na orde) exteriormente (trager-lh’i eu panos), mais non no seu sentimento interior (no coraçon).

  • 8

    A pesar da presenza de guardada nos vv. 10 e 15, a forma gardar é perfectamente lexítima, aínda que foi modificada nunha dirección lusitanizante por Michaëlis (seguida en diversas edicións). Véxase nota a 28.16.

  • 12

    Para alén da desnecesaria emenda do inicio na procura da repetición do v. 6, a reconstrución michaëliana da lacuna textual, sen dúbida porque o copista interpretou que se trataba dun refrán a teor do similar inicio do verso, é altamente verosímil por manter unha perfecta correspondencia paralelística co v. 6, ao tempo que ser acaída semántica e metricamente. Similar fórmula expresiva pode verse na diversas pasaxes da Crónica de 1344: E el rey, como quer que el esto dissesse, al tiinha no coraçõ ... Mas o treedor al tiinha no coraçon (Cintra 1952-1990: III, 67, 385).

  • 15

    Na secuencia manuscrita <diffeinda> ou <diffemda>, co banal erro <ff>/<ſſ>, lemos diss’einda, coa aparición da variante minoritaria de ainda, habitualmente oculta nas edicións por un proceso de nivelación lingüística a prol das formas maioritarias. A variante einda (con evolución [aí] > [eí], cfr. reinha, seir etc.) foi sistematicamente anulada pola acción dos editores. En 70.9 Michaëlis recorreu á forma ainda de B, mentres que en 74.12 einda tamén foi interpretada como e inda e en 1342.11 a forma foi corrixida polos diversos editores1 .

  • 18

    Perante o problema levantado pola lección manuscrita de B, con erros de copia, a solución michaëliana peca de excesivo intervencionismo, mentres que a lectura suxerida por Nobiling (2007 [1907]: 217) e aceptada en Ferreiro (e Littera) presenta o problema da forma contrairo, que semella de uso fundamentalmente tardío (véxae CGPA, s.v. contrairo ~ contrayro), e como tal só aparece na produción de Estevan da Guarda (1320.5, 1328.18, 1342.10). A lección proposta mantén a literalidade, no posíbel, de B ao tempo que cerra a composición cun verso epifonemático acorde co espírito da cantiga. Téñase en conta que, embora Jesus non se rexistre na poesía trobadoresca profana (sempre Jesu ou Iesu), si aparece na produción prosística (véxase CGPA, s.v. Ihesus, Jesus, Jhesus).
    En calquera caso, a construción aver d’erro atéstase noutra pasaxe trobadoresca (a mal lhe d’err’an / de ben nen mal dizer do jantar seu, 1632.20) e evita máis unha emenda textual nun verso en que proliferan os erros de copia, que obrigan a omitir <o> e emendar <ena>.

  1. ^

    No TMILG, para alén de aínda, einda e inda, aparecen outras variantes como aindas, ainde e mais einde, coa seguinte escala de ocorrencias: ainda (532), einda (83), inda (46), einde (5), ainde (5), aindas (1).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado