95 [= RM 78,3]
Ben o faria, se nembrar

Ben o faria, se nembrar
se quisesse ja mia sennor
como mi a tort’á desamor
e me quisesse perdõar,
ca nunca ll’eu mal mereci;
mais fez-mi-a Deus, des que a vi,
sen o meu grado muit’amar.
Pero lle nunca mal busquei,
ei-ll’ora de buscar perdon,
ca me quer mal de coraçon,
e non osm’oj’eu, nen o sei,
per que me lle possa salvar,
que lle nunca fize pesar,
mais non quer oir mia razon.
E, macar me quisesse oir,
non ll’ousaria i falar,
e por esto non poss’osmar
ren per que eu possa guarir,
ca non ei d’outra ren sabor
erg’en viver u ela for,
e desto m’ei sempre a guardar.
E guardar-m’-ei de a veer,
pero non desejo muit’al;
mais, se me Deus cedo non val,
muit’ei gran coita de sofrer:
pois m’ela perdõar non quer,
Deu-lo sab’, é-me mui mester
oimais mia morte ca viver.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


A 29, B 122

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 62-63 [= LPGP 510-511]); Littera (2016: I, 640-641).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 45); Carter (2007 [1941]: 20); Marques Braga (1945: 62-63); Machado & Machado (1949: I, 175-176); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2017: I, 95).

Variantes manuscritas


4 perdõar] perdoar B   8 lle] lheu B   10-12 de ... / ... lle] om. B   13 lle nunca fize] lhi nūca figi B   15 E macar me quisesse oir] E ssemela qⁱsessoyr B   16 i falar] hi a falar B   21 sempre a] sempra B   24 me] mj B   26 perdõar] ꝑdoar B   27 sab’, é-me mui] sabe q̄ me B   28 oimais] muj mays B; morte] mort{e} A

Variantes editoriais


1 Ben o] Ben-no Michaëlis   13 fize] figi Littera   15 quisesse oir] quisess(e) oir Michaëlis : quisess’oir Littera   21 sempre a] sempr(e) a Michaëlis : sempr’a Littera   27 sab’, é-me mui] sabe, que m’é Michaëlis, Littera   28 oimais] mui mais Michaëlis, Littera

Paráfrase


(I) Ben faría, se se lembrar quixese a miña señora de como inxustamente me ten desamor e me quixese perdoar, porque eu nunca lle merecín mal; mais Deus contra a miña vontade ma fixo amar moito desde que a vin. 

(II) Aínda que nunca lle busquei mal, terei agora que buscar o seu perdón, porque me odia e eu hoxe non imaxino, nin sei, como me poida librar (diso), pois nunca lle fixen nada que lle causase pesar, mais ela non quere ouvir a miña explicación. 

(III) E aínda que me quixese ouvir, non me atrevería a falarlle, e por iso non podo imaxinar nada polo que eu poida saír indemne, porque eu non teño desexo doutra cousa agás de vivir onde ela estiver, e disto sempre me terei que privar. 

(IV) E privareime de a ver, aínda que non desexo tanto ningunha outra cousa; mais, se Deus non me auxilia cedo, hei sufrir unha moi gran coita: xa que ela non me quere perdoar, Deus o sabe, de aquí en diante moito máis precisa me é a morte que vivir.

Métrica


Esquema métrico: 8a 8b 8b 8a 8c 8c 8a (I, IV [= RM 161:250]) + 8a 8b 8b 8a 8c 8c 8b (II, III [= RM 163:28])

Encontros vocálicos: 3 mia; 6 -mi-‿a; 15 quisesseo·ir; 21 semprea

Notas


Texto
  • 1

    Nótese o inicio abrupto da cantiga, coa presenza dun clítico no verso que só na segunda estrofa se explicita.

  • 13

    A variante bisilábica fize para a P1 de pretérito indicativo de fazer, que só volve aparecer en 973.10 (BV), presenta neste caso a variante máis habitual figi en B, que é a lectura ofrecida en Littera (véxase nota a 169.7). Esta minoritaria forma fize mostra a permanencia do -ī sen condicionar a palatalización consonántica (fronte á forma xeral fiz) da base fēcī, de modo que tamén garante contaxe bisilábica. Cfr. nota a 28.12.

  • 15

    Como acontece noutras pasaxes, a lección de B (e se m’ela quisess’oir), xunto coas variantes dos vv. 27-28, non se explican doadamente a partir de erros de copia. Parecen máis ben deberse a trivializacións xurdidas ao nivel da transmision oral.

    A conxunción concesiva macar, de orixe grega, é case exclusiva do rexistro poético, tal como se deduce do seu uso na poesía trobadoresca profana e da súa alta frecuencia nas Cantigas de Santa Maria. A súa aparición noutro tipo de textos é moi escasa (véxase CGPA, s.v. macar). Cfr. nota a 57.6

  • 16

    A lección de B implica o uso da preposición a (coa sinalefa i‿a) como nexo na perífrase ousar + a + infinitivo, como acontece minoritariamente no corpus trobadoresco profano, onde prevalece a ausencia da preposición neste complexo verbal (véxase nota a 167.11).

  • 27-28

    Contra o seu costume, Michaëlis (seguida por Littera) optou nestes versos pola lección de B (Deu-lo sabe, que m’é mester/ mui máis mia morte ca viver), talvez porque resulta máis evidente desde o manuscrito da Biblioteca Nacional, face á lección de Ajuda, que precisa dunha segmentación e dunha puntuación máis complexa.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado

    Utilizamos cookies de terceiros con fins analíticos para poder coñecer os hábitos de navegación (por exemplo, páxinas visitadas). Lembre que, se aceptar cookies de terceiros, terá de as excluír das opcións do seu navegador ou do sistema ofrecido por terceiros.
    Clique no botón correspondente para aceptar ou rexeitar as cookies:

    ConfiguraciónsAceptar