I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 250-251 [= LPGP 934]); Cohen (2003: 337); Pousada Cruz (2015: 183-184); Littera (2016: II, 497-498).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 190); Braga (1878: 100); Machado & Machado (1953: IV, 304).
III. Antoloxías: Cidade (1941: 57); Piccolo (1951: 179-180); Nunes (1959: 290); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996a: 231); Arias Freixedo (2003: 848-849).
12 seja] sia B 19 e a el] E nel B
(I) Amiga, escoitei hoxe novas do meu amigo: que está vivo e namorado doutra, ben volo digo; mais xuro a Deus que antes quixera oír que morrera.
(II) E estaba eu marabillada porque tardaba tanto, e sempre pensaba nisto, así eu me vingue del; mais xuro a Deus que antes quixera oír que morrera.
(III) Vivía moi coitada, mais agora non sei que será de min, pois desexa a outra e deixoume a min, a quen servía; mais xuro a Deus que antes quixera oír que morrera, (1) e a el mellor lle fora e a min máis me prouguera.
Esquema métrico: 3 x 7’a 7’b 7’b 7’a 7’C 7’C (= Tav 160:463) + 7’c 7’c
A forma verbal vevia (con disimilación similar á sofrida por dezia, véxase nota a 1.12) só volve aparecer noutra ocasión: quand’alegria / vevia / no mund’... (888.50); porén, cfr. vevi en 902.5 e 6, 960.18, 966.5 e 1060.6. Na realidade, vevia é forma extremadamente rara fronte á xeral vivia, tal como corresponde ao infinitivo viver. Só achamos un minúsculo número de atestacións da forma disimilada: Et [en] esa terra, en poder dos mouros, auia hũu moesteyro de mõges, que dizi[ã] Boriano, et ueui[ã] per lauor de [suas] mãos, et teni[ã] muyto pam [d']orio et trijgo et millo et muytas legumyas (tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España); Et o dito Johan Nunnes respondendo ao do dito testemoyo diso que obedeçia a dita carta do dito sennor rey commo a carta do seu rey et de seu sennor et que el que uevia con o conde don Pedro (doc. de 1381); Et logo o dito Gomes Rodrigues diso que por quanto o dito Johán d'Ayra e seus conpañeiros veuían en terra de Çerreda, que era en terra do señor conde Lemos (doc. de 1457); et seredes todos basalos seruentes et obedientes ao dito moesteiro, et non veuiredes con outro señor (doc. de 1458); por quanto o que fesera fora por mandado do dito señor obispo, con que veuía e cuio criado era, a quen auía de obedesçer, e que o pedía por testemuyo (doc. de 1467); Ho quoal elrey Chytarao, despois que reynou, foy llamçado sempre aos viços e tiranyas, semdo homem de muy pouca verdade, de que ho povo e capitaẽes, de sua maa vyda e ymclinação, vevião muy descontentes, por que não fazia mais que ho que querião dous cunhados seus, homẽes muy malquystos, e muyto gramdes judeus (Chronica dos Reis de Bisnaga).
Neste verso aparece novamente o pronome persoal tónico, oblicuo, min como CD sen preposición, tal como se percibe con frecuencia na lingua trobadoresca (e especialmente co verbo leixar).