A estrofa IV aparece copiada como corrección marxinal no Cancioneiro da Ajuda, co final de varios versos cortado.
I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 488-489); Cunha (1999 [1945]: 124-125); Monteagudo (1984: 333 [= LPGP 712-713]); Littera (2016: II, 220).
II. Outras edicións: Cotarelo Valledor (1934: 191-192); Carter (2007 [1941]: 145); Machado & Machado (1960: VII, 41); Arbor Aldea (2016b);Rios Milhám (2018b: III, 409).
III. Antoloxías: Fernández Pousa (1951: 25).
3 ja o non] ia {o} / non A 7 m[e] ben mostrass’o] m(ele) {bē} mostra / sso A 8 guisa] guissa A 10 coitas] coita\s/ A 11 ei-as] eya\s/ A 22-28 A estrofa foi copiada como corrección marxinal
1 amor] Amor Littera 3 cuidaria] coidaria Michaëlis 8 guisa] gui(s)sa Monteagudo 9 mort’] morte Monteagudo; oje máis] ogemais Michaëlis, Monteagudo : ojemays Cunha : hojemais Littera 10 coitas] coita Michaëlis, Monteagudo : coyta Cunha 11 mas] Mais Michaëlis; ei-as] ei-a Michaëlis : ey-a Cunha : eya Monteagudo; me] mes Monteagudo 21 non n’ouso] no’-n’ouso Michaëlis : nõ-n’ouso Cunha 22-28 om. Michaëlis, Monteagudo, Littera
(I) Pensaba eu, cando non tiña amor, que el non podería poder comigo; mais, desde que o teño, xa non o pensaría, porque non sei nin me podo defender; e porque Amor soubo isto de min, fíxome el amar tal señora en que me ben mostrase o seu poder.
(II) E mostroumo de forma que (eu) quería antes hoxe a miña morte que vivir, porque sufro coitas que non sufriría; mais, mal que me pese, téñoas de sufrir, porque de tal maneira me ten vencido Amor que, se non for Deus ou a gran mesura da miña señora, podo vivir en coita.
(III) Mais esta mesura, como a conseguiría a miña señora? Porque non me atrevo a lle dicir que me socorra, pois sei que me diría que me gardase ben de a ver; e por isto ben sei que Amor me faría cada día peor se llo dixese, e non me atrevo a dicilo.
(IV) Mais aquí é preciso sabedoría máis que esforzo en procurar fazer servizo de todos os modos á miña señora, e en desexar o seu ben e esperar sempre o seu ben; e se ela me quere defender de Amor, por facer outra cousa mellor, tan gran mesura non pode facer!
Esquema métrico: 4 x 10’a 10b 10’a 10b 10c 10c 10b (= RM 101:29)
Encontros vocálicos: 8 mi-‿o
Esta cantiga tamén é considerada anónima.
Nótese a especial concentración de confusións gráficas <s>/<ss> na copia desta cantiga no Cancioneiro da Ajuda (vv. 2, 6, 14, 21), onde, en xeral, son verdadeiramente esporádicos eses lapsos gráficos. Deste xeito, as formas <podes(e) (v. 2), amase (v. 6), pos(o) (v. 14 e disses(e) (v. 21) mostran presenza de <-s-> cando regularmente debería presentar <-ss-> (podesse, amasse, posso, dissesse). Esta grafía detéctase especialmente en desinencias do pretérito de subxuntivo: <deues(e)> devesse (282.14), <ousas(e)> ousasse (346.3, 982.22), <quisesedes> quisessedes (88.15, 812.7), <soffresen> sofressen (85.17), <uis(e)> visse (138.6). Alén desta desinencia, tamén se acha a mesma representación gráfica en <asi> assi (240.23, 318.15), <disesse> dissesse (199.28), <outrosi> outrossi (413.11, 17 e 23, cfr. outrossi no v. 5), <uasalo> vassalo (84.12), <uoso> vosso (362.2). Véxanse tamén notas a 66.21, 69.7, 80.10 e 89.2.
A corrección marxinal de A incorporando o pronome o evita a consideración de mais como bisilábico (véxase nota a 12.8).
Por outra parte, a secuencia <s-l> (e <r-l>) en que está implicada a forma arcaica lo(s) ~ la(s) do pronome identificador (artigo ou pronome) no encontro con pois e con outros vocábulos acabados en -s (ou -r) debe ser lida como [l], independentemente de que a grafía presente a forma máis antiga (véxase tamén nota a 83.21 e 139.2). No corpus trobadoresco profano, o pronome identificador sofre asimilación fonética xeral con diversos elementos lingüísticos (pronomes, adverbios, conxuncións, e con algúns nomes e/ou participios), especialmente con mais e pois. Cfr. nota a 5.10.
Nótese, novamente, o deslocamento dos elementos da locución conxuntiva de guisa que: «E mi-o mostrou de guisa que queria...».
A secuencia <oiemais>, en calquera das súas variantes graficas, permite a dupla lectura oje-mais, como forma galeguizada do adverbio provenzal oimais, ou, polo contrario, a deglutinación dos elementos oje e máis, que no presente contexto é máis acaída ao sentido da estrofa.
A conversión de coita en plural levou consigo tamén a corrección do pronome as no v. 11.
Obsérvese o hipérbato nestes versos: «...se non for Deus ou a gran mesura de mia sennor, pos[s]’en coita viver».
Igual que acontece co artigo (véxase nota a I.23), o pronome CD de P3 pode presentar a variante no(s), na(s) tamén despois dalgunhas partículas acabadas en -n (con, quen, ben, non ou nen). Nesta composición o verdadeiramente inusual é a súa crase coa voz seguinte: no + ouso > n’ouso.
Michaëlis reconstruíu os finais dos versos cortados desta estrofa (coa dubitativa proposta desamor para o penúltimo), que incluíu en nota (o mesmo que Monteagudo). Pola súa parte, en Cunha é introducida no texto da cantiga como estrofa III, coa proposta al melhor para o seu 6º verso.
Contrariamente, en Littera non foi incorporada ao texto da cantiga. Porén, esta estrofa é conclusiva do contido da cantiga, que avanza en progresión até estes versos finais en que o trobador afirma a necesidade de continuar "servindo" á amada. A perda desta estrofa durante o proceso de copia podería obedecer a unha banal repetición do comezo do verso inaugural da cobra (ambas as dúas comezan con Mais), circunstancia que podería inducir ao copista a considerar que a estrofa xa fora reproducida.
This site uses third-party cookies for analytical purposes to help us track and monitor how users navigate the site (e.g. which pages they visit). Remember that if you accept third-party cookies, you should delete them from your browser options or from the system provided by the third party in question.
Click below to accept or to edit your cookie settings.