407 [= Tav 114,18 (= 157,48)]
Que mui de grad’eu querria fazer

Que mui de grad’eu querria fazer
ũa tal cantiga por mia sennor
qual a devi’a fazer trobador
que atal sennor fosse ben querer
qual eu ben quer’; e fazer non a sei,
e cuid’i muit’, e empero non ei
de faze-la, qual merece, poder.
Tan muit’avia mester de saber
trobar mui ben quen por atal sennor
trobar quisess’, e a mí, pecador,
nunca Deus quiso dar a entender
atal razon qual oj’eu mester ei
pera falar no que sempre cuidei:
no seu ben e no seu bon parecer.
Mas como pod’achar bõa razon
ome coitado que perdeu o sén
com’eu perdi? E, quando falo, ren
ja non sei que me digo nen que non,
e con gran mal non pod’ome trobar,
e prazer non ei senon en chorar,
e chorando nunca farei bon son.
E por aquesto ben vej’eu que non
posso fazer a cantiga tan ben
porque ja soo fóra de meu sén
chorando cativ’, e meu coraçon
ja non sab’al fazer senon cuidar
en mia sennor; e, se quero cantar,
choro, ca ela me nembra enton.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


A 247

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 483-484x); Cunha (1999 [1945]: 121-122); Monteagudo (1984: 317-318 [= LPGP 720]); Littera (2016: II, 218).
II. Outras edicións: Carter (2007 [1941]: 143); Cotarelo Valledor (1934: 179-181); Carter (2007 [1941]: 143); Machado & Machado (1960: VII, 39-40); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018b: III, 407).
III. Antoloxías: Martín Gaite & Ruíz Tarazona (1972: 69-71); Arias Freixedo (2003: 664-665); Mongelli (2009: 52-53).

Variantes manuscritas


1-2 grad’eu querria fazer / ũa tal cantiga] grad(o) {eu} querria / fazer. hūa {tal} cātiga A   10 quisess’, e] quissesse A   11 quiso] quisso A

Variantes editoriais


2 ũa tal] ũ’ atal Cunha   3 devi’a] devia Michaëlis, Cunha : deuía Monteagudo   5 ben] om. Monteagudo; non a] no’-na Michaëlis : nõ-na Cunha   10 quisess’, e a mí] quisesse! A mi Michaëlis, Cunha : quissesse. A mi Monteagudo   11 quiso] quisso Monteagudo   24 soo] sõo Michaëlis, Cunha, Monteagudo, Littera

Paráfrase


(I) De moi boa gana quería eu facer unha cantiga tal pola miña señora cal a debía facer todo trobador que amase tal señora como eu a amo; e non a sei facer, e cavilo moito niso, aínda que non a podo facer tal como a merece.

(II) Tería moita necesidade de saber trobar moi ben quen por tal señora quixese trobar, e a min, infeliz, nunca Deus me quixo dar a entender o argumento que eu hoxe preciso para falar daquilo en que sempre pensei: do seu ben e da súa beleza.

(III) Mais como pode achar un bo argumento home coitado que perdeu o siso como o eu perdín? E, cando falo, xa non sei nada do que digo nin do que non, e con gran mal non pode ninguén trobar, e non sinto pracer agás en chorar, e chorando nunca farei unha boa melodía.

(IV) E por isto ben vexo eu que non podo facer a cantiga tan ben porque xa perdín o xuízo chorando, infeliz, e o meu corazón xa non sabe facer outra cousa agás pensar na miña señora; e, se quero cantar, choro, porque me lembro dela entón.
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= Tav 161:70)

Notas


Texto
  • 1

    O abrupto comezo da cantiga con que é frecuente no corpus trobadoresco, sempre seguido de muito ~ mui, que confire un carácter exclamativo (‘Canto...!’) ao inicio da composición (196.1, 199.1, 393.1, 574.1, 624.1, 836.1, 866.1, 942.1, 1023.1, 1040.1, 1173.1, 1397.1), para alén de que se poida tamén considerar que a conxunción inicial introduce un período dependente dun verbo declarativo elíptico, que nalgún texto é claro (253.1, 432.1, 737.1).

  • 2

    A segmentación cunhiana da secuencia de ũa tal como ũ’atal resulta forzada (seguramente inducida pola forma atal dos vv. 4, 9 e 12), pois só en moi limitadas ocasións se produce unha crase de ũa (vid. ũ’às, 766.2; ũ’antr’as, 1680.9).

  • 3

    A interpretación das secuencias do tipo <deuia>, <auia>, <ouuera> + inf. como devi’a / avi’a / ouver’a + infinitivo vén determinada non só polo feito de a presenza da preposición a ser maioritaria nestas perífrases (véxase Glosario, s.v. aver, dever), mais tamén pola concorrencia das leccións <deuia> A / <deuia a> B (128.22, 128.28, 386.13), <ouuera> A / <ouu’a a> (70.13) ~ <ouuera a> B (129.23), que indican a real crase coa preposición nas leccións do Cancioneiro da Ajuda.

  • 6

    A conxunción adversativo-concesiva empero é unha forma derivada (e reforzada) de pero (< en + pero), que aparece sempre formando parte de locucións conxuntivas de tipo adversativo ou concesivo mais empero ~ mas empero (276.15, 493.6 e 509.3) e e empero (277.8, 315.18, 493.3 e 969.17). Neste caso é variante da locución conxuntiva concesiva e pero ‘aínda que’.

  • 6-7

    Repárese no hipérbato, co deslocamento de poder á posición de rima: «e empero non ei poder de faze-la qual merece».

  • 10

    Cómpre a segmentación da copulativa en quisess’, e, que cumpre unha función de enlace entre dous períodos abruptamente separados nas edicións precedentes.

  • 10-11

    No Cancioneiro da Ajuda detéctanse algúns casos de confusión de sibilantes, probabelmente un fenómeno gráfico sen transcendencia fonolóxica. Igual que <quissesse> (v. 10) e <quisso> (v. 11), véxanse outras formas como <dessamar> desamar (66.21), <dessamparado> desamparado (317.21), <oussasse> ousasse (268.2, 275.4308.11, 313.8 e 346.3 <oussase>) e <oussen> ous’én (268.3), ou as repetidas <guissa> guisa e <guissada> guisada (72.27, 137.32, 140.1, 2 e 5, 146.19, 147.3, 150.4, 259.18, 409.8, 692.7), <pessar> pesar (90.21, 214.21, 395.9, 439.4 e 10, 441.6, 12 e 18), <quissesse> quisesse (199.27) e <quisser> quiser (71.18, 692.13). Véxanse tamén notas a 69.7, 80.10, 88.15 e 89.2.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado