37 [= Tav 47,15]
Non á ome que m’entenda

Non á ome que m’entenda
com’oj’eu vivo coitado
nen que de min doo prenda,
ca non é cousa guisada,
ca non ous’eu dizer nada
a ome que seja nado
de com’oj’é mia fazenda.
Nen á, per quant’eu atenda,
conselho, mao pecado,
tanto Deus non me defenda,
po[i]-la que non fosse nada
por mí é tan alongada
de min que non sei mandado
dela nen de mia fazenda.
Nen m’ar conven que én prenda
con outra, nen é guisado,
pero sei ben, sen contenda,
da que me faz tan longada-
-mente viver, e coitada
vida, e non mi dá grado,
e perece mia fazenda.
Mais, se m’ela non emenda
o afan que ei levado,
ben cuid’eu que morte prenda
con atan longa espada,
poi-la mia senhor nembrada
non quer aver outorgado
que melhor’én mia fazenda.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 

Manuscritos


B 63

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 690-691 [= LPGP 319-320]); Littera (2016: I, 357-358).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 21); Machado & Machado (1949: I, 83-84); Rios Milhám (2017: I, 37).
III. Antoloxías: Alvar & Beltrán (1989: 98); Arias Freixedo (2003: 211-212); Alvar & Talens (2009: 336); Souto Cabo (2017: 99).

Variantes manuscritas


2 coitado] coytato   3 nen que] (nen) \nen/ que B   5 dizer] diser B   9 pecado] pcc̄ado B   17 contenda] ꝯcēda   21 perece] pareçe B

Variantes editoriais


15 én prenda] emprenda Michaëlis, Littera   16 outra] outre Michaëlis   19 e] en Michaëlis : em Littera   21 e] [qu]e Littera   27 outorgado] outrogado Michaëlis, Littera   28 melhor’én] melhore Michaëlis : melhor'em Littera

Paráfrase


(I) Non hai ninguén que me entenda como hoxe eu vivo coitad0 nin que teña dó de min, pois non é cousa razoábel, porque non me atrevo a dicir a ninguén nada de como me van os meus asuntos (amorosos). 

(II) Nin existe remedio, por moito que o eu espere, infelizmente, en tanto Deus non me defenda, pois a que por min (oxalá) non nacese está tan lonxe de min que non teño novas dela nin de como van os meus asuntos (amorosos con ela). 

(III) Nin tampouco me convén nin é razoábel que inicie relacións con outra, aínda que coñezo ben, sen discusión, aquela que me fai tan lonxe vivir e unha vida tan desgrazada, e non mo agradece, e arruínase a miña facenda. 

(IV) Mais se ela non me compensa o afán que (por ela) levei, ben penso que reciba morte con tan longa espada, pois a miña lembrada señora non quere concederme nada con que mellore a miña situación (en relación con ela).
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 7’a 7’b 7’a 7’c 7’c 7’b 7’a (= Tav 125:2)

Notas


Texto
  • 5

    No Cancioneiro da Biblioteca Nacional (e tamén no da Vaticana coa excepción da equivalencia <ç>/<z>) mantense unha nítida distinción nas grafías das diversas sibilantes medievais, para alén de usos gráficos que mostran -s- intervocálicos simples con valor de -ss- e que eran moi frecuentes na produción prosística. Neste verso obsérvase a aparición da grafía <s> por <z>, que non semella indicio de desafricación senón esporádico erro ou lapso de copia que se encontra tamén –e unicamente– en 849 / 8,5 AfPaBra [B853/V439], v. 27 (dizer <diser> B, <dizer> B). Cfr., tamén, 1162 / 83,7 JZor [B1149a/V752], v. 5: dis[s]er <dizer> B, <diser> V.

  • 9

    O xeral resultado mao do lat. malum é sistemático cando vai posposto ao nome, mais convive coa forma con perda de vogal final por posición proclítica (mal) en certos sintagmas. No que a pecado di respecto, mao pecado é solución minoritaria verbo de mal pecado, do mesmo xeito que se rexistra mao dia (vs. mal dia) e mao preço ou mao prez (vs. mal preço, mal prez).

  • 15

    O feito de que emprender só se documente moi raramente no período medieval (un rexistro en CSM 313.72: e cada u͂u enpres / a fazer sas oraço͂es | aa Sennor mui cortes)1 , aconsella segmentar o pronome adverbial én na secuencia <enp’nda> para estabelecer o verbo prender, de amplísimo uso na lingua trobadoresca (cfr. Con tal senhor fui eu prender; véxase nota a 979.8). En calquera caso, deberemos interpretar o verso como ‘Nin me convén que por iso inicie relacións / con outra senhor’.

  • 16

    A abreviatura <out͂> de B indica claramente que se trata de outra (isto é, outra muller), e non de outre (‘outra persoa’), tal como editou Michaëlis.

  • 18-19

    Nótese a segmentación do adverbio, que volve aparecer en 192.11-12, terceiro nivel de tmese versal (véxase nota a 14.25-26, 123.24-25, 482.1-2, 1542.3-4), proceso frecuente nas Cantigas de Santa Maria: así, por exemplo, CSM 195 fera- / mente (vv. 24-25), vergonnosa- / mente (vv. 51-52), enganosa- / mente (vv. 154-155), mederosa- / Ment’... (vv. 157-158), apressurosa- / mente (vv. 187-188).

  • 21

    O erro de B ben pode ser produto dun desenvolvemento defectuoso da abreviatura <> en perece, P3 de perecer, que só conta con outra documentación en 1448.26 (pereceo).

  • 22

    O verbo emendar (< emendāre) convive coa variante enmendar (1.4, 1344.13), o mesmo que emenda (só en 1344.13) con enmenda (véxase 559.5, 1325.4). Cfr. nota a 1.4.

  • 28

    Michaëlis mostra certa tendencia a non recoñecer o pronome én na parte final de secuencias que deben ser segmentadas (véxanse tamén 274.21 e 854.14); por súa vez, en Littera consideran a presenza da preposición en, afastándose do sistemático uso transitivo de melhorar no corpus trobadoresco.

  1. ^

    Existe escasísima documentación na prosa portuguesa tardía, pois só localizamos cinco ocorrencias na Crónica de D. Duarte, de Rui de Pina (CdP) e unha ocorrencia no Livro de Montaria (CGPA).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado