23 [= Tav 149,2]
Pois eu d’atal ventura, mia senhor

Pois eu d’atal ventura, mia senhor,
contra vós sõ[o] que non ei poder
de falar convosc’e vos entender,
non creedes ca vos quer’eu melhor
de quantas cousas [e]no mundo son:
senhor fremosa, mui de coraçon
me prazeria morrer, e pois ei,
sen vosso ben que sempre desejei
des que vos vi, en tal coit’a viver,
en qual eu vivo por vós, que maior
sabor avedes de me non fazer
ben, mia senhor, e de me mal querer
ca se vos eu oesse desamor,
mia senhor fremosa (que v[o]s eu non
averei nunca nen ũa sazon),
e quant’eu máis viver tant’averei
maior amor de vos servir, ca sei
que ja por al non ei coit’a perder
senon por vós, mia senhor, se nembrar
vos quiserdes de min, que outra ren
non sei no mundo querer tan gran ben
com’a vós quer’, e, par Deus, se me dar
quiser mia morte, que m’ei mui mester,
pois me de vós, mia senhor, dar non quer
ben, a que Deus tan muito de ben deu,
non por meu ben, mia senhor, mais por meu
mal, pois por vós [a]tanto mal me ven
quand’eu non ei ja poder d’endurar,
mia senhor fremosa, per nen un sén,
se vosso desamor, que m’ora ten
forçado, non fezerdes obridar,
ca mentr’eu vosso desamor oer,
com’oj’eu ei, m[ia senh]or, [e] tever
vosco tan mal mia fazenda com’eu
tenho convosco, non [me sera] greu
de morrer, e prazer-mi-á máis én
ca de viver, pois i a vós fezer
prazer e min de gran coita poder
guardar, e vós nembrar-vos-á ben lheu
assi de min como se sol do seu
omen nembrar, depois sa mort’, alguen.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 
 
 
35
 
 
 
 
40
 

Manuscritos


B 49

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 665-666 [= LPGP 932-933]); Fernández Guiadanes & Meléndez Cabo (2011: 49-50); Littera (2016: II, 457-458).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 15); Machado & Machado (1949: I, 64-65); Rios Milhám (2017: I, 23).
III. Antoloxías: Piccolo (1951: 117-119); Arias Freixedo (2003: 270-272).

Variantes manuscritas


2 sõ[o]] son B   3 convosc’e] con uosque B   6 coraçon] coracon B   8 morrer] moirer B   14 que v[o]s] q̄us B; non] mon B   19 mia senhor] senhor minha B   20 vos] uos B   22 quer’, e] querer e B   24 de vós] denos B   33 comoieu ey m <    > or teuer B   35 non [me sera] greu] nō [   ] greu B   37 ca de viver, pois i a vós fezer] Ca de uiuʼ1 poys hi auos fazer B   38 prazer e min] prazer (euos) emj̄ B   39 nembrar-vos-á ben lheu] nēbraquꝯ a ben lheu B   40 de min] demuj B

Variantes editoriais


3 vos] vos Michaëlis   4 creedes] queredes Michaëlis; ca vos] que vus Michaëlis : que vos Littera   9 vos] vus Michaëlis   13 vos] vus Michaëlis   14 v[o]s] vus Michaëlis   15 nen ũa] nenhũa Michaëlis : nẽũa Littera   17 vos] vus Michaëlis   20 vos] vus Michaëlis   27 [a]tanto] tanto [de] Michaëlis, Guiadanes : tanto Guiadanes   28 quand’eu] quant’eu Michaëlis   29 nen un] nenhun Michaëlis : nẽum Littera   33 m[ia senh]or, [e] tever] [e por a]mor tever’ Michaëlis   37 i a vós fezer] ía vos fazer Michaëlis   39 nembrar-vos-á ben lheu] nembrar (o qu(e) é ben lheu) Michaëlis

Paráfrase


(I) Xa que eu teño unha sorte tal, miña señora, en relación a vós, que non podo falar convosco nin falarvos de amor, non credes que eu vos quero máis que a todas as cousas que hai no mundo: señora fermosa, de moi boa vontade me agradaría morrer, e xa que sen o voso ben, que sempre desexei desde que vos vin, e con tal coita terei de vivir, (II) en que eu vivo por vós, pois en non me facer ben, miña señora, e en quererme mal sentides maior satisfacción que se vos eu tivese desamor, miña fermosa señora –que eu non vos terei en ningún momento–, e canto máis viva máis amor sentirei de vos servir, pois sei que non perderei a coita por ningunha outra cousa (III) senón por vós, miña señora, se quixerdes lembrarvos de min, que outra cousa non sei querer tanto no mundo como vos quero a vós, e por Deus, se me quixese conceder a morte, que me é moi necesaria, pois de vós, miña señora, non me quere conceder o ben, a quen Deus tanto ben deu, non polo meu propio ben, miña señora, mais polo meu mal, pois por vós me vén tanto sufrimento (IV) nun momento en que eu xa non teño capacidade para o soportar, miña señora fermosa, de ningún modo, se o voso desamor –que agora me ten vencido– non o fixerdes esquecer, porque mentres eu reciba o voso desamor, como acontece hoxe, miña señora, e a miña situación convosco estiver tan mal como está, non me resultará difícil morrer, e pracerame máis iso (1) que vivir, con tal que con iso vos causase satisfacción e a min me puidese protexer desa gran coita, e vós lembraríadesvos facilmente de min tal como un señor adoita lembrar o seu vasalo, despois da morte deste. 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10d 10d 10b + 10c 10c 10d 10d 10b (= Tav 169:1)
Encontros vocálicos: 2 sõ·[o]; 36 mi-‿á; má·is

Notas


Texto
  • *

    Esta composición é unha cantiga ateúda, con ligazón sintáctico-discursiva entre todas as súas estrofas, incluída na relación de cantigas ateúdas confeccionada por Gonçalves (2016 [1993]: 269-270), que recolle tamén as cantigas nº 241, 376, 279, 283, 295, 352, 361, 369, 370, 374, 402, 410, 420, 503, 504, 530, 533, 560, 598, 601 e 637 (nas primeiras 640 cantigas). Cfr. notas ás cantigas 24, 55, 74 e 92. Véxase nota á cantiga 15.

  • 2

    Fronte á forma monosilábica son derivada directamente do lat. sŭm, os resultados sõo e soo xerados por analoxía (sŭm → *sono > sõo > soo) computan como bisilábicas, mais tamén poden funcionar como unisilábicas (sõo 14.19, 63.12, 292.18, 317.18, 1118.8, 1629.2, e soo en 1431.1, 1577.2). Para alén de que ambas as formas (a etimolóxica son e a analóxica sõo ~ soo) poden convivir nunha mesma cantiga, os manuscritos ofrecen unha variación que demostra a necesidade de emenda nestes casos: en 354.7 concorren como monosilábicas as formas soo (A) e son (B), mentres que, por exemplo, en 86.22, 317.7 ou 430.23 B presenta a lección errada son (vs. sõo A), e en 1650.1 é V o cancioneiro que erra con son fronte a soo de B. Cfr. notas a 47.20 e 241.10.

  • 3

    A voz entender neste contexto significa ‘falar de amor, namorar’.

  • 4

    A substitución de creedes por queredes operada por Michaëlis non ten xustificación paleográfica2 nin semántica, pois ten pleno sentido o texto tal como foi transmitido por B. Talvez a editora se inspirou en 82.18, onde existe esta duplicidade na transmisión textual (creer A vs. querer B).

  • 5

    A existencia da variante eno na lingua das cantigas favorece a súa escolla para salvar a hipometría do verso. Ademais, ao longo dos cancioneiros detéctase con frecuencia a presenza de no(s) ~ na(s) en B cando A achega a lección correcta eno(s) ~ ena(s) (véxanse 66.9, 164.r2, 217.11, 227.4, 278.21, 355.8).

  • 13

    O radical xeral para os tempos de pretérito de aver é ouv-, como resultado da metátese de wau e fricativización de -b- a partir do radical latino habu-. Ora ben, -b- intervocálico tamén pode desaparecer (Ferreiro 1999: §54c), como mostran diversos resultados que proban esta evolución diverxente nos tempos de pretérito de aver. Para alén de ouer (10.18), así acontece coas formas oer, oera e oesse presentes no corpus (cfr. nesta cantiga oesse no v. 13, e oer no v. 32) sempre a partir das leccións dos apógrafos italianos, por o Cancioneiro da Ajuda sempre presentar a forma ouver (e afíns): se mi-o logo a tolher oer / mia vezinha (11.27), pois eu esto feito oer (29.19), mentr’oer esta senhor que oj’ei (38.9), U lhi conven, oera de tornar (45.8), quand’eu de vós oer / desamor (46.23), pois que lh’esto feit’oer (96.8), quen vos oer a desejar (107.18), pois end’o poder oer (561.6), farei eu por vós quanto fazer oer (725.26), poi-la dona seu amig’oer (759.15), pois eu oer / por mia senhor mort’a prender (1064.13). A estas ocorrencias aínda hai que lles acrecentar aqueloutras en que os apógrafos italianos presentan esta variante fronte ao resultado maioritario en A: 66.15 (ouvesse A vs. oess(e) B); 64.465.22, 68.11, 81.18, 141.6 (ouver A vs. oer B); 363.16 (ouver A vs. oer BV). Véxase tamén notas a 10.18 e 372.4. Cfr. notas a 130.23 e 534.4. Véxase Ferreiro (2016a: 119-127).

  • 19

    A lección senhor minha de B ten de ser un erro de transmisión, pois impide a correcta contaxe métrica do verso, ao tempo que constituiría un sintagma absolutamente estraño face a mia senhor: o uso proclítico da moderna forma minha só se atesta nunha única ocasión, en rima, no tardío trobador Afonso Sanchez (383.23).

  • 27

    Sendo perfectamente posíbel a resolución da hipometría versal por medio de tanto [de], preferimos, non obstante, acudir á variante atanto, coherente coa voz atal, presente no v. 1 deste mesmo poema.

  • 31

    O verbo obridar, fronte a escaecer, é de uso restrito na poesía profana: assi me ten end’Amor obridado (130.7); vedes que[n] é, [e] non xe vos obride (512.11); Aquest’amen / ja máis non si m’obridará! (990.30); non xi m’obrida o amor de Maria (1568.r).

  • 33-35

    As pequenas lacunas na copia da cantiga son doadamente resolvidas atendendo ao sentido e ao usus scribendi trobadoresco, considerando, ademais, os criterios de corrección métrica. 

  • 35

    Nótese a presenza do provenzalismo greu, que concorre na lingua trobadoresca, sempre en rima, coa forma xeral grave.

  • 35-36

    Nestes versos aparecen os dous verbos principais (sera e prazer-mi-á) do período iniciado no v. 7 (e pois ei...), de sintaxe certamente complexa pola acumulación de subordinadas.

  • 36

    Considerando a inevitábel sinalefa entre o pronome átono mi e a forma verbal á (miá), deberemos considerar a bisilabicidade de mais (véxase nota a 12.8). Existen indicios suficientes para considerar que a contaxe bisilábica de mais (ou máis) era un feito na lingua trobadoresca, nomeadamente a partir da análise das leccións manuscritas de preto dun centenar de pasaxes que apoian tal consideración métrica (Ferreiro 2016c).

  • 36-38

    Enténdase: ‘e pracerame máis iso do que vivir, visto que a vós e a min nos resulta praceroso evitar a coita’.

  • 37

    A rima esixe vogal aberta [-ɛɾ]: é, así, necesario emendar o <fazer> de B transformándoo no futuro de subxuntivo fezer, que está introducido pola conxunción temporal pois (‘despois que’). Ademais, e por conseguinte, debe respectarse e interpretarse a lección manuscrita <hi a> como i a.

  • 39

    A lección de Michaëlis implicaría a crase ou a sinalefa de que, allea aos costumes trobadorescos (véxase Ferreiro 2009), para alén de se afastar excesivamente da lección manuscrita en que só é necesario considerar o erro <>/<r>.

    En rima con greu, lheu (sempre na frase ben lheu ‘facilmente’) é outro provenzalismo de escasa presenza no corpus. Esta forma con consoante palatal (talvez de orixe catalá; véxase García-Sabell Tormo 1990: 203-205) convive con leu (véxase nota a 14.13).

  1. ^

    Con titulus corrixido.

  2. ^

    Sendo relativamente frecuente o erro <q>/<cr>, non o localizamos á inversa. Os únicos casos similares de confusión de <cr> son <cr>/<g> (delgada B 1618.11 <delcrada> B, <deuracaz> V) e <çr>/<g> (Fagundo B 1613.14 <ffaçrãdo> B, <ffagūdo> V).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado