235 [= Tav 148,10]
Nostro Sennor Deus, e por que neguei

Nostro Sennor Deus, e por que neguei
a mia sennor quando a eu veer
podia e lle podera dizer
muitas coitas que por ela levei?
Ca ja eu tal temp’ouv’, e atendi
outro mellor, e aquele perdi,
e outro tal nunca ja cobrarei,
ca ja eu tal temp’ouve que morei
u a podia eu mui ben veer
e u a vi mui mellor parecer
de quantas donas vi nen veerei,
e pero nunca ll’ousei dizer ren
de quantas coitas levei por gran ben
que ll’eu queria e quer’e querrei
mentr’eu viver; mais ja non viverei
senon mui pouco, pois que a veer
eu non poder, ca ja niun prazer
de nulla cousa nunca prenderei,
ca nunca Deus quer que eu cuid’en al
senon porque lle non diss’o gran mal
e a gran coita que por ela ei.
Mais a que sazon que m’eu acordei
quando a non posso per ren veer
nen quando non poss’i consell’aver!
Mais eu, cativo, e que receei?
Ca non mi avia por end’a matar
nen ar avia peor a estar
dela do que m’oj’estou, e o sei.
Mais de que podia peor a estar,
pois eu non vej’aquela que amar
sei máis de min nen quantas cousas sei?
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 

Manuscritos


A 129, B 250

A fiinda só aparece en B.

Edicións


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: I, 261-262 [= LPGP 923]); Lorenzo Gradín & Marcenaro (2010: 97-98); Littera (2016: II, 479).
II. Outras edicións: Molteni (1880: 105-106); Carter (2007 [1941]: 77-78); Machado & Machado (1950: II, 12-13); Arbor Aldea (2016b); Rios Milhám (2018a: II, 235).

Variantes manuscritas


3 lle] lhi B   5 ouv’] ouuj B   8 ouve] ouuj B   12 e] {e} A : om. B; ll’ousei] lhi ousey a B   14  queria] querria A; quer’e querrei] quero e q̄irey B   17 niun] nē hū B   18 nulla] nulla B; nunca] (ia) nunca A   20 lle non diss’o] lhi nō dixi o B   24 non poss’i] non poss(o) y A : hi nō posso B   25 cativo, e que receei] catiue q̄ (reche) / recehey B   27 ar avia] ar a(r)uia B   28 m’] om. B; e o sei] beno sey B

Variantes editoriais


17 niun] nẽum Littera   22 a] á Michaëlis   24 poss’i] posso i Lorenzo Gradín & Marcenaro   28 e o sei] ben’o sei Littera   29 a] om. Michaëlis, Littera   30 aquela] aquella Michaëlis

Paráfrase


(I) Noso Señor Deus, e por que ocultei á miña señora, cando eu a podía ver e lle podía falar, as moitas coitas que por ela levei? Porque eu xa vivín un tempo así, e esperei outro mellor, e perdín aquel, e outro tal xa nunca o recobrarei, (II) porque eu xa vivín en tal tempo en que morei onde eu a podía ver moi ben e onde a vin ser moito máis bela que cantas mulleres vin nin verei, aínda que nunca me atrevín a lle dicir nada de cantas coitas levei polo moito que eu a amaba e amo e amarei (III) mentres eu viva; mais xa non vivirei, agás moi pouco, desde que a non poida ver, pois xa ningún gozo recibirei nunca de ningunha cousa, porque nunca Deus quere que eu pense noutra cousa agás en por que non lle dixen o gran mal e a gran coita que teño por ela.

(IV) Mais en que tempo me fun lembrar (agora) cando non a podo ver de maneira ningunha nin podo encontrar remedio para iso! Mais eu, infeliz, de que tiven receo? Porque non me había de matar por iso nin tampouco había de estar peor con ela do que hoxe estou, ben o sei.

(1) Mais en que podería estar peor, pois eu non vexo aquela que sei amar máis que a min nin a cantas cousas coñezo?
 

Métrica


Esquema métrico: 4 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a + 10c 10c 10a (= Tav 161:95)

Encontro vocálico: 26 mi‿avia, 29 a‿estar

Notas


Texto
  • *

    Sobre o carácter de cantiga próxima ás cantigas ateúdas atá a fiinda, cunha ligazón adversativa coa derradeira estrofa neste caso (as edicións precedentes só ligan as estrofas II-III), véxase nota á cantiga 92.

  • 12

    De novo o texto transmitido por B presenta a perífrase ousar + infinitivo ligada coa preposición a (ousei a dizer), sen que metricamente sufra o verso pola omisión da copulativa inicial. Véxase nota a 95.16.

  • 14

    O contexto solicita un tempo que exprese realidade, para o cal o copretérito é o axeitado perante a lección dos manuscritos, que decote presentan alternancia entre copretérito e pospretérito, e nomeadamente con queria / querria. É pois necesario, neste caso, emendar o texto de A coa lección correcta de B.

  • 18

    A utilización da grafía <ll> (vs. <lh>) de B para a lateral palatal sonora no corpus das cantigas só se rexistra esporadicamente nos cancioneiros apógrafos italianos no indefinido nulho/a; noutras voces a súa aparición é un fenómeno extraordinario, pois só se rexistran cinco ocorrencias dese tipo. Cfr. nota a 199.33.

  • 20

    A forma xeral da P1 de pretérito de dizer é dixe (coa variante dixi especialmente en BV, cfr. nota a 270.15-16), opóndose á P3 disse (~ disso) pola palatalización favorecida por -ī longo latino final na P1 (Ferreiro 1999: §20a). Porén, no Cancioneiro da Ajuda existen dúas atestacións de disse como P1 (véxase tamén 195.13), sen dúbida por extensión da P3, mentres que en B continúa a usarse a forma dixi; polo contrario, en 278.2, frente a dixi de A agora aparece disse en B.

  • 24

    A mudanza de redacción en B (non poss’i vs. i non posso) é neutralizada metricamente no Cancioneiro da Biblioteca Nacional coa eventual sinalefa quanto‿i.

  • 28

    A frase formularia de tipo aseverativo e o sei (nótese a variante ben o sei en B) concorre coa máis xeral eu o sei (cun ton enfático que explica a próclise pronominal) e que aínda ten outras fórmulas expresivas moi similares (sei-o eu, aquesto sei eu, ben o sei, ben sei, esto ben sei, eu sei etc.). E o sei aparece con certa frecuenci no corpus trobadoresco profano: 212.14, 423.12, 1023.14, 1115.7, 1419.10 e 1500.3, por máis que moi frecuentemente fose corrixida polos editores. Cfr. nota a 301.6.

  • 29

    Na lingua trobadoresca o verbo poder aparece en complexos verbais (poder + infinitivo) mais tamén forma unha estrutura equivalente coa preposición a como nexo, de modo similar a outros verbos como conviir, conselhar, ousar, desejar etc. Cfr. nota a 3.17.
    Neste verso, a inusual construción poder + a + estar estabelece paralelismo contrastivo (aver / poder) co v. 27, onde aparece a perífrase aver + a + estar. Cfr. nen ar avia peor a estar / mais de que podia peor a estar. Neste sentido, a sinalefa a‿estar nivela a métrica do v. 29 e fai desnecesaria a expunción michaëliana (seguida por Littera) na preposición. Véxanse outras sinalefas que se rexistran ao longo do corpus entre o elemento a (pronome ou preposición) e diversas voces: aei (60.12), aoutre (199.28), aen (308.8), ael- (1166.r2), aantre (1324.17), ael (1523.11, 1598.20), air (1565.7), aun (1682.3). Cfr. nota a 8.17.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado