1487 [= RM 63,28]
Don Pero Nunez era en Cornado

Don Pero Nunez era en Cornado
e ia-s’a Santiag’albergar;
e o agüiro sol el ben catar,
ca muitas vezes-l’ouv’afaçanhado;
e, indo da cas[a] ao celeiro,
ouv’ũu corvo viaraz e faceiro,
de que Don Pero non foi ren pagado.
E, pois-lo el ouve muito catado,
diz: «Deste corvo non posso escapar
que del non aja ‘scarnho a tomar,
con gran perda do que ei guaanhado
ou da maior parte do que ouver
per ventura ou do corpo ou da molher,
segund’eu ei o agoiro provado».
E tornou-se contra seu gasalhado
e diz: «Amiga, muit’ei gran pesar,
ca me non posso de dano guardar
deste corvo que vejo tan chegado
à vossa casa, pois filha perfia
e corvej’aqui sempr’o máis do dia
e diz: “De noute seras trasfumado”».
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 

Manuscritos


B 1468 (f. 307r, col. b), V 1078 (f. 175v, col. b)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 288); Rodríguez (1980: 294 [= LPGP 385]); Lopes (2002: 191); Littera (2016: I, 471); Arias Freixedo (2017: 194).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 374); Braga (1878: 205); Machado & Machado (1958: VI, 170-171); Fernández Pousa (1959: 285); Vieira & Morán Cabanas & Souto Cabo (2011: 39).
III. Antoloxías: De la Iglesia (1886: II, 163-164); Tavares & Miranda (1987: 302-303); Pena (1990: 224-225); Alonso Girgado (1992: 24).

Variantes manuscritas


1 Pero] pº BV; Cornado] tornado V   2 Santiag’] sanriag B   4 vezes-l’ouv’ afaçanhado] vexes louna façanado B : vezs louua fazanhado V   5 indo] Iudo B   6 viaraz e] viaraçe B : uiaraçe V; faceiro] fazeiro V   7 Pero] pº BV; ren] iren B   11 do] de B; guaanhado] gaanhado V   12 ou] O B   13 ventura] uent̃o B   14 o] e B   17 dano] dāno B   21 E diz < + > B : ediz de noũ scās t̃asffumado V

Variantes editoriais


1 era en Cornado] era en torvado Lapa : era em tornado Lopes, Littera : era entorvado Rodríguez   6 ũu] un Lapa : um Lopes, Littera   11 guaanhado] gaanhado Littera, Arias Freixedo   13 ventura] ventur’ Lapa, Lopes, Littera, Arias Freixedo; ou da] da Lapa   19 à vossa casa] a nossa casa LapaLopesLittera   21 De noute seras trasfumado] de nout’a crás terrás finado! Lapa : de noute: “Crás, crás”, [a]fumado Lopes, Littera : de nout’estarás trasfumado Arias Freixedo

Paráfrase


(I) Don Pero Núnez estaba en Cornado e ía pernoitar a Santiago; e el adoita ver ben os agoiros, pois xa moitas veces o ten contado como unha fazaña; e indo da casa ao celeiro xurdiulle de fronte un corvo viaraz, o que a Don Pero non agradou nada.
(II) E, despois de telo observado moito, dixo: «Non podo escapar deste corvo sen recibir un grande escarnio, con gran perda do que gañei, ou da maior parte do que por ventura, ou do meu corpo ou da miña muller, segundo eu comprobei no agoiro».
(III) E tornou para a protección do lar e dixo: «Amiga, teño un gran pesar porque non me podo librar do dano deste corvo que vexo tan preto da vosa casa, pois é teimudo e gralla aquí a maior parte do día, e di: “De noite estarás trasfumado”».

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10’a 10b 10b 10’a 10’c 10’c 10’a (I, III [= RM 161:184]) + 10’a 10b 10b 10’a 10c 10c 10’a (II [= RM 161:141])

Encontros vocálicos: 2 San·ti·a·g’; 6 ũ͜u, vi·a·raz; 9 possoescapar; 13 venturaou, corpoou

Notas


Texto
  • 1

    Non existen datos que permitan identificar este Pero Nunez. Véxase, non obstante, Marcenaro & González (2024: s.v. Pero Nunez, Don).
    O final do íncipit (<ēcornado> B, <entornado> V) levantou diferentes lecturas e interpertacións: en torvado (Lapa), entorvado (Rodríguez), en tornado (Lopes, Littera), neste caso co sentido “em giro, ou seja, em viagem de negócios”.
    Con base na lectura literal de B (cfr. a banal confusión <t>/<c> en V), Arias Freixedo (2016) propón a interpretación que coidamos certa para o contexto: Don Pero Nunez era en Cornado; isto é, o protagonista do escarnio estaba en Cornado, un lugar próximo a Santiago de Compostela, topónimo atestado en múltiplos documentos medievais (véxase CGPA, s.v. Cornado)1 . Deste xeito, ademais, Joan Airas crea, así, “un xogo equívoco onomástico non moi escondido (en Cornado / encornado ‘con corna, cornudo’), que, situado xa no inicio do texto, indicaría o duplo sentido xocoso de toda a composición”.

  • 3

    A evolución -oi->-ui- na familia lexical de agoiro semella forma exclusiva da lírica profana. Cfr., tamén, agüirar (1486.2), agüireiro (1537.9) e agüiraria (1675.3) (véxase UC/Glosario, s.v.).

  • 4

    A cadea textual con vezes-l(o) mostra como, para alén da xeral asimilación do substantivo Deus co pronome identificador (véxase nota a 25.16), poden atestarse outras asimilacións esporádicas –ás veces coa grafía arcaica <s-l>– con outros substantivos: moscas (490.16), donas (721.5), braços (962.27). Véxase nota a 5.10. A mesma secuencia en que se produce esa asimilación podemos vela na Historia Troiana

    Carríbidos, que he ẽamigo mortal das naves, que sorve aas vezes a nave et aas vezes la derriba (...) et a pasarilla tantas vezes la fereu que lle meteu os dedos enna voca (Pichel Gotérrez 2014: 1.408).

    Afaçanhado é participio de afaçanhar ‘relatar ou describir como se fose unha fazaña’ presenta a variante afaçaiado (véxase nota a 633.21). De calquera modo, son formas exclusivas das cantigas, sen outros rexistros ao longo da Idade Media (cfr., ademais, a variación façanha / façãia ~ façaia; véxase CGPA, s.vv.).

  • 6

    O corvo viaraz (ou, simplemente, viaraz en 1015.17) é un corvo pequeno, que anda en bandadas en zonas baixas (corvus corone). No relativo a faceiro (de face + -eiro), é voz que significa ‘que se aparece de fronte’, ausente dos bancos de datos léxico-textuais antigos2 .
    Dado que en 1015.17, onde tamén aparece viaraz, esta voz ten contaxe bisilábica, talvez aconteza o mesmo neste verso, de modo que ũu podería computar como dúas sílabas e, ao tempo, se asegura o acento tónico na 4ª sílaba: óu·v’ũ·u cór·vo via·ráz e fa·céi·ro.

  • 8

    A secuencia <s-l> (e <r-l>) en que está implicada a forma arcaica lo(s) ~ la(s) do pronome identificador (artigo ou pronome) no encontro con pois e con outros vocábulos acabados en -s (ou -r) (cfr. vezes-lo no v. 4) debe ser lida como [l], independentemente de que a grafía presente a forma máis antiga (véxase tamén nota a 83.21 e 139.2). No corpus trobadoresco profano, o pronome identificador sofre asimilación fonética xeral con diversos elementos lingüísticos (pronomes, adverbios, conxuncións, e con algúns nomes e/ou participios), especialmente con mais e pois. Cfr. nota a 5.10.

  • 15

    O substantivo gasalhado, voz utilizada preferentemente en cantigas de amigo, significa tamén ‘amigo, amante’ (cfr. tamén 1192.13, onde tamén ten o sentido de ‘amparo, gozo’ nese caso aplicado a unha persoa, o amigo).

  • 17

    A voz dano presenta unha grafía latinizante <dāno> (= danno) en B (cfr. lat. damnum), a formar grupo con outras voces que esporadicamente mostran xeminación da consoante nasal, comezando con <dapno> dano (1340.3) e outras como <āno> ano (1331.10) e <antāno> antano (1594.21), <Joanne> Joane (1329.3 e 10 e 1351.3), <donna> e similares (1402.1, 1480.r2 e 14), ou <cõmo> e similares (294.15, 882.24, 1329.10, 1334.16, 1440.31, 1465.16, 1596.15, 1598.13). E aínda estas formas están relacionadas con outras tan frecuentes como peccado, soffrer... ou outras máis esporádicas como <absconder> asconder (415.20), <obscuro> oscuro (1483.2), <monstrar> mostrar (véxase nota a 9.3), <expedir> espedir (809.1, 1126.15) ou algunhas formas minoritarias de verbos incoativos que presentan tamén formas en -scer (conhoscer, parescer, escaescer, falescer, nascer) e sciente (68.11) (véxase nota a 117.19). E para alén destas formas aínda se poden ter en conta outras que semellan directamente latinas como <et> e, <in> en (2.18, 1451.2, 1624.17) ou <cum> con (91.1, 671.2 e 6).

  • 20

    A voz corvejar ‘emitir sons o corvo’ forma grupo con outros verbos formados co sufixo -ejar (cfr., por exemplo, guerrejar), e rexístrase na lexicografía portuguesa dos séculos XVII-XVIII (véxase CLP, s.v. corvejar).

  • 21

    Mantendo a lección do manuscrito, Rodríguez fixou o hápax trasfumado ‘irritar fortemente, escarnecer’ tendo en conta a existencia dialectal de (a)fumar con este valor semántico en terras galegas e minhotas (‘enfadar ou exasperar a alguén’, cfr. TLPGP, s.v.), a pesar a escaseza do prefixo tras- no período medieval. Non se pode descartar que este termo estea asociado á práctica da adiviñación a través do fume (capnomancia), no marco da frecuente condena medieval ás prácticas relacionadas coa feitizaría e adiviñación.
    Por outra parte, a opción pola variante noute, con abondosas atestacións medievais, é preferíbel a outras (como novo), para alen de se “adecuar bien el sentido profundo de la cantiga”, en palabras do editor de Joan Airas.

  1. ^

    A partir de Arias Freixedo (2016) foi mudada a lectura na versión web de Littera (consult.: 17-02-2022).

  2. ^

    Cfr. faceira ‘ladeira dun monte’: E ha muy boas faceiras de mõtes chããos e muy proveitosos; e, dece[n]dendo pellas faceiras do mõte, ha hi ẽpayoo e ha hy muy boas plantas e muytas e ha hi muytas nogueiras e muy grande avelaar e muy alto a maravylha (Crónica Geral de Espanha de 1344; cfr. CGPA, s.v.).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado