1460 [= RM 127,8]
Pero Lourenço, comprastes

Pero Lourenço, comprastes
ũas casas e mercastes
delas mal, pero catastes
ant’as casas; e por én,
par Deus, vós vos enganastes,
que as non catastes ben.
Pois vos non deron i orto,
por ent[er]rado e morto
vos tenh’oj’eu; mais conorto
ei de vós, por ũa ren
que se faz en vosso torto,
que as non catastes ben.
Se vós, come ome dereito,
as paredes e o teito
catassedes, gran proveito
vos ouvera, a meu sén;
vós sofred’end’o despeito,
que as non catastes ben.
Pois non vistes i cortinha
nen paaço nen cozinha,
rependestes-vos aginha;
mais ora que prol vos ten?
A pagar é a farinha,
poi-las non catastes ben.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 1441 (f. 299v, cols. a-b), V 1051 (ff. 170v, col. b, 171r, col. a)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Edicións


I. Edicións críticas: Tavani (1964: 147-148); Lapa (1970 [1965]: 575-576 [= LPGP 852]); Lopes (2002: 421); Littera (2016: II, 390-391).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 364-365); Braga (1878: 200); Nunes (1919: II, 324); Machado & Machado (1958: VI, 140-141); Camargo et alii (1985: 53-54).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 357-358).

Variantes manuscritas


1 Lourenço] Lourenco B : lourenzo V   2 ũas] Hunas B   5 enganastes] engahastes V   8 ent[er]rado e morto] entrada de morto B : entrada demorto V   10 ei] ca V; vós] uꝯ BV; ũa] huna B   11 que] Q B; faz] iaz BV   20 paaço] paazo V   23 é] τ B

Variantes editoriais


5 vos enganastes] vus enganhastes Tavani   7 vos] vus Tavani   8 por ent[er]rado e morto] por entrada de morto Tavani : por encerrado e morto Lapa : per entrada, [já] de morto Lopes, Littera   9 vos] vus Tavani   10 por] per Lopes, Littera   11 faz] jaz Lopes, Littera   16 vos] vus Tavani   20 cozinha] cozĩa Tavani   21 aginha] asinha Lapa, Lopes, Littera : agĩa Tavani   22 vos] vus Tavani   24 poi-las] que as Lopes, Littera

Paráfrase


(I) Pero Lourenço, mercastes unhas casas e fixestes moi mal negocio, aínda que as examinastes antes; e, por Deus, por iso vos enganastes vós, porque non as vistes ben.
(II) Pois alí non vos deron horta, xa vos vexo eu hoxe morto e enterrado; mais recibo consolo de vós, por unha cousa que se volve contra vós, porque non as vistes ben.
(III) Se vós, como home cabal, examinásedes ben as paredes e o teito, seríavos de gran proveito, na miña opinión; aturade o despeito por iso, porque non as vistes ben
(IV) Pois alí non vistes cortiña, nin pazo nin cociña, arrepentístesvos axiña; mais agora, de que vos vale? O feito feito está, porque non as vistes ben.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 7’a 7’a 7’a 7b 7’a 7B (= RM 13:62)

Encontros vocálicos: 13 comeome

Notas


Texto
  • 1

    Aparentemente, este Pero Lourenço comparece tamén na tenzón entre Joan Soarez Coelho e Lourenço, talvez como nome do xograr habitualmente citado como Lourenço (UC 1432). Sendo dubidosa a interpretación de <Pero> no v. 15 desa tenzón, descoñecemos se se refire ao mesmo personaxe. Véxase, por outra parte, o comentario no Projeto Littera, s.v. Pero Lourenço e mais Marcenaro & González 2024: s.v. Pero Lourenço, onde se alude a un escribán de Afonso X tamén chamado Pedro Lourenço, o mesmo nome que o protagonista de CSM 377.

  • 2

    A presenza de -n- nas formas manuscritas <Hunas> (v. 2) e <hvna> (v. 10) de B é simple indicación gráfica da nasalidade fonolóxica de /ũ/ en ũa(s), o mesmo que noutras voces que se rexistran esporadicamente, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <alguna> algũa, <capaton es> çapatões, <certano> certão, <dona> dõa, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <pardonar> perdõar, <poner> põer, <uano> vão, <ueno> vẽo, <uilano> vilão. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b. Cfr. nota a 582.3.

  • 8

    A hipometría do verso revela un problema de transmisión textual que todos os editores tentaron resolver, con diferentes propostas, para a secuencia <entrada de> BV:

    Poys vus non deron hy orto,
    por entrada de morto
    vus tenh’oj’eu; ... (Tavani).

    Pois vos non deron i orto,
    por encerrado e morto
    vos tenh’oj’eu; ... (Lapa).

    Pois vos nom derom i horto,
    per entrada, [já] de morto
    vos tenh’hoj’eu; ... (Lopes, Littera).

    Pola nosa parte, acreditamos en que a solución máis lóxica do punto de vista ecdótico é supor a ausencia da abreviatura, feito común nos aprógrafos italianos, de modo que fica con sentido a pasaxe, para alén de que o descoñecemento do contexto do escarnio non permita unha interpretación acabada:

    Pois vos non deron i orto,
    por ent[er]rado e morto
    vos tenh’oj’eu; ...

  • 9

    A forma conorto constitúe outro provenzalismo, máis utilizado na poesía profana do que a variante patrimonial conforto. Véxase nota a 624.16.

  • 11

    A pesar da real existencia da expresión jazer en torto (véxase Mettmann 1959-1972: IV, s.v. jazer), nesta pasaxe a emenda de <iaz> en prol de faz semella inevitábel, pois o verbo jazer (cfr. jaz en Lopes e Littera) non é pronominal.

  • 21

    A forma asinha foi a variante despalatalizada que no portugués posmedieval (e dialectalmente en galego, até a actualidade) substituíu a forma aginha, a única utilizada nos textos medievais e na lingua trobadoresca.

  • 23

    Nótese o erro <τ> de B, que utiliza o signo tironiano da conxunción copulativa para a forma verbal é. Con efecto, o mesmo erro pode verse noutras pasaxes de BV (1316.11, 1338.24).
    Canto ao significado do verso, como indica Lapa, semella unha expresión proverbial con sentido de ‘o feito feito está’, ‘agora xa non ten remedio’...

  • 24

    Obsérvese a importante variación no refrán, a confirmar que a repetición literal é un concepto relativo neste caso, en que na estrofa IV pois substitúe a conxunción causal que (Ferreiro 2025: 104). Cfr. nota a 27.4.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado