I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 198-199 [= LPGP 249]); Pagani (1971: 160); Lopes (2002: 519); Littera (2016: I, 277).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 318); Braga (1878: 174); Machado & Machado (1958: VI, 53-54).
III. Antoloxías: Alvar & Beltrán (1989: 399-400); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 90); Diogo (1998: 207); Alvar & Talens (2009: 596).
1 avẽo] aueōo B : aueēo V; Merlin] merha V; morrer] moirer B 3 enganar] en granar V 5 Vaasquez] uasqueez B : uaasqˈz V; quanto] q̄nto V 6 o] on B; mort’] moir V 8 diz] diz̃ V 9 coraçon] curacon B : curaçō V; afogar] afogwr B 10 u a] hūa B 11 e, u torna d’i] Entornadi B : entornadi V; esmorecer] esmoret’ B 12 ten] rem V 13 tan] a V; morrer] moirer B 14 mort’estrãia] moi testraȳ B : mor cestrarā V 15 o ... máis ... temer] e ... may o ... tem V 16 ensinar] mostrar ē stuar V 17 diz] Din B : com V; pod’ensarrar] pedē sarar B 18 logar ... atender] legor ... arender V 19 qual] q̄l V; morreu] moir’ B : morreꝯ V 20 vozes ... fin] uazes ... ffim̄ V 21 estraecer] estraocer B
1 avẽo] avẽeo Lapa, Pagani : aveo Lopes, Littera 4 cofonder] confonder Lopes, Littera 5 Vaasquez] Vásquez Lapa, Lopes, Littera 9 coraçon] curaçon Pagani 11 e, u torna d’i] em torna d’i Lopes, Littera 15 temer] teer Lapa 17 diz] con Lapa; ensarrar] ensarar Pagani 21 morte] mort’ Lapa, Lopes, Littera
(I) Tal como lle aconteceu a Merlín morrer pola súa moita sabedoría, que lle foi descubrir a unha muller tal que o soubo enganar, desa mesma maneira se foi condenar Martín Vaásquez, polo que eu lle ouvín, porque o trae morto unha muller a quen, para o seu mal, lle ensinou o seu saber.
(II) E di que tal coita lle fai padecer que se quere afogar nin tampouco pode, cando non a ve, seguir con vida e, cando torna de alí, faino esmorecer; e polo saber que el lle ensinou, teno tan coitado que lle convén morrer da morte estraña que há de padecer.
(III) E di (o que lle causa un maior temor por todo aquilo que el lle foi ensinar) que sabe que o pode encerrar nun lugar tal onde convén esperar unha morte como a de que morreu Merlín, no momento en que dará voces cando chegue o seu final, porque el non pode evitar tal morte.
Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= RM 161:21)
Encontros vocálicos: 5 Va͜as·quez; 11 i,‿o; 21 morte‿estraecer
Esta cantiga está incluída na rúbrica colectiva feita para as tres cantigas de Estevan da Guarda contra Martin Vaasquez (UC 1340, 1341, 1342), e colocada nos cancioneiros entre as estrofas da primeira das composicións: Estas cantigas de cima foron feitas a ũu jograr que se prezava d’estrologo e el non sabia nada; e foi-se cercear, dizendo que averia egreja, e fazer coroa, e à cima ficou cerceado e non ouve a igreja; e fezeron-lhe estas cantigas por én.
O texto búrlase dos coñecementos de astroloxía de que Martin Vaasquez presumía (vid. as cantigas anterior e seguinte), mais probabelmente existe unha outra lectura oculta en clave sexual. Nesta clave poderían interpretarse termos e expresións como morrer, esmorecer, mort’estrãia; ensarrar en tal logar; dar vozes, sa fin...
Ao longo das cantigas galego-portuguesas aparecen diversas alusións a personaxes relacionados coa Materia de Bretanha, sen dúbida moi divulgada nos séculos XIII e XIV. Para alén dos cantares de Cornoalha citados por Gonçal’Eanes do Vinhal (1417.5), a carón de Merlin nesta composición achamos figuras como Brancafrol e Flores (UC 503, Don Denis; UC 772 Joan Garcia de Guilhade), Tristan e Iseu (UC 464, Afonso X; UC 530, Don Denis) ou Arec e Enida (UC 294, Rodrig'Eanes Redondo).
O mago Merlín, con alta sona polos consellos e predicións ao rei Artur, morreu encerrado nunha cova (vv. 17-21) atraizoado pola xove e fermosa Viviana, de quen estaba profundamente namorado.
Para alén da aparición de confunda en 115.27 (véxase nota), na lingua da poesía trobadoresca profana é xeral a forma cofonder, con evolución [nf] > [f] (véxase Ferreiro 1999: §101e), similar á variación inferno ~ iferno (véxase nota a 379.11), sendo minoritaria a forma máis conservadora confonder (só en 203.8, 216.10, 1050.5, 1224.15, 1407.6 e 1650.14). Con todo, a variación cofonder ~ confonder aparece con frecuencia nos cancioneiros: cofonder A vs. confonder B (197.28, 216.19), cofonder B vs. confonder A (194.7, 203.8, 216.10), cofonder B vs. confonder V (990.11, 1050.12, 19 e 22, 1497.19), cofonder V vs. confonder B (990.12, 1224.15, 1650.14). Cfr. nota a 379.11.
Perante as dúas leccións do apelido do trobador (<uasqueez> B, <uaasqˈz> V), optamos pola prioritaria de B (a lectura de V é dubidosa), en liña coas formas Vaasquez e Vasquez doutras cantigas, por máis que a variante de V remita á forma máis antiga do patronímico na vacilación -iz/-ez que se rexistra na documentación medieval.
En calquera caso, a lírica profana mostra a convivencia dos dous resultados iniciais do sufixo patronímico -ĭcī (Vaasquiz ~ Vaasquez), conforme actuase ou non a metafonía por -ī final (> -iz / -ez), para alén de aparecer, outrosí, mostras do proceso de neutralización e mudanza da africada [dz] en prol da fricativa [z], posteriormente enxordecida, no resultado Vaasques.
Martin Vaasquez (ou Vaasquiz) é un xograr descoñecido, só citado por Estevan da Guarda (véxase tamén 1340, 1342) e mais por D. Pedro de Portugal (cantiga 1451). No Projeto Littera (s.v. Martin Vasques) apúntase a un Martim Vaasquez, prior de Tábua, falecido em 1362. Tábua era señorío de Martim Vaasquez de Coinha, filiado nos Livros de Linhagens:
Este Martim Vaasquez de Coinha foi casado com dona Violante Lopez, filha de Lopo Fernandez Pacheco, senhor de Ferreira e privado d’el rei dom Afonso de Portogal, e de dona Maria Gomez e fez en ela don Vaasco Martiiz (Mattoso 1980: II/1, 378).
Tal como se recolle en Marcenaro & González (2024: s.v. Martin Vaasquez), “l' omonimia e la probabile relazione tra i due Martin Vasques (da Cunha e il priore) potrebbero cosl essere state utilizzate per dirigere, all' epoca della guerra civile tra Don Denis e l’infante Afonso (1319-1324), degli scherni indiretti contra un parente prossimo di uno dei piu intimi seguaci di Afonso IV”.
O patronímico Vaasquiz computa como dúas sílabas, igual que, probabelmente, Vaasquez en 1340.1, feito explicábel pola cronoloxía tardía de Estevan da Guarda, da derradeira xerazón trobadoresca.
Neste verso (e mais no v. 18), rexístrase a estrutura verbal conviir + de + infinitivo, en liña coa necesaria presenza do nexo preposicional (a ou de) cando a forma conxugada de conviir vai seguida de infinitivo (véxase UC/Glosario, s.v. conviir), de xeito que só está ausente o nexo cando o infinitivo vai anteposto: pois m’escolher conven (377.19), perfiar me conven! (1337.21), colher non conven (1679.8). Cfr. nota a 30.24.
A forma estrãio (tamén en 638.1), xunto coa var. estraio (103.1) (cfr. tamén estrãiar, estraiar), son produto da minoritaria evolución de -nj-, con caída de -n- en vez da xeral palatalización da base extraneum (véxase CGPA, s.v. estraio, estrãio, estrayo, estrãyo, estraỹo). Tal resultado convive co xeral estranho (véxanse vv. 13 e 20) no corpus trobadoresco profano, e a súa emenda supón unha desnecesaria nivelación lingüística na lingua trobadoresca. Cfr. nota a 236.15 e 26.
Repárese na variante de V, onde se xustapoñen dous verbos semanticamente equivalentes para a palabra rimante: mostrar ensinar.
A partir do lat. serāre xorden diversas variantes que conviven na lingua medieval: enserrar, ensarrar (forma con asimilación regresiva) e encerrar, con variación fónica da sibilante (véxase CGPA, s.v.).
Lémbrese que fazer sa fin é sinónimo de morrer.
A voz estraecer ‘evitar, escusar’, que na poesía se rexistra só nesta composición, unicamente a localizamos nas versións galegas da Materia de Troia:
Et ben sey que, sse todos y traballar quisermos, nõ ha cousa que noslo possa estraeçer de morte ou de prigón. (...) ca, sen falla, an de seer uẽçudos et presos et destroýdos pera senpre, que nõ poden esto estraeçer, nẽ lles pode moyto tardar, ca os dioses o an prometido. (...) ca entonçe tal custume era que, quando algúm seýse de sua terra, leuase hũ sinal da terra onde era natural, et, se o nõ leuase, nõ podería estraeçer que nõ fose morto ou preso (Crónica Troiana; CGPA, ed. R. Lorenzo).
que non era outro señor enno mundo que o podese estraecer nen desviar senón aquel que o estabelescera (...) Et non poden esto estraecer nen lles pode moito tardar, ca os dioses-lo am prometido (Historia Troiana; Pichel Gotérrez 2014: 1512, 1671).