Esta cantiga foi feita a un juiz que non ouvia ben.
I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 169 [= LPGP 255-256]); Pagani (1971: 106-107); Lagares (2000: 135 [rúbrica]); Lopes (2002: 498); Littera (2016: I, 263).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 309); Braga (1878: 170); Machado & Machado (1958: VI, 29-30).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 371).
Rúbrica: Esta] E esta V; ouvia ben] ouuia + bē B : ouuĩa bē V
Texto:
1 dano] tano BV 2 reinha] reanha V 4 juiz] ruiz V 5 vou] non B 7 pod’oir] podore V 8 sera] ha V 9 desembargad’] desanbargad B 11 lhe manden] lho mandeu V 12 compria] ꝯprā V 13 d’ant’el, pois m’ouvir non] daut e pois moume nē B : dantel pois mournnunō V 14 embargad’] e bargad B : ē barcad V 15 reinha] remha BV 16 qual] q̄l V 18 outro juiz] out̃ suiz B : outº uiiz V 20 tolheito] tolheiro B 21 qualquer] qual quar B : q̄l q̄r V; outr’] ouer B
13 ouvir] oir Lapa, Pagani, Lopes, Littera 18 põer] poner Pagani
(I) Causei o meu propio dano por pedir un xuíz como o que a raíña, nai do rei, me deu −a min, un cabaleiro seu oficial−, pois de nada me vale ir perante tal xuíz, xa que se vou alí e levo o meu avogado, sempre me di que está de tal xeito atarefado que non me pode ouvir.
(II) Este preito que teño na Xustiza nunca será resolto por tal xuíz, nin me ouvirá aínda que llo manden a raíña ou o rei seu fillo, pois xa me dixo que non me era preciso ir perante el, porque non me podía ouvir mentres estivese tan ocupado como está.
(III) Mais a raíña, cando saiba ben que clase de xuíz ten na súa corte, achará que será razoábel –non teño dúbida diso– pór alí outro xuíz mellor; e así poderei eu obter xustiza, cando se for este xuíz tolleito e me deren calquera outro ouvidor.
Esta cantiga foi feita a un xuíz que non ouvía ben.
Esquema métrico: 10a 10b 10b 10a 10’c 10c’ 10a (= RM 161:107)
Encontros vocálicos: 2 mi‿a; 3 o·fi·ci·al; 11 o·i·rá; 21 o·i·dor
Nesta composición Estevan da Guarda alude á reinha (vv. 2, 10 15) e a seu fillo (v. 10), Esa raíña debe ser Dona Isabel de Aragón, nai de D. Afonso IV, que situaría esta cantiga entre 1325, ano da morte de Don Denis e, consecuentemente, da subida ao trono de Afonso IV, e 1336, ano de falecemento da raíña mai1
.
A cantiga, por outra parte, presenta xogos equívocos con estar embargado (‘estar atrancado de tanto traballo / estar atrancado de ouvido’), ouvir (‘escoitar en audiencia / ouvir’) e oidor (‘maxistrado / que ouve’).
A variante reinha (tamén nos vv. 10 e 15, ben como na rúbrica de UC 1409) supón un paso evolutivo máis a partir de rainha, co paso de -aí- a -eí- (ou á inversa, manutención dun primeiro resultado reinha a patir do lat. regīnam), tal como se rexistra noutras secuencias similares (sair > seir, ainda > einda etc.), por máis que estes resultados sexan moi minoritarios na lingua medieval e non chegasen á lingua moderna (de todos os modos, cfr. rainha en 206.6 e 988.20). No relativo a reinha pode rastrexarse o seu uso ao longo da Idade Media, pois aparece en textos e períodos diversos e con grafías diferentes, desde as Cantigas de Santa Maria á Crónica Geral d’Espanha de 1344 ou a Demanda do Santo Graal (véxase CGPA, s.v. reinha, reĩa, reinna...).
A diferenza de oficio, que entrou máis cedo na lingua (véxase 1327.23), oficial é voz tardía, que se rexistra con certa frecuencia a partir da Crónica Geral d’Espanha de 1344; só achamos unha atestación anterior nun documento galego de 1339:
asi como a os officiaes que an poder de fazer justiza en aqueles lugares en que els poderen de fazer et mandar fazer justiza he a saber que os posan prender et dar a as justizas et entregar os roubos a seu dono (cfr. CGPA, ed. López Ferreiro).
O verbo oir está utilizado na súa semántica xudicial: «Admitir el Juez y seguir la demanda, segun los términos del Derecho» é unha das acepcións recollidas polo Diccionario de Autoridades (Real Academia Española 1726-1739, s.v. oir).
En face da forma maioritaria oir, como evolución xeral de audire na lingua trobadoresca (véxase Ferreiro 1999: §211a), a variante ouvir é de uso limitado no corpus (véxase 334.4, 384.17, 633.24, 764.15, 804.15, 968.4, 1055.9, 1233.12, 1346.22, 1361.3, 1522.4), tendo en conta que a P1 de presente indicativo (ouço) e o presente subxuntivo (ouça etc.) son formas únicas. Cfr. nota a 618.10.
Nesta composición pode verse a concorrencia de resultados (nótese a nivelación en prol de oir que todas as anteriores edicións realizaron), pois a carón de ouvir neste verso aparece oir (v. 7), oirá (v. 11) e oidor (v. 21).
De todos os modos, Rey Somoza (2012: 49) di que se trataría de dona Beatriz de Castela, a segunda muller de Afonso III e nai de don Dinis. De ser ela, a cantiga remite a un contexto moi temperán dentro da produción do trobador, anterior, en calquera caso, ao falecemento desta raíña a comezos do século XIV.