I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 166); Pagani (1971: 100 [= LPGP 247]); Lopes (2002: 495); Littera (2016: I, 261).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 308); Braga (1878: 169); Machado & Machado (1958: VI, 26-27).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 157); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 79).
1 Rodriguiz] irōiz B : rrōiz V 2 quando] quãdo B 3 e] et V; le[i]xou] lezou B; por ben] per ben V 5 certa] t̃ca B 6 jurando] uirando V; bõa] boa B 7 leixou] lexou B 10 meaças] meacas B 11 ren] irē B 13 jurar] uirar V
3 e] et Pagani 5 certa] certã Lapa 6 bõa] boa Pagani 7 non na] nõna Lapa : nõn’a Lopes, Littera 9 non na] nõna Lapa : nõn’a Lopes, Littera; seita] coita Lapa 11 neũa] nehuna Pagani : nem ũa Lopes : nẽũa Littera 13 bõa] bona Pagani 14 neun] nenhun Pagani : nenhum Lopes : nẽum Littera
(I) A muller de Álvar Rodríguiz sentiu un queixume tal, cando el se foi de aquí e a deixou, que, nin para ben nin para mal, nunca a el se achegou desde que veu, nin se quere achegar se el non lle dá garantía, xurándolle antes, abofé, de que non a deixe outra vez como a deixou.
(II) E o infeliz, polo poder que ten, non a pode afastar desa teima, nin con ameazas nin baténdolle: a ela iso non lle importa nada; mais, se quere que perda esta saña, abofé que lle convén xurar que nunca máis a deixe.
Esquema métrico: 10a 10b 10b 10a 10c 10c 10a (= RM 161:20)
Encontros vocálicos: 6 -lhe‿ante; 10 le[i]xe‿en
Esta cantiga, con Alvar Rodriguiz como personaxe central, forma parte dun ciclo composto por cantigas de Estevan da Guarda (cantigas UC 1317, 1318, 1334, 1335), así como na cantiga UC 1446 de Don Pedro de Portugal, onde Alvar Rodriguiz é definido como monteiro maior. En calquera caso, na rúbrica que antecede a cantiga do conde aparece a chave da interpretación dos equívocos sexuais deste conxunto relativos á circuncisión de Alvar Rodriguiz, pois nela dise que este personaxe afirmaba que estivera un tempo “alén mar”, isto é, no norte de África, e que “fora aló mouro”, isto é, que se convertera ao islamismo. A este respecto, cómpre destacar que, no marco da coexistencia das tres relixións monoteístas na Iberia medieval, o cristianismo, o xudaísmo e o islam, a circuncisión estaba fortemente connotada desde o punto de vista cultural e relixioso, marcando unha especial diferenza entre os cristiáns, dunha banda, e os xudeus e musulmáns, por outra. Desta forma, a circuncisión dun cristián podería tomarse como indicio da súa condición de xudaizante ou criptomusulmán.
Verdadeiramente, Alvar Rodriguiz é un personaxe descoñecido, aínda que no Projeto Littera (s.v. Alvaro Rodrigues) se apuntou, con moitas dúbidas, a Álvaro Rodrigues Redondo, descendente do trobador Rodrig’Eanes Redondo. Ese personaxe aparece nomeado no Nobiliario do Conde D. Pedro (Mattoso 1980: II/1, 392) como criado de D. Álvaro Gonçalves Pereira, prior dos Hospitalarios e do Crato (véxase tamén Marcenaro & Gonçalves 2024: s.v. Alvar Rodriguiz).
As formas como le[i]xar e que[i]xar (e derivados), con aparente absorción da semivogal palatal por parte de /ʃ/, son certamente esporádicas no corpus (só en 38.6, 371.27; 637.1; 726.1; 791.6; 1547.20), e probabelmente son produto de omisións por parte dos copistas: <quexume> A, <queixume> B queixume (238.3); <lexedes> A, <leixedes> BV lexedes (387.9); <quexume> B, <queixume> V queixum’e (785.2); <lexou> B, <leixou> V leixou (989.30); <lexad> B, <leixad> V leixad[e] (1365.2). Nótese nesta cantiga como, a pesar das formas le[i]xar no v. 3 e mais le[i]xe nos vv. 7 e 14, tamén comparece a forma leixou, no v. 7: <lexou> B, <leyxou> V.
Sen dúbida, cativo presenta un valor polisémico neste contexto, pois, para alén de ‘home infeliz e desventurado’ ben pode significar tamén ‘home ruín e desprecíbel’. Ao mesmo tempo, é probábel que a referencia ao poder que el ten conteña unha alusión equívoca á impotencia de Alvar Rodriguiz, que non é quen de satisfacer o desexo da súa muller.
Neste contexto, o significado de seita é, basicamente, ‘teima’, en liña cos significados primarios de secta en latín: ‘camiño, carreiro; liña de conduta, modo de vida...’ (cfr. Blánquez 1985: s.v. secta, -ae).
O substantivo meaça e mais o verbo meaçar (en 1385.15) conviven coa xeral forma reforzada ameaça(r) (629b.2, 695.7, 1592.1). Na produción medieval é absolutamente dominante esta forma, sendo moi poucas as atestacións de meaça(r), só presente en tres ocorrencias nas Cantigas de Santa Maria e na Demanda do Santo Graal, para alén de unha única aparición na Crónica Geral Galega (véxase CGPA, s.v.).
As formas indefinidas neun (v. 14) e neũa (v. 11) son, en xeral, as variantes características dos textos transmitidos polo Cancioneiro da Ajuda, pois nos apógrafos italianos é dominante a forma nen un, habitualmente grafado como <nen hun>, <nẽ hũ> etc. De calquera xeito, en BV tamén achamos neũa nesta cantiga, xunto coa variante neũu de V en 1007.22.
Neste verso rexístrase a estrutura verbal conviir + a + infinitivo, en liña coa necesaria presenza do nexo preposicional (a ou de) cando a forma conxugada de conviir vai seguida de infinitivo (véxase UC/Glosario, s.v. conviir), de xeito que só está ausente o nexo cando o infinitivo vai anteposto: pois m’escolher conven (377.19), perfiar me conven! (1337.21), colher non conven (1679.8). Cfr. nota a 3.17.