1261 [= Tav 95,6]
Fostes-vos vós, meu amigo, d’aqui

Fostes-vos vós, meu amigo, d’aqui
sen meu mandad’e nulha ren falar
mi non quisestes; mais oj’ao entrar,
se por mesura non fosse de mí,
se vos eu vira, non mi venha ben
nunca de Deus nen d’onde m’oje ven,
ca vós fostes sen meu mandad’e sei
que mi pesava mui de coraçon;
e, meu amigo, Deus non mi perdon,
se por mesura non fosse que ei,
se vos eu [vira, non mi venha ben
nunca de Deus nen d’onde m’oje ven]
(San Salvador sabe que assi é!),
ca vos fostes mui sen o meu prazer,
e, quando m’oje veestes veer,
se por mesura non foss’, a la fe,
se vos eu [vira, non mi venha ben
nunca de Deus nen d’onde m’oje ven].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 

Manuscritos


B 1245, V 850

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 415-416 [= LPGP 634]); Fernández Graña (1994: 96); Cohen (2003: 480); Littera (2016: II, 111).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 292); Braga (1878: 160); Machado & Machado (1956: V, 359); Montero Santalha (2004); Pardo de Neyra (2005: 72-73); Celeiro Álvarez (2021: 107).

Variantes manuscritas


2 falar] falai(l) V   5 mi] mi (m) B   6 d’onde] dorede BV   8 coraçon] corazō B   10 ei] \e/y V   15 veestes] nō ve\h/estes B : nō uehestes V

 

Variantes editoriais


6 d’onde] donde Nunes   7 vós] vos Nunes, Cohen   12 d’onde] donde Nunes   18 d’onde] donde Nunes

Paráfrase


(I) Fóstesvos, meu amigo, de aquí sen o meu permiso e non quixestes falar cousa ningunha comigo, mais hoxe, ao volver, se non fose pola miña mesura, non me veña ben nunca de Deus nin de onde me vén hoxe se vos eu vise, (II) porque vos fostes sen o meu permiso e sei que me pesaba moito de corazón, e, meu amigo –Deus non me perdoe–, se non fose porque son mesurada, non me veña ben nunca de Deus nin de onde me vén hoxe se vos eu vise (III) –San Salvador sabe que é así!–, porque vos fostes contra a miña vontade e, cando me viñestes ver hoxe, se non fose por mesura, sen dúbida, non me veña ben nunca de Deus nin de onde me vén hoxe se vos eu vise.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C (= Tav 160:172)

Encontros vocálicos: 3 a·o‿entrar

Notas


Texto
  • *

    Esta composición é unha verdadeira cantiga ateúda, con ligazón sintáctico-discursiva, de tipo causal, entre as súas tres estrofas, aínda que non fose incluída na relación de ateúdas de Gonçalves (2016 [1993]: 269-270) nin tampouco fose así considerada nas precedentes edicións. Véxase nota á cantiga 15.

  • 1

    Nótese que este verso de Padrozelos é coincide co íncipit dunha cantiga de Estevan Reimondo (843.1).

  • 5

    É inusual o uso do antepretérito nunha cláusula condicional (se vos eu vira, non mi venha ben), co verbo principal en presente (de subxuntivo), feito que, en xeral, implica o emprego do futuro de subxuntivo na consecutio temporum habitual.

  • 13

    San Savaldor é o santo padroeiro dunha ermida, talvez do lugar de Valongo, na parroquia de Aguasantas (Cotobade, Pontevedra), moi preto de Perocelo (cfr. Martin de Padrozelos), próxima á igrexa de San Salvador da Lama, tamén en Pontevedra (Souto Cabo 2018: 93).

  • 15

    O sentido e a métrica indican que debe omitirse no verso non, pois a presenza do adverbio de negación implica 11 sílabas, para alén de ser contraditorio co refrán (a asañada amiga non quixo ver o amigo cando este a veu ver). Como acontece en moitos outros casos de presenza subrepticia de partículas ou elementos foneticamente reducidos, algunhas veces mesmo existe diverxencia na lección manuscrita, con presenza / ausencia de non: A vs. B (198.r1, na estrofa I).

  • 16

    A locución adverbial modal a la fe ‘certamente, en verdade, sen dúbida’ presenta a variante a la minha fe (533.15) e é similar a a bõa fe (1319.6 e 13) e a per bõa fe, a fórmula maioritaria no corpus. A la fe (230.5, 241.29, 890.11, 1008.4, 1469.19, 1499.5, 1547.1, 1619.10) mantén a forma arcaica do artigo, que ficou petrificada na locución, e que é utilizada tamén na prosa, verbi gratia, como na tradución galega da Crónica de Castilla e da Estoria de España: quando os yrmãos viu descabeçados ante sy, entdeu que assy yriã ata el, a la fe, et assi sse acabaria (Lorenzo 1975: I, 198). O seu uso chega como mínimo ao século XV, pois aínda se rexistra en Fernão Lopes: A lla fe, disserom, se nom buscaremos nós outro que rreine sobre nós, que tenha cuidado de manteer o poboo em dereito e em justiça e nom leixe as cousas que tem de fazer de sua fazenda por hir ao monte e aa caça andar um mes (Macchi 2004: 224).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado