755 [= Tav 6,5]
Ir quer’oj’eu fremosa de coraçon

Ir quer’oj’eu fremosa de coraçon,
por fazer romaria e oraçon,
a Santa Maria das Leiras, pois meu amigo i ven.
Des que s’amigo foi nunca vi prazer,
e quer’oj’ir fremosa po-lo veer
a Santa Maria das Leiras, pois [meu amigo i ven].
[E] nunca serei leda se o non vir,
e por esto fremosa quer’ora ir
a Santa Maria das Leiras, pois meu [amigo i ven].
 
 
 
 
5
 
 
 
 

Manuscritos


B 739, V 341

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 157-158 [= LPGP 89]); Cohen (2003: 228); Lorenzo Gradín (2008: 141); Littera (2016: I, 49).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 133-134); Braga (1878: 65); Machado & Machado (1953: IV, 40).
III. Antoloxías: Nunes (1959: 331); Torres (1977: 65); Jensen (1992: 8); Diogo (1998: 148).

Variantes manuscritas


3 Santa] sancta BV   4 s’amigo] sso meu amigo BV   5 fremosa] (f’mosa) / f’mosa B; veer] ueer (a scā m̃ das le) V   8 quer’ora] ancora V

Variantes editoriais


En Nunes, Cohen e Littera o refrán é biversal: a Santa Maria das Leiras, / pois (o) meu amigo i ven.

3 meu amigo] [o] meu amigo Littera   4 Des que s’amigo foi] Des que s’el d’aqui foi Nunes, Lorenzo Gradín :  Des que s’†o meu amigo† foi Cohen : Des que s[e ele] foi Littera   7 [E] nunca serei leda se o non vir] Nunca serei leda, se o [eu] non vir Nunes, Lorenzo Gradín : Nunca [eu] serei leda, se o non vir Cohen : Nunca [eu] serei leda, se o nom vir Littera   8 por] per Lorenzo Gradín

Paráfrase


(I) Eu hoxe desexo de corazón ir fermosa, por facer romaría e oración, a Santa María das Leiras, pois o meu amigo alí vén.

(II) Desde que como amigo meu se foi nunca experimentei gozo, e quero ir hoxe fermosa por velo a Santa María das Leiras, pois o meu amigo alí vén.

(III) E nunca estarei alegre se o non vir, e por isto quero agora ir fermosa a Santa María das Leiras, pois o meu amigo alí vén.

Métrica


Esquema métrico: 11a 11a 16B

Notas


Texto
  • 3

    Santa Maria das Leiras talvez se refira a un lugar na freguesía de Viariz, no concello de Baião (Portugal), de cuxo territorio era oxinario Afonso Lopez de Baian.

  • 4

    A métrica revela que moi probabelmente o meu constitúe unha adición espuria neste verso inicial da cobra, que debe ser omitida, de igual maneira que algúns elementos adventicios nos incipits dalgunhas cantigas (671.1, 800.1 etc.) ou nalgúns dos versos (véxase, por exemplo, 934.13). Talvez na orixe do erro estea o feito de o termo amigo ser adxectivo neste contexto (foise amigo: había concordia amorosa entre ambos cando el se foi), fronte á aparición moito máis habitual como substantivo. Deste modo, o acento mantense na 6ª sílaba, posición tónica sistemática en todos os versos das cobras.

  • 7

    A hipometría do verso foi sanada de forma diferente conforme as edicións. Nunes e Lorenzo Gradín optaron por acrecentar o pronome eu na segunda parte do verso (... se o [eu] non vir), mentres que Cohen recoloca a forma pronominal no primeiro hemistiquio: Nunca serei [eu] leda... Non obstante, resulta ecdoticamente menos intrusiva a restauración do hiato etimolóxico en se[e]rei ou, alternativamente, recuperar a moi frecuente copulativa inicial de estrofa, ausente en moitas ocasións no inicio de estrofa ou de fiinda. Casos semellantes documéntanse en 106.8, 151.7, 157.7, 163.11, 261.13, 293.8, 294.7 e 13, 332.7, 408.7, 447.7, 448.8, 490.19, 586.11 etc.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado