1444 [= RM 88,13 (= 125,44 = 126,12)]
Quero que julguedes, Pero Garcia

– Quero que julguedes, Pero Garcia,
d’antre min e todo-los trobadores
que de meu trobar son desdezidores:
pois que eu ei mui gran sabedoria
de trobar e d[e] o mui ben fazer,
se ei culpa no que me van dizer,
vingade-o sen toda bandoria. [...]
– Don Lo[urenço], muito me cometedes
e en trobar muito vos ar loades;
e dizen esses con que vós trobades
que de trobar nulha ren non sabedes
nen rimades nen sabedes iguar;
e, pois vos assi travan en trobar,
de vos julgar, senhor, non me coitedes.
– Don Pedro, en como vos ouç’i falar,
[o]u ja vós ben non sabedes julgar,
ou dos outros ofereçon avedes.
– Don Lourenço, vejo i vós posfaçar;
mais quen non rima nen sabe iguar,
se eu juizo dou, queixar-vos-edes.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


V 1034 (f. 167r, col. b, 167v, cols. a-b)
[Tenzón]

Edicións


I. Edicións críticas: Tavani (1964: 134-135 [= LPGP 603-604]); Lapa (1970 [1965]: 411); Blasco (1984: 279); Lopes (2002: 289); Marcenaro (2012b: 417); Littera (2016: II, 69-70).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 357-358); Braga (1878: 196); Fernández Pousa (1953: 37-38); Machado & Machado (1960: VII, 135).
III. Antoloxías: Torres (1977: 344); Tavares & Miranda (1987: 193-194); Pena (1990: 265-266).

Variantes manuscritas


1 que julguedes] que(nu) uilguedes V   2 -los] les V   3 desdezidores] des de dizores V   6 van] nam V   8 Lourenço] lo V   9 vos] uos V   12 rimades nen] runades nō V   13 vos ... travan] uos ... trauar V   14 vos julgar] uosso pulgar V   15 en ... vos ouç’i] eu ... uos onçi V   16-17 hu / uos bem nõ sabedes pulgar / ouia des outros ofereçom auedes V   20 -vos-] uos V

Variantes editoriais


3 desdezidores] desdizidores Lapa, Lopes : desd[ized]ores Blasco   7 vingade-o] juïgade-o Lapa : julgade-o Lopes, Littera; toda bandoria] toda banderia Lapa, Blasco, Marcenaro : tod’a banderia Lopes : tod’a bandoria Littera   16-17 [o]u ja vós ben non sabedes julgar, / ou dos outros ofereçon avedes] ou vós bem non sabedes julgar / ou ja dos outros of͜ereçom avedes Tavani : [o]u vós ben non sabedes juïgar, / ou já dos outros ofereçon avedes Lapa : hu vos bem non sabedes [j]ulgar, / ou ja d[o]s outros ofereçom avedes Blasco : ou vós bem nom sabedes julgar, / ou já dos outros ofereçom havedes Lapa, Littera : [o]u vos ben non [me] sabedes julgar, / ou ja dos outros ofreçon avedes Marcenaro

Paráfrase


(I) –Quero que xulguedes, Pero García, entre min e os outros trobadores que falan mal do meu trobar: xa que eu teño un gran coñecemento do que é trobar e o fago moi ben, se teño culpa naquilo de que me acusan, castigádeo sen parcialidade. [...]
(II)–Don Lourenço, moito me atacades e moito vos louvades no trobar; e eses con quen vós trobades din que non sabedes nada de trobar nin rimades nin sabedes medir (as sílabas dos versos); e xa que así vos atacan no trobar, non me forcedes, señor, a vos xulgar.
(1) –Don Pedro, pola forma en que vos ouzo falar diso, ou vós xa non sabedes xulgar ben, ou recibistes algún suborno dos outros.
(2) –Don Lourenço, véxovos dicir inxurias; mais como quen non sabe rimar nin medir os versos, se eu emito o meu xuízo, habédesvos de queixar.

Métrica


Esquema métrico: 2 x 10’a 10’b 10’b 10’a 10c 10c 10’a (= RM 161:201) + 2 x 10c 10c 10’a

Encontros vocálicos: 15 Pedro,en; 18 vejoi

Notas


Texto
  • *

    Pero Garcia debe ser Pero Garcia Burgales, como unanimemente se ten considerado nesta composición. O xograr Lourenço foi albo de críticas doutros trobadores, que o atacaron sobre todo por non se limitar á interpretación e querer ser tamén trobador, isto é, compositor. Nesta polémica participou Joan Garcia de Guilhade, trobador a cuxo servizo Lourenço exercía de intérprete (UC 1513, 1514, 1515, 1516, 1520), mais tamén outros trobadores: Joan Perez d’Avoin (UC 1420), Joan Soarez Coelho (UC 1432), Rodrig’Eanes Redondo (UC 1442), Pero Garcia Burgales (UC 1444), Joan Vaasquiz de Talaveira (UC 1445), Pedr’Amigo de Sevilha (UC 1680). Lourenço, aludido tamén na tenzón entre Soarez Coelho e Joan d’Avoin (UC 1421), non só retrucou nas tenzóns senón que mesmo utilizou unha cantiga de amigo para defender o seu dominio da arte de trobar (UC 1279).
    O grande espazo en branco despois da estrofa I (para dúas estrofas máis como mínimo) que ficou na columna a da páxina de V indica o moi probábel carácter fragmentario da tenzón, feito que xa foi sinalado por Lapa.

  • 3

    Desdezidor é formación con prefixo negativo de dizedor (938.14, 1041.9). En liña coa forma dezia(n) (en 1.12, 517.12 e 1197.24), presenta disimilación relativamente frecuente no copretérito de dizer, tal como se pode comprobar no CGPA, s.v. dezia, dezian, deziam, deziã etc. Cfr. nota a 521.3.

  • 7

    Nótese o (irónico) tratamento de Don ao xograr Lourenço, repetidamente escarnecido en múltiplas cantigas satíricas da autoría de trobadores diversos.
    O manuscrito presenta a forma bandoria, e así foi fixada na edición de Tavani; porén, Lapa e Lopes emendaron o texto para banderia; no entanto, a lección do manuscrito debe ser mantida, porque esta voz presenta diversas variantes (véxase tamén bandaria na Crónica Troiana e en documentos notariais); entre elas, bandoria, que se rexistra no Livro dos Oficios de Marco Tullio Ciceram:

    fazem cousa muyto danosa pera a cidade, de que se sseguem em ella bandorias, e en que parece que muytos teem hũus em conta dhomẽes de poboo, e outros em conta de ssabedores e homẽes estremados (Piel 1948: 52).

  • 8

    O nome do xograr comparece no manuscrito como <lo>, cun <o> que ten unha prolongación en vertical na parte superior dereita semellante á da grafía <e> en posición final. Talvez remita a unha abreviatura do tipo <lō> para Lourenço.

  • 12

    O verbo iguar (de *aequalare, ou derivado de igual) presenta nunha cantiga de D. Denis o valor de ‘igualarse, pórse ao mesmo nivel’ (véxase 570.7). Con todo, o seu uso xeral nas cantigas é co sentido de ‘igualar metricamente, medir correctamente as sílabas métricas e/ou respectar o esquema métrico-estrófico’ (véxase Cohen 2010a), e así é utilizado tamén noutras dúas tenzóns con Lourenço (cantigas 1432 e 1445).

  • 16-17

    Achamos que o problema de heterometría que afecta a estes dous versos procede do deslocamento do adverbio ja, copiado por erro no v. 18. Deste modo, evítanse os problemas de medida, que os diversos editores tentaron resolver por medio da forma juïgar (Lapa), ofreçon (Marcenaro) etc. Similares deslocamentos de un elemento (como e, i ou ja) para o verso contiguo poden verse en 67.19-20, 337.7-8, 1366.12-13, 1437.7-8 ou 1462.11-12.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado