1430 [= RM 132,1 (= 152,7)]
Pero Martiiz, ora, por caridade

– Pero Martiiz, ora, por caridade,
vós, que vos teedes por sabedor,
dizede-mi quen é comendador
eno Espital, ora da escassidade,
ou na fraqueza, ou quen no forniz,
ou quen en quanto mal se faz e diz;
se o sabedes, dizede verdade.
– Pois, Don Vaasc’, un pouco m’ascoitade:
os que mal fazen e dizen son mil:
eno forniz é[ste] Don Roi Gil,
e Roi Martiiz é na falsidade,
e ena escasseza é o seu priol;
non vos pod’om’esto partir melhor:
se máis quise[r]des, por máis preguntade.
– Pero Martiiz, mui ben respondestes,
pero sabia-m’eu esto per min,
ca todos tres eran senhores i
das comendas (comendadores estes!),
e partistes-mi-o tan ben que m’é mal;
mais ar quer’ora de vós saber al:
que mi digades de quen o aprendestes.
– Vós, Don Vaasc’, ora me cometestes
d’outros preitos; des i, ar dig’assi:
non mi deu algo, pero lho pedi,
o priol; e fodi, e vós fodestes
con Roi Gil; e meus preitos talhei
con Frei Rodrig’e mentiu-mi-os, e sei
per aquest’a sa fazenda daquestes.
– Pero Martiiz, respondestes tan ben
en tod’esto que fostes i con sén
e trobador, e cuid’eu que leestes.
– Vós, Don Vaasco, tod’esso m’é ben:
ei sis’e sei trobar e leo ben;
mais que tardi que mi-o vós entendestes!
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 
 
 
 

Manoscritti


V 1020 (f. 164v, cols. a-b)
[Tenzón]

Edizioni


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 618-619 [= LPGP 957-958]); Piccat (1995: 279-280); Lopes (2002: 456-457); González Martínez (2012e: 196-197); Littera (2016: II, 510-511); Arias Freixedo (2017: 376-377).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 352); Braga (1878: 193); Michaëlis (2004 [1896-1905]: 130-131); Machado & Machado (1960: VII, 115-116); Callón (2017: II, 113-114)
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 204-205); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 240-241); Diogo (1998: 122-123); Arias Freixedo (2003: 856-858).

Varianti manoscritte


1 Martiiz] martuz V   5 fraqueza] franqueza V   9 mil] mal V   15 respondestes] respondedes V   19 partistes] par ustes V   23 preitos] p̄ytus V   26 Gil ... preitos] gal ... p̄ytus V   30 fostes] foystes V

Varianti editoriali


1 Martiiz] Martiinz Piccat : Martĩiz Lopes   2 vos teedes] vus tẽedes Piccat   10 forniz é[ste]] forníz[io] é Lapa, González Martínez : forniz e(stá) Piccat   11 Martiiz] Martiinz Piccat : Martĩiz Lopes : Martiins Littera; é na] ena Lapa, Littera : en’a Lopes   12 priol] prior González Martínez, Arias Freixedo   13 vos pod’om’esto] vus pod’om esto Piccat   15 Martiiz] Martiinz Piccat : Martĩiz Lopes : Martiins Littera   16 min] mi González Martínez   17 todos] todus Piccat   21 quen o] quen no Lapa   22 Vaasc’, ora] Vaasco, ja Lapa   23 preitos] preytus Piccat   26 preitos] preytus Piccat   27 mi-os] mi-hus Piccat   29 Martiiz] Martiinz Piccat : Martĩiz Lopes : Martiins Littera   30 fostes] foystes Piccat   32 Vós] [De] vós Lapa, Lopes, Littera   34 tardi] tard’i Piccat; mi-o] o Lapa

Parafrasi


(I) –Pero Martiiz, por caridade, vós que vos tendes por coñecedor, dicídeme agora quen é o comendador na orde do Hospital, da avareza, ou da covardía ou do fornicio, ou quen en calquera dos males que se poden facer ou dicir. Se o sabedes, dicide a verdade.
(II) –Don Vaasco, pois escoitádeme un pouco: os que fan mal e falan mal son mil: no fornicio é don Ruí Gil, e Ruí Martiiz na falsidade, e na escaseza éo o seu prior. Non vos pode ninguén aclarar isto mellor, e, se queredes saber máis, preguntádeme.
(III) –Pero Martiiz, moi ben respondestes, aínda que iso xa o sabía por min, que eses tres eran alí os señores desas encomendas –vaia comendadores! E explicástesmo tan ben que me dá mágoa, mais agora quero saber outra cousa: que me digades por quen o soubestes.
(IV) –Vós, don Vaasco, desafiádesme agora con outras cuestións complicadas; a iso respóndovos así: o prior non me deu nada, aínda que llo pedín, e fodín e vós tamén fodestes con Roí Gil, e cheguei a certos tratos con frei Rodrigo e el incumpriunos, por isto coñezo eu os asuntos destes.
(1) –Pero Martiiz, respondestes tan ben en todo isto que fostes moi asisado e trobador, e penso que sodes home que tendes estudos.
(2) –Agrádame escoitar todo iso de vós, don Vaasco: teño moito siso e sei trobar e ler ben, mais que tarde mo notastes vós!

Metrica


Esquema métrico: 4 x 10’a 10b 10b 10’a 10c 10c 10’a (= RM 161:177) + 2 x 10d 10d 10’a

Encontros vocálicos: 1 Mar·ti͜iz; 4 enoEspital, daescassidade; 10 Ro·i; 11 Ro·i Mar·ti͜iz; 12 enaescassezaé, pri·ol; 19 -mi͜-o; 21 oaprendestes; 25 pri·ol; 26 Ro·i; 27 -mi͜-os; 29 Mar·ti͜iz; 34 mi͜-o

Note


Testo
  • *

    Pero Martiiz só comparece nas cantigas como co-autor da tenzón con Vaasco Gil, trobador que moi posibelmente mantivo contactos coa Orde do Hospital e foi partidario de Sancho II, feito que provocou o seu posterior exilio. A composición talvez “encerre uma crítica política velada dedicada aos dirigentes portugueses do Hospital, agachada nessa censura de atitudes contrárias à moral e à vida regrada da Ordem” (cfr. González Martínez 2014b: 179). Véxase a análise sobre esta cantiga, desde a perspectiva das criticas á Orde do Hospital, ofrecida en Neto (2012: 28-34).

  • 3-6

    Estes versos tamén poderían ser formulados cunha modulación interrogativa directa, tal como González Martínez presenta na súa edición.

  • 4

    O Espital alude á Orde do Hospital, unha orde inicialmente beneditina fundada no Reino de Xerusalén no século XI, durante as Cruzadas, que se converteu axiña nunha orde militar cristiá para protección dos peregrinos en Ultramar e para o exercicio da caridade (véxase Costa 2000, para o reino de Portugal, e García Tato 2004, para a Orde de San Xoán no reino de Galiza).
    Talvez é a rima o elemento que condiciona o aparecemento de escassidade ‘avareza, mesquiñez’, termo que non conseguimos documentar en ningún texto antigo. Por outra parte, é sinónimo de escasseza (véxase UC/Glosario, s.v.), forma ben rara tamén na documentación galego-portuguesa, pois no Corpus Galego-Portugués Antigo só achamos rexistros en dúas obras; no Livro das Tres Virtudes: A insinança das Damas (ed. Crispim): 

    E sse guardara que o viçio de catiuidade e de maa escasseza nom seja uisto em ella E menos o de ssandia franqueza.

    No Leal Conselheiro (ed. J. Piel) comparece coa forma escacesa:

    Segunda, que ataa onde abranger nossa discreçom, com boo consselho e avysamento das pessoas a que perteece em cada hũũ feito nunca leixemos com sandice, priguyça, es[c]acesa e seguymento de voontade nossos feitos a fortuna (...) Per a sseptima com muy special ajuda do senhor averemos aquella perfeita fortelleza, per que se contradiz toda cousa aa virtude contraira, e sem medo, priguiça, escacesa ou fraqueza as virtudes se requerem e possuem.

  • 5

    No contexto, a franqueza (‘liberalidade’), nun contexto en que se están a enumerar vicios ou males, non ten sentido. É por isto que tradicionalmente en todas as edicións se emenda a lección manuscrita para fraqueza ‘covardía’. Neste sentido, lémbrese como no Leal Conselheiro a fraqueza comparece con outros defectos, como a priguiça e, significativamente, coa escasseza:

    Per a sseptima com muy special ajuda do senhor averemos aquella perfeita fortelleza, per que se contradiz toda cousa aa virtude contraira, e sem medo, priguiçaescacesa ou fraqueza as virtudes se requerem e possuem (CGPA, ed. J. Piel).

  • 10

    Lapa e González Martínez optaron por estabelecer a forma forniz[io] a partir da mancanza de unha sílaba no verso. Porén, esta forma entra na lingua na segunda metade do século XIV (véxase CGPA, s.v.), como delata a súa estrutura fonética que, no caso de ser utilizada na cantiga, podería computar mesmo como cuadrisilábico. É por isto que respectamos a forma forniz de V, pois a súa lexitimidade textual está asegurada por ser palabra rimante no v. 5. Embora o seu carácter de hapax, responde perfectamente á base latina de onde derivaría o tardío fornizio: o lat. tard. fornicium foi creado a partir de fornix,-icis ‘bordel, lupanar’, cuxa forma acusativa fornīcem ben podería ser a orixe de forniz. A partir de aquí, restauramos a isometría verbal coa variante éste da P3 de presente de indicativo de seer.

    Roi Gil, freire da Orde do Hospital, foi o seu prior por volta de 1233-1243. Foi o segundo prior de Leça, sucesor de Meen Gonçalves (véxase Projeto Littera, s.v. Rui Gil; Marcenaro & González 2024: s.v. Roi Gil). Como recolle González, seguindo Resende de Oliveira, a cronoxía indica a datación da cantiga, pois “[n]o texto, não se apresenta como prior, o que poderia estar a apontar para uma data anterior a esse período”, nos inicios, por tanto, da década de trinta; mais tamén podería ser posterior, a mediados de século, após Rodrigo Gil ser prior, cunha crítica subxacente á posición da Orde do Hospital con relación á guerra civil de 1245-1247 (2014b: 169). Véxase tamén Neto (2012: 31).

  • 11

    Roi Martiiz (frei Rodrigo no v. 27), como se indica no Projeto Littera (s.v. Rui Martins) debe de ser o comendador de Távora que comparece como testemuña en dous documentos da corte de Afonso III en 1250-1251. Véxase tamén Marcenaro & González (2024: s.v. Frei Rodrigo), e Neto (2012: 31).

  • 12

    Conforme indica o Projeto Littera, o priol (tamén aludido no v. 25) podería ser Afonso Perez Farinha, «documentado como prior dos Hospitalários apenas de 1260 a 1276, mas já documentado na Ordem em 1244, exatamente ao lado de D. Rodrigo Gil».

  • 12-13

    Algúns editores emendan a forma priol, confirmada no v. 25, para conseguir unha rima “perfecta” con melhor a pesar de ser unha forma ben representada nos textos medievais (máis de medio centenar de ocorrencias no CGPA). Non obstante, trátase dunha nivelación /l/:/ɾ/ na rima priol melhor, en liña con moitas outras ocorrencias desta equivalencia. Véxase 104.34-35 (al : alongar), 144.1-6 (amar : al), 541.2-3 (amor : frol), 971.17-21 (souber : segrel), 975.12-21 (amar : dar : al : val), 1202.9-10 (atal : guaanhar), 1207.1-2 (bailar : brial), 1207.11-12 (brial : pesar), 1207.16-27 (vestir : min), 1292.r1-r3 (Soveral : estar : Soveral), 1356.1-2 (Natal : dar), 1359.2-6 (cantar : mal : brial), 1369.2-8 (Soveral : atal : falar : Corral), 1379.8-10 (mal : Albar- : tal), 1495.6-7 (segrel : molher), 1507.13-17 (dar : ferrar : lamaçal : ar), 1515.1-7 (rascar : pesar : Juncal), 1519.8-14 (maenfestar : mal : maenfestar), 1519.15-24 (falar : cuidar : falar : val), 1533.15-18 (disser : segrel), 1534.7-12 (segrel : quiser), 1616.2-4 (Elvas : ervas), 1617.8-12 (cervas : Elvas : relvas), 1617.32-36 (ervas : Elvas : relvas), 1659.12-13 (taful : algur), 1664.9-11 (segrel : mester). Cfr. notas a 206.4-6, 383.19-20, 427.5-6, 453.5-6, 698.5-6 e 877.1-7.

  • 18

    Viterbo precisa o concepto de comendador en diversas pasaxes: “Ao provedor, director ou curador dos hospitais, que alguns mosteiros e corporações eclesiásticas, antigamente, conservavam junto a si com particulares bens e rendas separadas, se deu o nome de comendador, porque se lhe encomendavam, não para os destruir mas sim para que, tirada a sua côngrua e honesta sustentação, tudo o mais se despendesse em as necessidades dos enfermos, pobres e necessitados”. Isto é, un comendador era o “[f]eitor ou procurador de um mosteiro de religiosas ou qualquer outra corporação, cujos bens e rendas lhes estão cometidos para o melhoramento e cobrança” (cfr. Viterbo 1966: s.v. comendador).
    A posposición ao substantivo dos determinantes demostrativos, indefinidos etc. que se rexistra en comendadores estes é rara na lingua antiga (e moderna); no corpus trobadoresco aparece o indefinido outro invertido en conselh’outro (138.31, 241.9), afan outro (353.12), mal outro (379.10) e rostr’outr(o) (715.10). Na produción prosística medieval tamén se achan esporadicamente posposicións iguais ou similares:

    et com̃o gaanara a nobre çidade de Ualença et outros castelos muytos; et durou bẽ quatro ãnos que fezo cantar missas muytas (...) Et estaua y Abiabis cõ duzentos caualeyros et outra gente muyta (Crónica Geral Galega; Lorenzo 1975: I, 642 e 740).

    et fez ella os panos menores ante queos omẽ do mũdo fezesse nẽ outro algũ (Geral Estoria; Martínez López 1963: 159).

    Ca sabede, (...), que el rrey Príamos auj́a trijnta et tres fillos outros (Crónica Troiana; Lorenzo 1985: 230).

    havia dous irmãos outros (...) e era compadre d’el rei d’Aragom e seu amigo muito (...) E teve outras terras muitas (Livro de Linhagens do Conde D. Pedro; Mattoso 1980: II/1, 81, 151, 163).

    Outros algũus er diziam que, (...), que elles receberõ ella e seu filho por senhores de Castella (Crónica Geral de Espanha de 1344; Cintra 1990: IV, 364).

    e foi assi que lhe deu elRei Alva de Tormes, e Reall de Maçanalles, e logares outros; passariam de trezemtas lamças afora homeẽs de pee e beesteiros poucos (Crónica de D. João I; Fernão Lopes 1994: I, 106 e 300).

    com quatro Reis outros (Crónica de D. Afonso Henriques; Duarte Galvão 1995: 49).

    não pode ser entrar nella pessoa outra alguã, que não pode entrar no mosteiro (doc. 1583; Gomes 1998: 448).

    Non obstante, a posposición do demostrativo só comparece moi raramente nos textos: 

    Este dom Peero Home foi casado com dona Moor Martĩiz, filha de Martim Lourenço d[e] Vrufe, e houve filhos estes, convem a saber: ... (Mattoso 1980: II/1, 383).

  • 21

    A sinalefa o‿aprendestes é similar a outras sinalefas entre o pronome o e diversos elementos (verbos, nomes etc.) que existen no corpus: o‿ouvestes (8.17), o‿Ele (67.19), o‿ei (291.19, 1571.3), o‿er (498.10), o‿eu (983.24 e 25, 1215.2), o‿en (1433.20), o‿oistes (1531.17), o‿ome (1613.12). Cfr. nota a 56.10.

  • 23-26

    É relativamente frecuente no Cancioneiro da Vaticana a presenza da terminación -us en voces en que é xeral a terminación -os (<preytus>, vv. 23, 26); na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

  • 25

    O verbo foder (do lat. futuere), voz escatolóxica, tal como outros termos pertencentes ao ámbito sexual (caralho, cono, peer etc.) non parece ter abandonado o ámbito da oralidade para o texto escrito, agás nas cantigas satíricas, única produción en que o achamos. Non obstante, o verbo foder é a voz deste ámbito máis representada nos escarnios, con máis de 100 rexistros (incluídos os participios e formas substantivadas e excluíndo outras formas derivadas) pertencentes a 17 autores, en 31 cantigas: Afons’Eanes do Coton (UC 1589, 1591, 1598), Afonso X (UC 491), Airas Perez Vuitoron (UC 1495), A. Gomez (UC 877), Estevan da Guarda (UC 1334, 1335), Fernand’Esquio (UC 1614), Joan Garcia de Guilhade (UC 1508, 1509, 1510, 1511), Joan Servando (UC 1440), Joan Soarez Coelho (UC 1419, 1422, 1426, 1427, 1435), Joan Vaasquiz de Talaveira (UC 1567), Martin Moxa (UC 919), Martin Soarez (UC 1376, 1386), Meen Rodriguez de Briteiros (UC 1347), Pero da Ponte (UC 1638, 1651, 1659), Pero Garcia Burgales (UC 1394, 1395), Pero Martiiz (UC 1430), Vaasco Perez Pardal (UC 1525).
    Alén da lírica profana é certamente extraordinaria a aparición do verbo noutro tipo de textos. É significativo que tamén se rexistre nunha composición escarniña do Cancioneiro Geral de Garcia de Resende (Dias 2003: VI, s.v. foder):

    diz que tu,
    quando naceo Barzabu,
    eras ja diabo feito.
    E que jaa entam fodias
    e ias contr’òs inimigos.

    En textos alleos á poesía, só atestamos o verbo nunha pasaxe de Fernão Lopes na Crónica de D. Fernando que debe recoller un proverbio: e dizam-lhe alguus que juras de foder nom eram pera creer (cfr. CdP, s.v.).

  • 26

    O erro <mal>/<mil> en V ten máis ocorrencias no Cancioneiro: 571.10, 964.20.
    Talhar preito (tamén nos vv. 5, 7 e 10), expresión frecuente na voz da amiga, é ‘marcar un encontro, concertar unha cita’ (véxase 606.2, 5, 7 e 10; 1200.1; 1402.7).

  • 27

    Frei Rodrigo é Rui Martiiz, o Comendador de Távora (véxase nota ao v. 11).
    O verbo mentir ‘enganar, incumprir, dicir con mentira’, que habitualmente rexe dativo e se constrúe coa preposición a, ten neste caso un uso transitivo, confirmando que a transitividade é un concepto graduábel e variábel. Porén, é un uso ben escaso no corpus, pois só achamos outras dúas ocorrencias: 

    a quen poser preito mentir-lho-ei (336.6); 

    Boa senhor, o que me foi miscrar
    vosco por certo soube-vos mentir
    que outra dona punhei de servir (938.2).

  • 32-33

    Nótese a aparente repetición da palabra rimante: ben (subst.) + ben (adv.). Cfr. nota a 14.48-50.

  • 34

    A vogal final -i de tardi (tamén en 1008.16, 1115.17, 1399.19), a convivir con tarde (só en 573.3 e 1115.3), tamén aparece nos adverbios longi (véxase nota a 33.6) e eiri (véxase nota a 114.9), talvez por influencia deste (Mariño Paz 2009: 83). Nos nomes só se rexistra sangui (véxase nota a 1410.17).

Cerca
    Nessun risultato trovato