(I) –Pero Martiiz, por caridade, vós que vos tendes por coñecedor, dicídeme agora quen é o comendador na orde do Hospital, da avareza, ou da covardía ou do fornicio, ou quen en calquera dos males que se poden facer ou dicir. Se o sabedes, dicide a verdade.
(II) –Don Vaasco, pois escoitádeme un pouco: os que fan mal e falan mal son mil: no fornicio é don Ruí Gil, e Ruí Martiiz na falsidade, e na escaseza éo o seu prior. Non vos pode ninguén aclarar isto mellor, e, se queredes saber máis, preguntádeme.
(III) –Pero Martiiz, moi ben respondestes, aínda que iso xa o sabía por min, que eses tres eran alí os señores desas encomendas –vaia comendadores! E explicástesmo tan ben que me dá mágoa, mais agora quero saber outra cousa: que me digades por quen o soubestes.
(IV) –Vós, don Vaasco, desafiádesme agora con outras cuestións complicadas; a iso respóndovos así: o prior non me deu nada, aínda que llo pedín, e fodín e vós tamén fodestes con Roí Gil, e cheguei a certos tratos con frei Rodrigo e el incumpriunos, por isto coñezo eu os asuntos destes.
(1) –Pero Martiiz, respondestes tan ben en todo isto que fostes moi asisado e trobador, e penso que sodes home que tendes estudos.
(2) –Agrádame escoitar todo iso de vós, don Vaasco: teño moito siso e sei trobar e ler ben, mais que tarde mo notastes vós!