I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 354 [= LPGP 532-533]); Lopes (2002: 244); Littera (2016: I, 617-618); Correia (2021: 39).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 350); Braga (1878: 192); Machado & Machado (1960: VII, 110); Callón (2017: II, 111).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 48).
8 jogan] iogaron V 13 ten] rē V
5 i] [l]hi Lapa, Lopes, Littera; devedes a gradecer] devedes agradecer Lopes, Littera 6 boos] bõos Littera 7 maos] maus Correia; ben vós] vós bem Lopes 8 jogan] jogaron Correia 10 [e] en ... toda molher] [e] em ... tod’a molher Lopes, Littera : en ... toda molher Correia 17 [bon]] om. Correia
(I) Don Estevan, e non lle agradecedes a elegancia que Noso Señor vos deu e como fai que agradedes aos que vos ven, que vós non vedes! E nesa circunstancia outra cousa debedes agradecer: como vos fai caer entre os bos e entre os maos, que ben caedes vós!
(II) E cando vos din unha brincadeira ou a dicides vós, moi ben caedes en calquera destas ocasións, e tamén ao falardes con calquera muller caedes moi ben e onde queira que falades, e ante o rei caedes moi ben: polo menos nunca tan pouca comida ten que vós non teñades a vosa parte.
(III) E xa que o rei está tan satisfeito de vós que vos concede o seu beneficio e o seu favor, convenvos moito terdes bo nome e non ser home descortés, pois, xa que tendes que vivir na corte, nunca debedes afastar de vós alguén que vos acompañe.
Esquema métrico: 3 x 10’a 10b 10b 10’a 10c 10c 10’a (= RM 161:152)
Don Estevan ou Don Estevão (nesta cantiga citado no v. 1) é un personaxe escarnecido por catro trobadores: Roi Queimado (UC 1405, 1407), Joan Soarez Coelho (UC 1424, 1425), Meen Rodriguiz Tenoiro (UC 1492, 1493)1
e Airas Perez Vuitoron (UC 1494, 1498). Foi Ângela Correia quen propuxo a hipótese de que este nome encobre a figura do arcediago Joan Viegas de Portocarreiro, elixido arcebispo de Braga en 1244 por influencia de Sancho II, para conseguir fidelidades que precisaba pola situación problemática do final do seu reinado, mais que acabará atraizoándoo2
.
Probabelmente a orixe do ciclo das oito cantigas compostas arredor de Don Estevan se deba a Soarez Coelho, que coa cantiga Atal vej’eu aqui ama chamada xa experimentara unha substitución antroponímica similar, co nome ama para designar Urraca Goterrez Moucha, da familia dos Meneses (véxase UC 274). No ciclo de D. Estevan, esta ‘máscara’ procedería, segundo Correia, do nome de D. Estevan Soarez, o antigo e prestixiado arcebispo de Braga, cuxas altas virtudes como diplomático e figura principal do reino contrastaban grandemente coas de Joan Viegas. Deste modo, a sátira contra este alcanza tamén a figura do monarca portugués, Sancho II, axiña substituído por seu irmán D. Afonso III (en 1247).
Conforme interpreta Ângela Correia, a sátira nesta cantiga incide no «acolhimento por Sancho II no seu círculo próximo de quem não o merece». A estudosa portuguesa, tendo en conta o perfil deseñado na composición e a datación que propón («período anterior ao final de 1245», talvez 1244) apunta para que este texto supoña unha reacción á elección, por influencia do rei Sancho II, de D. Joan Viegas de Portocarreiro como bispo de Braga, en 1244 (véxase Correia 2021: 51).
A interpretación do carácter e función de que neste verso é problemática, pois permitiría diferentes lecturas do período (exclamativo, interrogativo ou enunciativo). Neste caso, optamos por o considerar pronome exclamativo.
O verbo veer, tal como acontece noutros textos arredor da figura de D. Estevan, ten tamén o sentido de ‘entender, comprender’.
Por máis que sexa posíbel un erro de copia nunha secuencia al lhi, non é imprescindíbel a emenda que converte i (<hi>) en lhi, corrección que se encontra en diversos editores ao longo do corpus, sempre despois de vocábulo acabado en -l (véxase 212.5, Michaëlis e Spampinato Beretta; 1051.r1, Rodríguez).
Tal como indica Correia, caer é un termo-chave na composición, pois «é repetido cinco vezes entre os dois últimos versos da primeira estrofe e o quinto verso da segunda estrofe (...). Por três vezes, a forma verbal é “caedes” e é precedida do advérbio “ben” (“ben caedes”). Neste contexto, o sentido é negativo: indica falhas inadvertidas, pelo menos no protocolo, quedas inconscientes no ridículo social e mal recebidas. Por uma vez, a forma verbal “caedes” é seguida do mesmo advérbio “ben” (“caedes ben”) e, neste caso, o sentido positivo é esclarecido abundantemente na sequência da ocorrência. Significa “agradar” e “ser beneficiado”» (cfr. Correia 2021: 49).
Téñase en conta que jogar na pasaxe parece significar ‘escarnecer brincando, dicir por brincadeira’. Correia matiza a significación deste verbo na cantiga, onde «[s]ignifica o jogo social que envolve palavras, mas não só; também a atitude conducente à boa disposição e ao riso, usado em contextos político-sociais delicados, para censurar ou acusar sem melindrar, muito exigente de habilidade» (cfr. Correia 2021: 49).
O indefinido qualquer permite no período medieval e na lingua trobadoresca a interpolación dun elemento entre as dúas compoñentes do pronome (en qual destas quer), a semellanza do que acontece con senon, que, con máis frecuencia aínda, presenta interpolacións.
A reintegración da conxunción e no inicio do verso está sustentado pola moi frecuente omisión da copulativa nesta posición, como mostran os abondosos casos en que algún dos manuscritos ofrece a lección correcta: A vs. B (65.29, 117.12, 165.10, 174.12 etc.), B vs. V (424.14, 1195.16 etc.), V vs. B (403.6, 1614.20 etc.). E noutros casos, a métrica e/ou o sentido indica a necesidade da recuperación da copulativa (véxase 6.14, 60.27, 103.18, 110.3 e 17, 230.5, 271.5 etc.). Cfr. nota a 42.15 e 274.19.
O provenzalismo manjar era moi frecuente na Idade Media (cfr. CGPA, s.v.). Véxase García-Sabell Tormo 1990: s.v. manjar.
O participio desensinado supón unha formación lexical romance (< des- + ensinar), que se manifesta tamén no substantivo desensinança, que só aparece no Tratado de Alveitaria:
Aven aas vezes, por desensinança do alveiter, que a encravadura non é ben descuberta nen pensada asi como deve (Pérez Barcala 2013: 201).
No entanto, para Ângela Correia, desensinado nesta composición indicaría “sen sinas ou sinais” que indicaban a pertenza a unha liñaxe determinada (véxase Correia 2011: 47-49).
Estas cantigas (UC 1492 e 1493) tamén foron atribuídas a Airas Perez Vuitoron.
Esta identificación é considerada como “demasiado especulativa” no Projeto Littera (consult.: 21-1-2026), que propón outras cinco posibilidades alternativas na nota ao v. 1 da cantiga.