1417 [= RM 60,5]
Maestre, todo-los vossos cantares

Maestre, todo-los vossos cantares
ja-que filhan sempre d’ũa razon
e outrossi ar filhan a mí son,
e non seguides [vós] outros milhares,
senon aquestes de Cornoalha;
mais este[s] seguides ben, sen falha,
e non vi trobador per tantos logares.
D’amor e d’escarnh’en todas razões
os seguides sempre (ben provado,
eu o sei), que avedes filhado,
ca, se ar seguissedes outros sões,
non trobariades peior por én;
pero seguides vós os nossos ben
e ja ogan’i fezestes tenções
en razon d’un escarnho que filhastes,
e non [o] metestes ascondudo,
ca ja-que era de Pedr’Agudo
essa razon en que vós i trobastes;
mais assi a soubestes vós deitar
antr’ũas rimas e entravincar,
que toda vó-la na vossa tornastes.
Por maestria soubestes saber
da razon alhẽa vossa fazer
e seguir sões, a que vós deitastes.
E gran careza fezestes de pran;
mais-los trobadores travar-vos-an
ja-que nos tempos, que ben non gardastes.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 

Manuscritos


V 1007 (ff. 161v, col. b, 162r, col. a)
[Cantiga de Escarnio e mal dizer]

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 273-274); D’Heur (1976: 186-187); Hernández Serna (1978: 219-220); Lopes (2002: 178-179); Víñez Sánchez (2004: 256 [= LPGP 362-363]); Littera (2016: I, 421).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 346-347); Braga (1878: 190); Machado & Machado (1960: VII, 99-100); Hernández Serna (1975: 153).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 308); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 120); Marcenaro (2006: 168-170).

Variantes manuscritas


1 -los] lus V   4 seguides ... milhares] seguades ... molhares V   13 os nossos ben] os uossus mui bē V   17 Agudo] agado V   20 e] ē V   26 -los trobadores] lus troba(s)dores V   27 tempos] tēpus V

Variantes editoriais


1 todo-los] todolus D’Heur : todo'lus Víñez Sánchez   2 d’ũa razon] de mia razon LapaHernández Serna : d’um a razom Lopes, Littera   4 seguides [vós] outros] seguides [i] outros] Lapa, Lopes, Littera : seguides [i], ontre Hernández Serna : seguides outros Víñez Sánchez   7 e non vi trobador] e non trobades Lapa : non vi trobador D’Heur : e, ai trobador Lopes, Littera   8 razões] razoes Hernández Serna   9-10 os seguides sempre (ben provado, / eu o sei), que avedes filhado] os seguides sempre; ben provado / eu o sei que avedes filhado LapaHernández Serna : os seguides sempr’, é bem provado; / eu o sey que avedes filhado D’Heur : os seguides sempre; [e] bem provado / eu o sei que os havedes filhado Lopes, Littera   11 sões] soes Hernández Serna   13 os nossos] os nossus D’HeurVíñez Sánchez   14 tenções] tençoes Hernández Serna   16 non [o] metestes] nõn’[o] metestes Lopes : non [no-lo] metestes Littera   17 Pedr’Agudo] Pedr[o] Agudo Littera   23 alhẽa] alhea Lopes, Littera   24 sões] soes Hernández Serna; vós] vos Lapa, D’Heur, Lopes   25 careza] sajeza LapaHernández Serna   26 los] lus D’Heur, Víñez Sánchez; travar-vos-an] trobar-vos-an Hernández Serna   27 tempos] tempus D’Heur, Víñez Sánchez; gardastes] guardastes Lapa, D’Heur, Hernández SernaLopes, Víñez Sánchez, Littera

Paráfrase


(I) Mestre, todos os vosos cantares sempre collen algo dalgún argumento alleo e, ademais, tamén me collen a min a melodía, e non imitades outros millares, senón estes da materia de Cornoalha; mais estes imitádelos moi ben, certamente, e non vin outro trobador andar por tantos lugares.
(II) De amor e de escarnio en todos os temas os imitades sempre –seino eu, con boas probas–, que os collestes alleos, porque, se tamén seguísedes outras melodías, non trobariades peor por iso; mais imitades os nosos moi ben e xa este ano fixestes aquí tenzóns (III) sobre o tema dun escarnio que copiastes e non o metestes escondido, pois ese motivo sobre o que aí trobastes era algo de Pedr’Agudo; mais de tal forma o soubestes vós colocar entre unhas rimas e entrelazar, que vós o tornastes todo voso.
(1) Con mestría soubestes saber facer voso o motivo alleo e imitar melodías a que vós vos botastes.
(2) E gran esforzo fixestes, certamente; mais os trobadores han de vos criticar algo polos tempos musicais, que non concordastes ben.

Métrica


Esquema métrico: 10’a 10b 10b 10’a 9’c 9’c 10’a (I [= RM 161:213]) + 10’a 9’b 9’b 10’a 10c 10c 10’a (II-III [= RM 161:216]) + 10d 10d 10’a + 10e 1oe 10’a

Encontros vocálicos: 6-7 falha/e

Notas


Texto
  • *

    Esta composición, xunto coas cantigas UC 1410-1416 está atinxida pola rúbrica abranxente colocada no inicio da cantiga UC 1410 (Estas cantigas son d’escarnh’e de mal dizer e feze-as Gonçal’Eanes do Vinhal). Ao mesmo tempo, o conxunto formado por esta cantiga e mais UC 1651, 1658 e 1680 constitúe un microciclo por volta de Pedr’Agudo e/ou Pedro Bodinho (Ventura 2000: 1.783).
    A estrutura métrica da composición resulta un pouco vacilante, mais o esquema xeral mostra que en cada estrofa hai dous versos eneasilábicos (I, vv. 5-6; II-III, vv. 2-3), que conviven cos decasílabos, agudos e graves, da cantiga.
    Este sirventés literario constitúe un testemuño sobre a práctica do seguir entre os trobadores (nótese a reiteración e filhar e seguir ao longo da cantiga). Conforme a interpretación de Déborah González, «Gonçal’Eanes do Vinhal podería estar a denunciar (...) a falta de respecto ás regras poéticas por parte do “maestre”, que se reflictiría na dependencia que este ten de filhar elementos das cantigas doutros e no seu particular modo de seguir textos e melodías sen sometelos a unha necesaria reelaboración artística» (2012e: 220).

  • 1

    A grafía -us de V (<lus>, vv. 1, 26; <uossus>, v. 13; <tēpus>, v. 27) aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.

  • 2

    A aglutinación de ja e que xerou o pronome indefinido ja-que ‘algo’ (cfr. ja-quanto, véxase nota a 347.9), que ten certo uso na lingua trobadoresca (33.14, 56.25, 266.16, 347.14, 380.23, 603.7, 1021.20, 1675.3). Cfr. notas a 1012.18 e 1419.32.

  • 4

    Tal como indica D’Heur, cómpre a reintegración dunha sílaba no verso, que ben podería ser o pronome tónico vós, que moi frecuentemente vai a seguir dunha forma verbal P5. Téñase en conta, aliás, que deste xeito o pronome aparece case simetricamente colocado nas tres estrofas (vv. 4, 13, 18).

  • 5

    Esta alusión aos cantares de Cornoalha constitúe máis outro indicio da difusión da literatura artúrica no ámbito galego-portugués, pois ao longo das cantigas aparecen diversas alusións a personaxes relacionados coa Materia de Bretanha, sen dúbida moi divulgada nos séculos XIII e XIV. Para alén destes cantares de Cornoalha, a carón de Merlin, citado por Estevan da Guarda (UC 1341) achamos figuras como Brancafrol e Flores (UC 503, Don Denis; UC 772 Joan Garcia de Guilhade), Tristan e Iseu (UC 464, Afonso X; UC 530, Don Denis) ou Arec e Enida (UC 294, Rodrig'Eanes Redondo).
    De todos os xeitos, non é de excluír que exista un sarcástico xogo con corno(s), pois, como suxire Carolina Michaëlis, “[p]ela referencia a Pedro Agudo presumo que ha allusão ao sentido derivado, figurativo, do termo Cornoalha” (Michaëlis de Vasconcelos 1904: II, 510, n. 3).

  • 7

    De novo se produce unha episinalefa coa conxunción copulativa e (falha,/‿e), que permite a contaxe decasilábica do verso e evita a expunción da copulativa inicial.

  • 9

    A frase parentética ben provado ( ‘con certeza, sen ningunha dúbida’) ten o verbo elíptico, tal como acontece en 1424.5, nunha cantiga de Joan Soarez Coelho: mais en Coimbra caeu (ben provado). O seu ton formulario pode verse tamén na variante est’é provado que se rexistra en 1467.4. Porén, na presente cantiga a puntuación das anteriores edicións anula ese carácter; de calquera modo, a fórmula ben provado é reiteradamente utilizada noutras obras, nomeadamente nas Cantigas de Santa Maria1 :

    Mas un dia sinaado
    en que Deus quis encarnar,
    o convento foi levado
    de comer, e a rezar 
    se fillaron –ben provado
    por aa eigreja passar
    con seu “Miserere mei” (CSM 88.60).

    Log’a madre do moço convidou de bon grado
    a moça e ssa madre, e mandou –ben provado
    guisar de comer toste; ... (CSM 241.36)-

                        ...; mas a mui Santa Reỹa
    fezo que a moça visse cona santa meezynna
    que lle seu Fillo mostrara, e viu logo, ben provado (CSM 247.34).

  • 13

    Perante a hipermetría da lección transmitida por V, semella pertinente a expunción de mui en liña co v. 6 da primeira estrofa: pero seguides os nossos ben - mais este[s] seguides ben.
    Ademais, para a intromisión espuria de mui véxase B vs. A (65.1, 257.1), A vs. B (369.3, 998.10), BV vs. A (417.15), B vs. V (423.17, 810.14), así como 812.14 ou 995.5.

  • 17

    Pedr’Agudo, tamén presente en Pero da Ponte (UC 1651 e 1658), “un malnom aplicat a un trobador”, cun adxectivo que alude ao carácter de cornudo, igual que o “heterónimo" Pedro Bodinho –lémbrese que Bodinho debe ser diminutivo de bode, en UC 1658 e 1680, cantigas de Pero da Ponte e Pedr’Amigo de Sevilha, respectivamente–, pode aludir ao trobador Pero Garcia Burgales, conforme suxeriu Joaquim Ventura, fundamentalmente pola vinculación dos dous nomes coa condición de “rei dos cornudos” da cidade de Burgos, localización atribuída ao trobador Pero Garcia (Burgales), sendo Pedr’Agudo un trobador moi recoñecido, conforme a composición de Gonçal’Eanes do Vinhal (véxase Ventura 2000: 1.786-1.787). Véxase tamén Marcenaro & González (2024: s.v. Pedr’Agudo).

  • 20

    Entravincar é ‘entrelazar’. Esta voz debe ter a súa orixe en vinco ‘aro (con diversas funcións)’, do lat. uincŭlum, que deu lugar tamén a brinco ‘adorno que se pon nas orellas’; sería, pois, unha formación con base en entre- + vinco + -ar. De calquera xeito, non achamos máis atestacións deste verbo, e, no período medieval, só localizamos vinco en Afonso X (494.14, lectura dubidosa) e mais no Orto do Esposo:

    os firmaes e os collares e as joyas e as argollas e as doas dos bõõs cheyros e as arrecadas e os vincos das orelhas (cfr. CGPA, s.v., ed. B. Maler).

  • 25

    Nesta pasaxe, careza significa ‘esforzo, dificultade’ (cfr. 1645.20), unha acepción presente, por exemplo, no Tratado de Albeitaria:

    A i outra enfirmidade que vén ao cavalo do comer e do beb[e]r sobejo e aas uezes de gran traballo, porque, por razon do comer sobejo, o homor e o sangue crece [e] espargese porlas coixas do cavalo, embarga o cavalo que non pode andar e fazeno ma[n]quear de üu pee ou d’ambos e na movida non pode as coixas carretar seno[n] adur e desviase moi mal e con gran careza. (...) Cavalo que ha door d’estrangollo e con gran careza e con sõo lança e recebe o aar porlos nares e porla boca, e ha todo o goto inchado e groso que adur poderá goarir (cfr. Pérez Barcala 2013: 166-167, 204).

  • 26

    A secuencia <s-l> (e <r-l>) en que está implicada a forma arcaica lo(s) ~ la(s) do pronome identificador (artigo ou pronome) no encontro con mais e con outros vocábulos acabados en -s (ou -r) debe ser lida como [l], independentemente de que a grafía presente a forma máis antiga (véxase tamén nota a 83.21 e 139.2). No corpus trobadoresco profano, o pronome identificador sofre asimilación fonética xeral con diversos elementos lingüísticos (pronomes, adverbios, conxuncións, e con algúns nomes e/ou participios), especialmente con mais e pois. Cfr. nota a 5.10.

  • 27

    Neste contexto, tempos refírese á duración dunha parte ou movemento musical (ou aos tempos verbais?).
    Canto a gardar, nótese que todos os editores (Lapa, Lopes, Víñez Sánchez, Littera) emendaron o orixinal gardastes (<g̃dastes> V) en guardastes, intervindo máis unha vez nunha dirección lusitanizante na presentación e fixación dos textos trobadorescos galego-portugueses. Cfr. nota a 28.16.

  1. ^

    Acomodamos a edición de Mettmann no relativo á puntuación indicativa do carácter formulario de ben provado.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado