I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 390-391); Pellegrini (1969: 19-20 [= LPGP 592]); Lopes (2002: 271); Littera (2016: II, 52).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 325); Braga (1878: 178-179); Machado & Machado (1958: VI, 77-78); Lapa (1964: 5-6); Souto Cabo (2012c: 124-125); Callón (2017: II, 65-66).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 272-273); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 154).
1 Zevrões] zeuroes BV 3 arções] arcoes B : arço es V 4 canterlada] canterllada BV 5 dos] dus V; nadigões] nadigoes BV 9 levades] le\u/ades V 11 Zevrões] zeuroes BV 12 falida] filhada B 13 arções] arcōes B 21 vos] uus V; lh’eu ouço] lhauēo B : lhaueō V 23 do] de B 26 fremosa] fermosa B
En Pellegrini os vv. 1-2, 3-4 e 5-6 de cada estrofa forman versos longos.
3 nos] nus Pellegrini 5 dan dos nadigões] dand’òs nadigões Lapa : dan dus nadigões Pellegrini 8 odedes] cosedes Lapa, Pellegrini, Lopes : [c]osedes Littera 13 nos] nus Pellegrini 14 come] tam Pellegrini 15 dan dos nadigões] dand’òs nadigões Lapa : dan dus nadigões Pellegrini 18 odedes] cosedes Lapa, Pellegrini, Lopes : [c]osedes Littera 21 vos] vus Pellegrini; lh’eu] d’el Lapa 23 do] de Pellegrini 25 de] do Pellegrini; cu’a bouço] cu a bouço Lapa, Lopes, Littera 26 fremosa] fermosa Lapa, Pellegrini, Lopes 28 odedes] cosedes Lapa, Pellegrini, Lopes : [c]osedes Littera
(I) Os Zevróns son moi desventurados por isto: érguense nos arzóns da sela remendada con canterlas e baten (nelas) coas nádegas; e dixo a ben feita: «Má sela traedes, por que non a amarrades? Má sela levades, por que non a atades?».
(II) Os Zevróns teñen a sorte en contra, por isto: érguense nos arzóns da sela que está como podrida e baten nela coas nádegas; e dixo a belida: «Má sela traedes, por que non a amarrades? Má sela levades, por que non a atades?».
(III) Direivos o que eu escoito sobre eles: no día da súa voda, no lance de arrebolar o pau, bateu de cabo a rabo na sela renxedora; e díxolles a fermosa: «Má sela traedes, por que non a amarrades? Má sela levades, por que non a atades?».
Esquema métrico: 3 x 6’a 6’b 6’a 6’b 6’a 6’b 6’C 6’C 6’D 6’D (= RM 72:2)
Esta composición está incluída na rúbrica que precede a cantiga UC 1355, e que afecta ás cantigas UC 1355-1366: «Don Lopo Lias trobou a ũus cavaleiros de Lemos; e eran quatro irmãos e andavan sempre mal guisados; e por én trobou-lhis estas cantigas».
Repárese, de novo, na repetición de versos (1→11, 3→13, 5→15), fenómeno que se rexistra en máis cantigas de Lopo Lias (véxase 1359 –coa mesma técnica– e 1365).
Canterlada, aplicada á sela, é voz exclusiva de Lopo Lias, que o utiliza, aliás, nas cantigas 1360, 1362 e 1366 (cfr. canterladura en 1575.12). No relativo ao significado deste participio (que implica un verbo canterlar), Lapa manifesta as súas dúbidas: «Fica duvidosa a verdadeira forma da palavra, que parece significar “rasgada e ligada com ataduras”, a que se refere o verso seguinte». De aí parece tirar Lopes a súa breve explicación («rachada e por isso remendada»), que é aínda simplificada no Projeto Littera: “desconjuntada e rota”. Na verdade, en galego consérvase tanto canterla como o verbo canterlar, que iluminan a pasaxe de Lopo Lias (e tamén as canterladuras de Quinhones): canterlar é, conforme o DRAG, “Poñerlle unha canterla a [unha roda, unha zoca]”, sendo canterla a “lámina de ferro que cobre o canto da roda do carro” e mais tamén a “Fita metálica con que amañan as zocas fendidas” (véxanse tamén outros dicionarios en RILG, s.v. canterla, canterlar). Isto é, a sela canterlada é unha sela que estaría rota e que foi arranxada (deficientemente, visto que renxe; véxase 1362.9-10) con algún tipo de fita ou corda (ou, mesmo, lámina de metal)1
.
Canto á grafía de <canterllada>, é de subliñar que nos apógrafos italianos é sistemática a presenza de <ll> tras a consoante vibrante, tal como se pode comprobar nas restantes voces que presentan esta secuencia fonética: arlotas <arllotas> (392.9), burlado <burllado> B (1606.14); canterlada <canterllada> BV (1359.3 e 13 <canterlhada> V, 1362.r3; 1366.36 <cancerllada> B) e canterladuras <cāterlladuras> B (1575.12); escarlata <escarllata> BV (1634.14); Morpirler <morpirller> (1673.15 e 26 <mō pirller> B, <mō pilher> V); parlar <parllar> B (1558.7). Véxase nota a 29.22.
A grafía -us de BV (<dus>) aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos (e nomeadamente en V), mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.
O refrán, que estabelecemos con interrogativas, ben podería presentar unha formulación enunciativa:
e diss’a ben-talhada:
«Maa sela tragedes
porque a non odedes,
maa sela levades
porque a non atades».
Este verso é hipermétrico segundo o texto transmitido polos cancioneiros italianos: tal feito é o que explica a emenda de Pellegrini (come > tam), para conseguir a isometría. De todos os xeitos, talvez o erro textual haxa que o procurar na palabra rimante, por canto podrida semella un castelanismo: esta forma só conta con tres ocorrencias no CGPA, todas elas en territorio galego e dúas son traducións do castelán:
Et, quando hũus panos erã podridos, vestianllj outro (Crónica Geral Galega, ed. R. Lorenzo);
mays dizẽ queas que dentro sua agoa podem viuer et das quese criam de algũa cousa podrida (Geral Estoria, ed. Martínez López);
Et jazíã ja tã podridos et dauã de ssy hũ tamaño fedor et tã poçoado que todo o ayre era corrõpudo et turbado (Crónica Troiana, ed. R. Lorenzo).
A edición de Lapa estabelece un cosedes neste verso, inalterado en Pellegrini e Lopes (e mais Littera2 ), que non se corresponde co unánime <odedes>, que está paleograficamente ben lonxe de cosedes. E, na realidade, a lección de BV é perfectamente correcta se considerarmos o verbo oder, que, tal como xa hai tempo explicou José Luís Pensado (1958: 56), procede do lat. obdĕre ‘pór diante, cerrar, obstruír’, e que aparece ben documentado noutros textos medievais co significado de ‘atar’. Para alén do texto comentado por Pensado nos Miragres de Santiago (Et mãdoulle oder hũa m[oa] ẽna gargãta et deitalo ẽno rrio do Tibre), documéntase nas Cantigas de Santa Maria (alén da forma odeito de participio en CSM 77.38 e 193.17):
Pois que sayu da eigreja, os dedos entou meteu
ena boca e tan toste tirou-a end’ e odeu
a ostia ena touca (CSM 104.32).
E logo tan toste o meirynno
disse: “Varões, levade-a ja
fora da vila cab’ o camĩo
u hũa casa mui vella está:
y a metede
dentr’ e odede,
des i põede
ll’ o fog’ a perfia” (CSM 255.103).
Como xa indicou Montero Santalla no seu estudo das rimas na poesía galego-portuguesa (2000: 630-631), o texto do trobador monfortino debe ser emendado de modo que transpareza o verbo oder realmente utilizado por Lopo Lias, e –probabelmente– por Afonso Sanchez (véxase 383.18). Véxase Ferreiro 2015: 268-270.
Perante a lección <lhauēo> de B e <lhaueō> de V, e pola necesidade da rima -ouço, a conxectura textual máis probábel, que cumpra os principios de medida, rima e sentido, é lh’ouço.
A relativa frecuencia da terminación gráfica -us no Cancioneiro da Vaticana en voces en que é xeral a terminación -os alcanza tamén ao pronome persoal vos, que por veces aparece como <uus> (cfr. un antecedente <uꝯ>), tal como acontece tamén no Cancioneiro da Ajuda.
As rimas voda : rengelhosa : fremosa exhiben unha rima imperfecta, que, dificilmente clasificábel, forma grupo con outras diversas como as seguintes: nemiga : preitesia (494.7-8), medo : Pero (118.10-12), 1360.22-26 (voda : rengelhosa : fremosa), 1497.31-32 (Celorico : bispo), 1546.23-28 (senhora : Çamora : Gomorra) ou merecedes : franceses (1615.5-6). Véxanse notas a 206.4-6, 453.5-6, 595.19-20 e 698.5-6.
A expresión lançar do touço, exclusiva de Lopo Lias (reitérase en 1362.14 e 1364.7), deberá indicar algún tipo de xogo de cabalaría en que arremesaban o touço (un pau utilizado para xogos cabaleirescos deste tipo). En galego moderno persisten diversas acepcións da voz (touzo, con variantes gráfico-fonéticas) relacionadas co valor básico de ‘pau, tronco’, fundamentalmente co significado de ‘eixo de madeira do rodicio dos muíños’, entre outros varios sentidos desta esfera semántica. E aínda Aníbal Otero recolle touço ~ toiço co valor de ‘timón do carro’ (véxase RILG, s.v. touzo, touço, touso).
De todos os xeitos, a equivalencia touço / pao está explícita na cantiga 1360 (vv. 1, 7), pola simétrica utilización nas súas dúas estrofas:
Ao lançar do pao,
ena sela
............................
Ao lançar do touço,
[ena sela]
A frase adverbial de cu’a bouço deberá significar ‘desde abaixo até arriba, por toda a parte’ (cfr. cast. bozo, do lat. bucceum, de bucca). Coa variante do cu’a bouço é utilizada por Lopo Lias nun contexto moi similar na cantiga 1369:
Ao lançar do pao,
ena sela
deu do cuu mao
e quebrou-lh’a sela;
e assi diss’a bela:
«Rengeu-lh’a sela!».
Ao lançar do touço,
[ena sela]
deu do cu’a bouço
e quebrou-lh’a sela;
e assi diss’a bela:
[«Rengeu-lh’a sela!»].
As selas canterladas de Lopo Lias deben ser a fonte para a elaboración narrativa de Darío Xohán Cabana, en Morte de Rei (Vigo, Xerais, 1991): “Eu cho direi: en especias prós frades, en peles armiñas prós abades, en panos sedáns prós arcediagos, en mangos de ouro prás espadas dos que se chaman nobres, en selas canterladas pra grandes cabaleiros que nin sosterse saben nelas, e en vasilia de prata e de cristal e en alifafes cordobeses e en todas as luxurias pra esas casas de ricos homes leigos e eclesiásticos” (p. 173).
Actualmente corrixido na edición electrónica (a partir de Montero Santalha 2000 e Ferreiro 2015): https://cantigas.fcsh.unl.pt/cantiga.asp?cdcant=1374&tr=4&pv=sim (consult.: 23-3-2022).