1352 [= RM 46,4]
Jograr Saco, non tenh’eu que fez razon

Don Fernan Paez de Talamancos fez este cantar de mal dizer a un jograr que chamavan jograr Saco, e era mui mal feito; e por én trobou-lhi que máis guisad’era de seer saco ca jograr.

Jograr Saco, non tenh’eu que fez razon
quen vos pôs nome jograr e vos deu don:
máis guisado fora sac’e jograr non.
Assi Deus m’ampar,
vosso nume vos dira quen vos chamar
sac’e non jograr.
Rodrig’Airas vo-lo diss’e fez mal sén,
pois que vós non citolades nulha ren:
ar avede nume Sac’, e sera ben.
Assi Deus m’ampar,
vosso nume vos dira [quen vos chamar
sac’e non jograr].
Quen vos Saco chamar prazera a nós,
e dira-vo-lo ben lheu que[n] vos en cos
vir tira-los nadigões apos vós.
Assi Deus m’ampar,
vosso nome vos dira [quen vos chamar
sac’e non jograr].
Quen a vós chamou jograr a pran mentiu,
ca vej’eu que citolar non vos oio
nen os vossos nadigões non os viu.
Assi Deus m’empar,
vosso nome vos dira [quen vos chamar
sac’e non jograr].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 

Manuscritos


B 1334, V 941

Edicións


I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 213-214; Martínez Pereiro (1992: 87 [= LPGP 311]); Lagares (2000: 148 [rúbrica]); Lopes (2002: 26); Littera (2016: I, 344).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 322); Braga (1878: 176-177); Machado & Machado (1958: VI, 68-69); Callón (2017: II, 50-51); Arbor Aldea & Santiago Gómez (2019: 59-60).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 139-140); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 97); Diogo (1998: 22-23); Fidalgo (2009a: 186).

Variantes manuscritas


Rúbrica: un] huū V; jograr] iogar B : iog̃r V; jograr Saco] iogar sato B : jog̃r sato V; guisad’era] grisadera B : grysadera V; jograr] iogar B : iog̃r V

Texto:
1 Saco] sacco BV; eu] en V   3 guisado] gursado BV   6 sac’e] aque V   10 Deus] des V; nume] nome V   15 -los] lus V; apos] apꝯ BV   16 Deus] des V   20 citolar] cirolar V   22 Deus]  des V

Variantes editoriais


Rúbrica: trobou] troubou Lapa

Texto:
En Lapa o refrán está organizado de modo diferente:
      vosso nome vos dira, assi Deus m’ampar
      quen vos chamar saco e non [ja] jograr.
5 nume] nome Lapa, Martínez Pereiro, Lopes, Littera   6 sac’e non jograr] Saco e non [ja] jograr Lapa : Saqu’e non jograr Martínez Pereiro : saco e nom jograr Lopes, Littera   9 ar avede] or’avede Lapa : or’havede Lopes, Littera; nume] nome Lapa, Martínez Pereiro, Lopes, Littera   12 sac’e non jograr] Saco e non [ja] jograr Lapa : Saqu’e non jograr Martínez Pereiro : saco e nom jograr Lopes, Littera   13 Saco] saco Lopes, Littera   15 vir tira-los nadigões] vistirá los nadigões Lapa   18 sac’e non jograr] Saco e non [ja] jograr Lapa : Saqu’e non jograr Martínez Pereiro : saco e nom jograr Lopes, Littera   20 oio] oiu Martínez Pereiro, Lopes : oíu Littera   21 non os] nõn’os Lopes, Littera   22 empar] ampar Lapa, Martínez Pereiro, Lopes, Littera   24 sac’e non jograr] Saco e non [ja] jograr Lapa : Saqu’e non jograr Martínez Pereiro : saco e nom jograr Lopes, Littera

Paráfrase


Don Fernan Paez de Talamancos fixo este cantar de mal dizer a un xograr a quen chamaban Saco, que era moi feo; e por iso lle trobou que máis axeitado era para el ser «saco» ca «xograr»

(I) Xograr Saco, eu coido que non tiña razón quen vos chamou xograr e vos remunerou: máis axeitado sería chamarvos saco e non xograr. Así Deus me ampare, o voso nome dirá quen vos chame saco e non xograr.
(II) Rodrigo Airas volo dixo e fixo unha insensatez, xa que vós non tocades a cítola nada de nada: tende por nome Saco, e estará ben. Así Deus me ampare, o voso nome dirá quen vos chame saco e non xograr.
(III) Quen vos chamar Saco agradaranos a nós, e dirávolo axiña quen vos vir en roupa interior traer eses nadegóns atrás de vós. Así Deus me ampare, o voso nome dirá quen vos chame saco e non xograr.
(IV) Quen vos chamou xograr certamente mentiu, pois eu vexo que non vos ouviu tocar a cítola nin viu os vosos nadegóns. Así Deus me ampare, o voso nome dirá quen vos chame saco e non xograr.

Métrica


Esquema métrico: 4 x 11a 11a 11a 5B 11B 5B (= RM 16:9)
Encontros vocálicos: 20 o·i͜o

Notas


Rúbrica
  • A rúbrica alcanza tamén á cantiga UC 1353, que ten de novo o xograr Saco como albo do escarnio de Fernan Paez de Tamalancos.
    Saco é antropónimo (apelido) atribuído a diversos personaxes de períodos diferentes conforme os documentos recompilados no Corpus do Galego-Portugués Antigo (Domingo Saco, Gonçalvo Saco, Meen Rodrigez Saco, Afonso Saco etc.). Nun documento de 1273 Saco rexístrase explicitamente como alcume: 

    Cuynuçuda cousa seya a quantos esta carta viren como eu Garçia Perez, dito Saco, vendo a vos don abade de santa Maria d-Osseyra et a o convento desse meesmo lugar toda-llas casas que eu teyno a foro en o burgo d-Anbas Mestas do moesteyro de santa Maria d-Osseyra (cfr. CGPA, ed. Romaní Martínez).

    Entre a documentación cortesá de Sancho IV aparecen algunhas referencias a personaxes co apelido Saco. É o caso de Vasco Saco, cuxo fillo, Meen Vaasquez, aparece con tal filiación nunha nómina de vasalos e homes do rei de 1285, ou un Pero Saco nunha nómina de 1293, vinculado a Sancho Sánchez de Ulloa: “En Dauoada [sic, Tauoada?], en la tierra que tenie Pero Saco” (Hernández 2021: II, 1.174, 1.325). De calquera modo, na documentación das terras ourensás ligadas ao trobador, a antiga xurisdición de Búbal, rexístranse diversos personaxes con ese apelativo (véxase Marcenaro & González 2024: s.v. Jograr Saco).

Texto
  • *

    O escarnio baséase no xogo con saco/Saco de modo similar a vela/Vela (véxase cantiga 1350, tamén do mesmo trobador).

  • 1

    A grafía <sacco> de BV presenta un formato latinizante na liña do frecuente <peccado> ou <soffrer>, igual que outras grafías latinizantes que se rexistran ao longo dos cancioneiros: ano (<āno> BV) en 1331.10, antano (antāno B, antano V; cfr. lat. ante annum) en 1594.21; dano (<dapno> BV, 1340.3; <dāno> B, <dano> V, 1487.17; cfr. lat. damnum) ou dona (<Dom uꝯ> B, <Dom na> V, 1402.1; <dona> B, <dōna> V, 1480.r2 e v. 14; cfr. lat. domĭnam). Estas xeminacións consonánticas de carácter conservador son, tamén, comparábeis a outras formas cales absconde (63.2), monstrar (só presente en copias de B, véxase nota a 9.3), o grupo -sc- en verbos inicialmente incoativos (conhoscer, parescer, escaescer, falescer, nascer; véxase nota a 117.19) ou a frecuente conxunción copulativa <et>, entre outros exemplos posíbeis. E para alén destas formas aínda se poden ter en conta outras como <in> en (2.18, 1451.2, 1624.17) e <cum> con (91.1, 671.2 e 6), <expedir> espedir (809.1, 1126.15), ou <cōmo> como e similares (294.15, 882.24, 1329.10, 1334.16 etc.).

  • 4-6

    A disposición do refrán, anisométrico, foi estabelecida, con xusteza, por Martínez Pereiro na edición crítica do cancioneiro do trobador, cunha estrutura aaaBBB, que se pode achar noutras dúas cantigas de Tamalancos (UC 51 e 1354).
    Por outra parte, nótese como no refrán desta composición se sobrepoñen dúas variacións lingüísticas de diferente teor. Por unha banda, eis nume (vv. 5 e 11, estr. I-II) vs. nome (II-IV), con variación na vogal tónica (no v. 11 coa forma nome en V): a existencia desta variante fonética nume na lingua medieval é indubitábel, pois a súa presenza en textos antigos (sempre xerados en territorio galego) chega a varios centenares e alcanza tamén a nomear (> numear) e a súa familia lexical (cfr. CGPA, s.v.); probabelmente, a variante nume, que tamén se rexistra tamén en 1535.5 e 1633.38, é produto dunha tendencia á metafonía por -e de que existen indicios certos nalgúns resultados galegos (véxase Ferreiro 1999: §8b.4). Por outra banda, neste refrán transparece a variación amparar (I-III) vs. emparar (v. 22, IV) (cfr. nota a 72.3). Véxase tamén Ferreiro (2022: 437-438).

  • 7

    Non existen datos seguros para a indentificación deste personaxe, aínda que Lapa confirma, a partir de datos tirados de Menéndez Pidal, que “esse nome era o dum jogral do tempo de Sancho IV de Castela, a quem este rei, em 1284, concedeu a terça parte das rendas da tafuraria de Badajoz”. Así consta nos gastos da casa real ao entregarlle 666 mrs. “por la costa que fizo en Seuilla, en seruiçio del rrey” (Hernández 2021: I, 585, 646-647; II, 1.123).
    Na Crónica Geral d’Espanha de 1344 aparece tamén un Rodrig’Airas:

    Despois que el rei dom Affomso outorgou de dar Çamora a sua irmãa dona Orraca, segundo ja avedes ouvydo, dom Airas Gonçalvez, que hy estava presente, logo que vyo que lhe era outorgada, chamou seu filho Rodrig’Airas e mãndouho que se fosse a Çamora e que a bastecesse muy bem de todallas cousas que ouvesse mester e que çarrasse bem as portas e a guardasse muy bem, por que era dada a dona Orraca cõ outros muitos logares. E Rodrig’Airas fez como lhe seu padre mandou (Cintra 1961: III, 342).

  • 14

    A voz lheu é outro provenzalismo de escasa presenza no corpus, xa que só volve aparecer en 23.39, 481.12, 1120.20 e 1478.9. Esta forma con consoante palatal (talvez de orixe catalá; véxase García-Sabell Tormo 1990: 203-205) convive con leu (en 14.13 e 209.7).

  • 15

    É ben infrecuente que BV presenten unha terminación gráfica -us en voces en que é xeral a terminación -os (<lus>); na realidade, esta grafía aparece case exclusivamente en formas verbais de P4 e nomes masculinos plurais. A súa esporádica presenza, limitada aos apógrafos italianos, e nomeadamente a V, mostra que é produto do desenvolvemento da abreviatura <9> en posición final, abreviatura herdada do latín, onde funcionaba como desinencia de nominativo nos nomes da segunda declinación, rematados en -us.
    A voz nadigon, aumentativo de nádega (< natĭcam), cun valor despectivo pola formación masculina sobre unha base feminina, só volve aparece nunha composición de Lopo Lias (UC 1360). Na pasaxe, tirar ten o valor de ‘mover, sacudir (as grandes nádegas)’.

  • 19

    A locución adverbial a pran (só en 109.21 e 1618.6) convive coa xeral de pran, que presenta tamén a variante minoritaria de chão (véxase nota a 459.3).

  • 20-21

    A representación gráfica da desinencia da P3 de pretérito indicativo dos verbos da terceira conxugación oscila entre a esmagadoramente maioritaria -iu e a esporádica -io, mostra dunha vacilación inicial que aínda se conserva nalgúns territorios galegos. Cfr. nota a 302.14. De calquera xeito, ambas as representacións implican unha mesma realidade fonolóxica e métrica, como mostran os casos de rimas entre -io e -iu (oio, v. 20; viu, v. 21), ou aqueloutras situacións en que se produce variación desta desinencia en estruturas paralelísticas (véxase 583.8) ou no refrán (véxanse 592.r1, 1336.r, 1361.r2-r3).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado