I. Edicións críticas: Lapa (1970 [1965]: 310-311 [= LPGP 664-665]); Lopes (2002: 543); Littera (2016: II, 150); Arias Freixedo (2017: 270).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 320); Braga (1878: 176); Machado & Machado (1958: VI, 60-61).
III. Antoloxías: Tavares & Miranda (1987: 83); Arias Freixedo (1993: 167-168); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 170); Arias Freixedo (2003: 641-642); Neves (2004: 48-49); Gutiérrez (2023: 291).
1 Un] Huū V; Leirea] leira B 2 sangrou] sangou B; est’outro] esco myo B : escouio V 3 e ... fazia] et ... façia V 4 Indon s sancta (M) auea B : idon di scā auea V 5 cuu] ouu V 7 sangrador] tangrador V 8 sangrador] sangradō V 9 nova] nona B 10 percebia] pecebia B 11 pela] bela B; barriga] barrēga V 12 começou] Comecou B 15 sangrador achedes] sangrado achedee V 16 vos sangrades] uos sagrades B : uos sāgrādes V 17 quando] q̃n do V; vos] uos BV; percatades] ꝑcantades B : ꝑcatāder V 18 queredes] q̅redee V 19 querra] Queira B; vos] uos BV 20 sangrar] sāgra V 22 jogo] rogo V; quer] que B : quē V; jogar] rogar V 23 jog[u]etar] rogetar V
4 indo-m’i buscar] andand’a buscar Lapa : indo-m’a buscar Lopes, Littera : indo i riscar Arias Freixedo 5 cuu] cu Lopes, Littera 16 sangrades] sangrardes Littera, Arias Freixedo 17 percatades] percatardes Littera, Arias Freixedo 23 vaa] vá Lopes, Littera
(I) Estoutro día sangroume un sangrador de Leiria, e vede o que me ía facer: ao irme buscar a vea, apalpoume no cu. Que vaia sangrar a un puto nese lugar, o sangrador!
(II) Este sangrador, amiga, trae unha nova modalidade de sangría (para a facer) na parte onde eu menos o esperaba: pilloume pola barriga e comezou a levantarme a saia... Que vaia sangrar a un puto nese lugar, o sangrador!
(III) Amiga, se vos sangrardes, oxalá deades cun sangrador como este: cando non vos decatedes, se llo quixerdes consentir, ha de vos querer probar. Que vaia sangrar a un puto nese lugar, o sangrador!
(1) O que queira xogar a tal xogo, que o vaia facer con súa nai!
Esquema métrico: 3 x 7’a 7’b 7’b 7’a 7c 7C 7C (= RM 164:3) + 7c 7c
Encontros vocálicos: 5 cu·u‿apalpar; 6 fodido‿irá; 13 fodido‿irá; 20 fodido‿irá; 23 *va͜a
A cantiga transcríbese en B no f. 285r, en que ocupa a metade da col. a e parte da b. A súa atribución a Briteiros deriva da rúbrica que precede o texto B 1329 (UC 1346), que reza Dom meem Rod’gues de b’teyros. En V, a cantiga, que se transcribe entre o remate da col. a e na maior parte da col. b do f. 148v, é atribuída ex silentio, como a anterior, V 935, ao trobador ao que se outorga o ciclo de textos precedente, Joan Fernandez d’Ardeleiro. Como se sinalou a propósito de UC 1346, dado que Colocci é o responsábel de copiar as rúbricas atributivas neste sector do códice vaticano, cabe pensar que a diverxencia atributiva se debe a un erro do humanista: este omitiría a didascalia que debía inaugurar o ciclo poético do Briteiros a causa dun esquecemento que puido estar provocado polo cambio de folio, isto é, polo paso de recto –en que se transcriben os textos de Ardeleiro– ao verso, en que se inicia a copia dos textos de Rodriguez de Briteiros. Véxase tamén Marcenaro (2015b: 91).
A cantiga de Meen Rodriguez de Briteiros ten un duplo sentido sexual en que as referencias ao sangue aluden simbolicamente á perda da virxindade. Mesmo cabe a posibilidade de que algunhas palabras e expresións como nova sangria do v. 9 ou as referencias do refrán aos fodidos (putos) e ao tal logar, fagan referencia á intención do sangrador de practicar un coito anal.
Sobre a figura do sangrador e as sangrías, véxase BddIM, s.v. sangría.
A variación gráfica un / ũu (e algun / algũu) entre códices rexístrase nun número limitado de contextos, en xeral coa forma un en B fronte a ũu en V: algun <algū> A, <algūu> B (130.15); un <hun> B, <huū> V (938.14, 1324.1 e 2, 1332.4, 1333.1, 1336.1, 1384.2, 1387.18, 1450.2 e 11, 1497.32) e <hū> B, <huū> V (1119.3 e 6)1
, xunto con ũu <huū> B, <hū> V (1641.11); <huū> B, <hun> V (1649.8); <uū> B, <un> V (1663.6). Esta alternancia demostra que (h)ũu debe ser unha simple grafia conservadora, e que a contaxe métrica pode ser monosilábica nalgúns contextos.
Leirea é forma antiga de Leiria (cfr. aínda Leirẽa en 1324.7), cidade situada na Beira Litoral portuguesa. Sobre Leiría como espazo na lírica trobadoresca véxase Marcenaro & González (2024: 185-186).
Neste problemático verso pola deficiente copia dos apógrafos italianos (<Indon s sancta (M) auea> B, <idon di scā auea> V), existen dúas lecturas tradicionalmente propostas. A primeira, de Manuel Rodrigues Lapa, restaura o texto a través do verbo buscar, coherente do punto de vista paleográfico, lingüístico e semántico, por máis que emende abruptamente o inicio do verso: andand’a buscar a vea.
Por outra banda, existe unha outra lectura de Lanciani (1998: 97-98), que, após glosar a edición lapiana, razoa demoradamente a súa proposta. Por unha banda, indica correctamente, ao noso ver, a dirección na primeira parte do verso: «Quanto ao grafema final do primeiro segmento do verso (“indou” em B, “idon” em V), trata-se a meu ver de um “u” cujo traço inferior podia ter desaparecido ou resultar quase ilegível no modelo dos dois apógrafos italianos: confusões entre “y” e “u” ou “n” são muito frequntes nestes dois cancioneiros. Até este ponto, portanto, uma leitura possível seria: indo y ...scar a vea, ficando ainda por identificar os dois grafemas que seguem o “y” e precedem o grupo “scar”». Para o seguinte elemento problemático, a partir de confusións contrastadas nos apógrafos italianos, propón riscar (do lat. resecare) como conxectura para resolver o locus criticus: «O verso em questão seria portanto “indo y riscar a vea”, isto é, ‘enquanto ia à procura da veia para fura-la’, seguido, no verso seguinte, por ‘desviou a sua atenção para o traseiro’» (ib.: 98).
No entanto, o verbo riscar só comparece baixo a forma do participio en textos medievais –tardíos–, e sempre a indicar textos cancelados polos escribáns (véxase CGPA, s.v. riscada). É por isto que, acollendo no fundamental a proposta de Laciani para o inicio do verso, aceptamos a acaída hipótese textual lapiana co verbo buscar, coherente do punto de vista paleográfico e semántico, ao tempo que cumpre coa medida heptasilábica do verso.
A forma al como produto da contracción da preposición a coa variante arcaica lo do artigo e posterior apócope por ser elemento esencialmente átono, en posición proclítica, só se encontra naquelas cantigas de amigo (ou similares) en que tal forma é utilizada como marca arcaizante de estilo (736.3-4, 1202.5), ou no refrán doutras dúas satíricas coa mesma finalidade (494.3, 1347.6).
Nótese a presenza do participio de segunda conxugación fodido (tamén en 1638.2, fronte a fududo en 1567.7), que presenta xa o sufixo -ido (tamén ardido, en 461.18 e 493.3, e sabido, en 839.1, face a sabudo en 568.20, 783.23, 1041.6 e 1332.35), únicas mostras das formas modernas no corpus trobadoresco profano.
O participio fodido é utilizado como substantivo co significado de ‘puto, homosexual’, tamén presente en Pero da Ponte (1638.2):
Eu digo mal, com’ome fodimalho,
quanto máis posso daquestes fodidos
e trob’a eles e a seus maridos.
En calquera caso, o verbo foder (do lat. futuĕre), voz escatolóxica, tal como outros termos pertencentes ao ámbito sexual (caralho, cono, peer etc.) non parece ter pasado do ámbito da oralidade para o texto escrito, agás nas cantigas satíricas, única produción en que o achamos. Non obstante, o verbo foder é a voz deste ámbito máis representada nos escarnios, con máis de 100 rexistros (incluídos os participios e formas substantivadas e excluíndo outras formas derivadas) pretencentes a 17 autores, en 31 cantigas: Afons’Eanes do Coton (UC 1589, 1591, 1598), Afonso X (UC 491), Airas Perez Vuitoron (UC 1495), A. Gomez (UC 877), Estevan da Guarda (UC 1334, 1335), Fernand’Esquio (UC 1614), Joan Garcia de Guilhade (UC 1508, 1509, 1510, 1511), Joan Servando (UC 1440), Joan Soarez Coelho (UC 1419, 1422, 1426, 1427, 1435), Joan Vaasquiz de Talaveira (UC 1567), Martin Moxa (UC 919), Martin Soarez (UC 1376, 1386), Meen Rodriguez de Briteiros (UC 1347), Pero da Ponte (UC 1638, 1651, 1659), Pero Garcia Burgales (UC 1394, 1395), Pero Martiiz (UC 1430), Vaasco Perez Pardal (UC 1525).
Alén da lírica profana é certamente extraordinaria a aparición do verbo noutro tipo de textos. Neste sentido, é significativo que tamén se rexistre nunha composición escarniña do Cancioneiro Geral de Garcia de Resende (Dias 2003: VI, s.v. foder):
diz que tu,
quando naceo Barzabu,
eras ja diabo feito.
E que jaa entam fodias
e ias contr’òs inimigos.
En textos alleos á poesía, só atestamos o verbo nunha pasaxe de Fernão Lopes na Crónica de D. Fernando que debe recoller un proverbio: e dizam-lhe alguus que juras de foder nom eram pera creer (cfr. CdP, s.v.).
A forma traz, que convive con trax (véxase nota a 429.24), é por súa vez forma variante e concorrente coa xeral trage, que corresponde á P3 de presente indicativo de trager (< *tragere, véxase Ferreiro 1999: §220). A forma traz (e trax) anuncia a mudanza trager > trazer, que se consolidará no territorio portugués, con atestacións no derradeiro período medieval e sen testemuños claros en territorio galego, onde só a localizamos nun documento, tamén serodio, de 1470 (et trazía en hua mao hua procuraçón; cfr. TMILG, ed. Ferro Couselo).
O verbo sofaldrar (un composto romance a partir de so- + faldra + -ar), sen máis atestacións medievais, só o achamos (cfr. CLP, s.v.) nos dicionarios de Jerónimo Cardoso (séculos XV) e Bento Pereira (finais do século XVII) co significado latino de subagitare, isto é, cun evidente sentido obsceno, por máis que Bluteau tente descargar de sentidos eróticos a este verbo: “Se este verbo significa o mesmo que Sofaldar em Castelhano, quererà dizer Alçar as faldas, ameaço que se faz aos meninos; porque (como só tem seus manteosinhos) para os açoutar, não ha mais embaraço, que alçarlhe as fraldas. Porèm no Thesouro da lingua Portugueza o P. Bento Per. dà a este verbo outro significado, porque dà a entender, que Sofraldar responde ao Latim Subagitare” (cfr. CLP, s.v. sofraldar).
Repárese na aparición de mãi (con aparente nasalidade a partir de <māy> B, <maȳ> V), forma tardía con relación a madre, a voz tradicional que foi suplantada pola innovadora, que en portugués moderno (mãe) se consolidou con nasalamento por mor da consoante nasal inicial (cfr. gal. mai ~ nai). En xeral, mai atéstase en textos do século XIV ou posteriores. É forma moi frecuente, entre outras, na Cronica Troiana em linguajem purtuguesa (CdP, s.v.), e na Demanda do Santo Graal xa se rexistra a variante nasalizada:
Sabe verdadeiramente que eu descobro a Deus e a ti que som pecador mais dos pecadores, que eu jouve com minha mãi e com minha irmãã e depois matei-as ambas em ũa hora porque nom queriam comprir minha vontade (cfr. CGPA, ed. I. Freire Nunes).
Con todo, visto o carácter tardío da nasalización, as leccións de B e V poderían ser produto dunha eventual plica existente en <y>.
A voz joguetar, verbo derivado de joguete, é ambigua, pois, embora as súas ocorrencias nos textos prosísticos indiquen o sentido de ‘xogar, brincar’, no texto da cantiga todo encamiña para unha acepción obscena (cfr. o caso de trebelhar, tamén igualmente ambiguo). En calquera caso, o seu uso prolóngase até o Cancioneiro Geral de Garcia de Resende (véxase Dias 2003: VI, s.v. joguetar).
En plena Idade Media, joguetar comparece no Livro da Montaria:
Nós non dizemos que, quando a este jogo da montaria forem, que non joguem, riam e filhem prazer, mas esto seja sempre en todas aquellas cousas que boas forem que, por joguetarem e por riirem, se possam fazer, e que das maas non curem porque en ellas está erro (cfr. CGPA, ed. A. de Almeida Calado).
E tamén no Castelo Perigoso:
e quando homem see mui longament(e) aa mesa por joguetar ou por cuidar ou por se longament(e) deteer em se(us) viços (cfr. CGPA, ed. J. A. Santana Neto).
Asociado con trebelhar, rexístrase na tradución portuguesa da Confessio Amantis:
E porque o casamento antrelles nom se podia scusar, e de si por a fealdade que ella en si, porem, forom anbos casados de noite, do qual casamento nunca foi cavalleiro no mundo que de outro tam mal treito fosse como elle. Ca ella aas vezes queria trebelhar e joguetar como quem diz “Eu bem stou”, dizendo-lhe: “Senhor vaamo-nos deitar, ca eu com tal entençom convosco casei, que vós em este mundo fossedes a todo meu prazer” ofereçendo-lhe sua boca que a beijasse, assi como se fosse a mais fermosa dona do mundo (Faccon 2012: 311).
Outrosí nas crónicas catrocentistas, de Fernão Lopes:
ElRei em Bilbaao, mandou em outro dia chamar o Iffamte, e elle veo, e emtrou soo na camara, e ficarom dous seus aa porta, e os que sabiam parte de sua morte, começarom de joguetar com elle por lhe tomarem huum pequeno cuitello que tragia, e assi o fezerom (...) Huum pobre mancon que sempre em sua casa avia esmolla quando Diego Lopez comia e com quem alguumas vezes joguetava, vio estas cousas como se passarom (Crónica de D. Pedro I; cfr. CGPA).
Mas nos com ousamça de fallar, como quem jogueta, per comparaçom, fazemos aqui a septima hidade (...) Joham Affomso disse que o fazia por joguetar e por tomar sabor, e nom por fazer desprazer ao Meestre (Crónica de D. João I; cfr. CGPA, ed. M. Lopes de Almeida & A. de Magalhães Basto).
E deziam algũus fidallgos de Castella, joguetando, que ante saberiam capar el-rrei seu senhor, por nunca aver filho nem filha e juntar o rregno de Portugall ao de Castella e seer rrei d’elle, que aver filho ou filha que d'elle fosse senhor, e ficar rregno sobre ssi (Fernão Lopes, Crónica de D. Fernando; ed. Macchi 2004: 550).
A medida heptasilábica da cantiga impón unha lectura unisilábica de vaa (cfr. tamén Vaasquez, bisilábico en 1341.5).
No v. 3: <hū> B, <hauī> V.