991 [= Tav 120,42]
Que mal s’este mundo guisou

Que mal s’este mundo guisou
de nulh’ome per el fiar!
Nen Deus non o quis[e] guisar,
pero o fez e o firmou;
ante o quise destroir,
pois que Don Telo fez end’ir,
que sempre ben fez e cuidou
des quando naceu, e punhou
sempr’en bondade guaanhar
e en seu bon prez avantar,
e nunca se d’al trabalhou;
e quen sas manhas ben cousir
pode jurar, por non mentir,
que toda-las Deus acabou.
Mais a min ja esto leixou
con que me posso conortar:
que ei gran sabor de contar
do ben que fez, mentre durou,
e tod’ome que m’i oir
sempr’avera que departir
en quanto bon prez del ficou.
E a Don Telo Deus xo amou
pera sí e xo quis levar
e non se quis de nós nembrar,
que nos assi desemparou;
e mái-lo fez por se riir
deste mal mund’e escarnir,
que sempre con aleiv’andou.
E quen a ben quiser oir,
que forte palavra d’oir!
«Don Tel’Afons’ora finou».
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20
 
 
 
 
25
 
 
 
 
30
 

Manuscritos


B 988, V 576

Ediciones


I. Edicións críticas: Michaëlis (1990 [1904]: 902-903); Panunzio (1992 [1967]: 121-123 [= LPGP 786]); Littera (2016: II, 293-294).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 207); Braga (1878: 111); Machado & Machado (1953: IV, 374-375); Fernández Pousa (1956: 817-818); Juárez Blanquer (1988: 151-152).

Variantes manuscritas


8 naceu] nançeu V   10 en] eu B   12 quen] ꝙʷ B   13 jurar] uirar V   15 esto] estou B   18 ben] be V   20 sempr’avera] Senp’uera B; departir] deparar V   23 e xo] exou B   24 e] De B   26 riir] tijr V   31 Afons’] assons B

Variantes editoriales


3 non o quis[e]] no’-no quis[o] Michaëlis : non’o quis[o] Littera   8 e] e[l]] Michaëlis   9 guaanhar] gaanhar Littera   19 m’i] mi Michaëlis, Panunzio, Littera   20 sempr’avera] sempre verá Michaëlis : senpre verá Panunzio; que] quen Michaëlis   22 xo amou] chamou Michaëlis : xamou Panunzio   25 nos] nus Michaëlis, Panunzio

Paráfrasis


(I) Que mal se soubo este mundo arranxar para que ninguén se fíe del! Nin Deus o quixo arranxar, aínda que o creou e o fixo firme; antes o quixo destruír, xa que fixo partir del a Don Telo, que sempre obrou e pensou ben (II) desde que naceu, e se esforzou sempre en gañar bondade e en acrecentar a súa fama, e nunca se preocupou por outra cousa; e quen ben considere as súas habilidades poderá xurar, certamente, que Deus as acabou todas.
 (III) Mais a min deixoume isto con que me podo confortar: que sinto un gran gusto por falar do ben que fixo mentres viviu, e todo aquel que me ouvir sempre terá que falar sobre a moita boa fama que del ficou.
(IV) E Deus amou a Don Telo e para (xunto de) si o quixo levar e non se quixo lembrar de nós, pois así nos desamparou; e fíxoo máis por se rir e facer escarnio deste mundo, que sempre se gobernou con perfidia.
(1) E a quen ben o queira ouvir, que palabra dolorosa de ouvir! «Don Telo Afonso finou».

Métrica


Esquema métrico: 4 x 8a 8b 8b 8a 8c 8c 8a (= Tav 161:273) + 8c 8c 8a

Encontros vocálicos: 2 fi·ar; 9 gua·a·nhar; 22 xo‿amou

Notas


Texto
  • *

    A composición de Pero da Ponte é un pranto pola morte de Don Telo Afonso de Meneses, ocorrida en 1238. Foi un nobre que destacou como militar nas campañas de Andalucía durante o reinado de Fernando III.

  • 3

    A presenza da variante quise, P1 de pretérito indicativo de querer, no v. 5 indica que se debe restaurar esta mesma forma nun verso que resulta hipométrico tal como foi copiado en BV. A variante –minoritaria– quise (cfr. quis ~ quiso), con manutención de -e final (< *quesit < quaesiuit; véxase Ferreiro 1999: §216c; 2016a: 133-135), fronte a quiso, é unha solución moi esporádica, como feze fronte a fezo (véxase nota a e 56.14 e 167.5).

  • 4

    Firmar ‘facer firme, tornar seguro’ (< firmāre) só reaparece en 336.12 (mais mentirei e firmarei log’al) con outro matiz semántico.

  • 8

    Levada pola ruptura estrófica, Michaëlis vese obrigada a converter a copulativa e no pronome el. Porén, coa ligazón interestrófica (cfr. Panunzio, que mantén e a pesar de a non considerar), o texto fica con pleno sentido: que sempre ben fez e cuidou // des quando naceu, e punhou / sempr’en bondade guaanhar / ...

  • 13

    A frecuente frase formularia por non mentir, que permite a interpolación de diversos elementos (por vos non mentir, por vos eu non mentir etc.), equivale a outras expresións de certeza, como per bõa fe, de pran etc. Véxase nota a 25.19, 92.6, 113.16.

  • 14

    Para alén de contextos en que o pronome identificador sofre asimilación xeral, tras determinados ponomes ou formas verbais acabadas en -r ou -s (véxase nota a 5.10), esas formas pronominais poden presentar tamén asimilación en contextos inhabituais, tales como tras o indefinido todos, que normalmente vai acompañado do artigo. Cfr., pois, neste verso toda-las Deus acabou.

  • 16

    O provenzalismo conortar (cfr. confortar en 1119.29) correspóndese co substantivo conorto. Véxase nota a 14.16.

  • 19

    O feito de a lección <mi> de BV non presentar a grafía <mh> suxire a necesidade de segmentación do adverbio i, que evita unha sinalefa que convertería en hipómetro o verso: e tod’ome que m’i oir.

  • 20

    A diverxencia do texto enviado por B e V permite unha diferente fixación sempre vera (B) / sempr’avera (V). Neste caso, optamos pola lección de V, xa que a lección de B impide a correcta expresión e sentido da pasaxe. Isto é, ‘e calquera que me escoitar, sempre terá que falar sobre canta boa fama ficou del’:
              e tod’ome que m’i oir
              sempr’avera que departir
              en quanto bon prez del ficou.
    Ao mesmo tempo, véxase tamén neste verso (departir B vs. deparar V) a aparición en V do frecuente erro <a>/<ti>~<ci>, que nos cancioneiros italianos se rexistra con frecuencia: <para> B parti (18.18), <Maram> B Martin (115.8), <marã> B Martin (115.22), <ca aue> B cativ’e (118.13), <parar> B partir (627.9), <parado> BV partido (1326.21), <parar> V partir (1345.13), <conssenar> B consentir (1468.15), <ama> B cima (1489.47) etc.

  • 22-23

    Como xa explicitamos noutra sede (Ferreiro 2012a: 144-145), é transparente lección <xo amou> de BV no v. 23, coa aparición do pronome expletivo xe en crase con o, tal como acontece no v. 22:
              E a Don Telo Deus xo amou
              pera sí e xo quis levar.
    Quizais arrastrada pola desconsideración da sinalefa xoamou, Michaëlis emendou o verso (E a Don Telo Deus chamou) e, posteriormente, Panunzio aínda alterou máis o texto cun fantasmal xamou en que pairan anacrónicos preconceptos lusitanizantes de teor fonético.

  • 28

    Aleive, hoxe adxectivo, é substantivo na lingua medieval, co significado de ‘aleivosía, perfidia’ (tamén en 1505.10).

     

Buscar
    Sin resultados