I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 302-303); Marroni (1968: 249-253 [= LPGP 746-747]); Cohen (2003: 455); Littera (2016: II, 244).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 243-244); Braga (1878: 132); Machado & Machado (1956: V, 139-140); Vieira & Morán Cabanas & Souto Cabo (2015: 135-136).
III. Antoloxías: De la Iglesia (1886: II, 189-191); López-Aydillo (1914: 44-45); Tavares (1943 [1923]: 56-57); Seoane (1941: 66-67); Fernández Pousa (1951: 64-65); Varela Jácome (1953: 50-52); Nunes (1959: 327-328); Tavares (1961: 53-55); Filgueira Valverde (1969: 24-25); Spina (1972: 324-325); Álvarez Blázquez (1975: 217); Landeira Yrago (1975: 215-216); Torres (1977: 466-467); Gonçalves & Ramos (1983: 233-234); Dobarro Paz et alii (1987: 33); Alvar & Beltrán (1989: 217-218); Pena (1990: 313-314); Ferreira (1991: 108-109); Jensen (1992: 268-270); Alonso Girgado (1992: 50); Pena (1993: 163-164); Delgado León (1996: 78-79); Ferreiro & Martínez Pereiro (1996c: 267-268); Diogo (1998: 235-236); Alvar & Talens (2009: 494-496); Fidalgo (2009: 214-215); Souto Cabo (2017: 200); Ferreiro (2023a: 33-34); Corral Díaz & Vieira (2023: 84-85).
2 ũa] hunha B : hun a V 4 outra] a outra V 5 demandei] demādi V 6 e fiz por] e fiz por / Effiz por B 7 poncela] pōzela V 9 vos] uos BV 10 Rocamador] irocamador B 12 gonela] gonella V 13 E] om. B; vos] uos BV 14 vos] uos BV 15 nen] Ne B 18 que] Q̄ue B 20 dissesse] dizesse B 21 tragia] rg̃ia V 22 Eu] E(n)u B 24 vos] uos BV 25 sodes] ssedes V; razoada] irazoada B 26 vos] uos BV 28 sodes] sedes V; sábia] sabhia B : sabbia V 29 vos] uos BV; rogar] irogar B 31 ensinada] en smada V 32 vos] uos BV 33 romaria] iromaria B 34 sõo] scō V 36 vosc’e] uosqȝ V
5 lhe] lhi Nunes 7 [E] dix’eu logo: «Fremosa donzela] Dix[i-lh]’eu logo: «Fremosa donzela Nunes, Marroni : Dix[i-lh]’eu logo: [Ai] fremosa donzela Cohen 11 doas] dõas Nunes 15 vos] vus Marroni 16 doas] dõas Nunes; min] mi Nunes 19 veess’] vẽess’ Marroni 20 dissesse] dizesse Marroni 21 doas] dõas Nunes 23 tem’i] temi Nunes 25 razoada] razõada Marroni 26 e pero] |e| pero Cohen 27 ést’] est’ Nunes 34 d’u] du Nunes 35 cuido-[m’eu], se] cuido, se <vós> Cohen : cuido [eu], se Littera
(I) Cando eu un día fun en romaría a Compostela vin unha pastora que, desde que nacín, nunca tan fermosa vin nin vin outra que mellor falase, e soliciteille logo o seu amor e fixen por ela esta pastorela.
(II) E díxenlle eu logo: «Fermosa doncela, vós querédesme por entendedor, que vos darei boas toucas de Estela e boas cintas de Rocamadour e outros agasallos, que vos gusten, e un fermoso pano para facer un vestido?».
(III) E ela dixo: «Eu non vos quero por namorado, porque nunca vos vin antes de agora nin aceptaría os vosos presentes, que sei que non son para min; pero coido eu que, se os aceptase así, alguén hai no mundo que sufriría un pesar.
(IV) E se viñese outra, que lle diría se me dixese “por vós perdín o meu amigo e as dádivas que me traía”? Eu non sei nada que lle puidese responder a iso; se non fose isto que temo, non vos digo agora que non o faría».
(V) Dixen eu: «Meniña, razoades ben, mais crede, se non vos pesa, que hoxe non existe no mundo outra (muller) nacida, agás vós, que eu ame, e por isto vos veño rogar que eu sexa o voso home desta vez».
(VI) E dixo ela, moi ben ensinada: «Por entendedor vos collerei e, cando a romaría acabe, aquí, de onde nacín, do Sar, coido que, se me queredes levar, eu irei convosco e fico contenta convosco».
Esquema métrico: 6 x 10’a 10b 10’a 10b 10b 10’a (= RM 79:12)
Encontros vocálicos: 18 mundo‿a; 25-26 razoada,/‿e; 28 sá·bi͜a‿amar; 30 ome‿esta; 33 romari·a‿acabada
Esta cantiga pertence a un reducido grupo de sete composicións de carácter híbrido que combinan en graos diferentes elementos propios das cantigas de amigo –mais tamén das cantigas de amor e mesmo das de escarnio– con elementos temáticos e léxicos propios do xénero da pastorela. Era esta unha modalidade poética bastante cultivada nas tradicións literarias oitánica e occitánica, en que un cabaleiro encontra soa e require de amores a unha moza pastora. As outras cantigas deste grupo son: Ũa pastor se queixava (UC 517), Ũa pastor ben-talhada (UC 551) e Vi oj’eu cantar d’amor (UC 564), de Don Denis; Cavalgava noutro dia, de Joan Perez d’Avoin (UC 691); Oi oj’eu ũa pastor cantar, de Airas Nunes (UC 864); e, finalmente, Quand’eu un dia fui en Compostela, de Pedr’Amigo de Sevilha (UC 1100). Sobre esta cuestión véxase Tavani (1986: 217-223).
Nótese a grafía <hun a> en V por <(h)ũa>, probabelmente cunha indicación gráfica ben explícita da nasalidade fonolóxica de /ũ/ a través dunha consoante nasal implosiva (cfr. <doando> dõado en 545.15); asemade, podería tratarse de <huna>, con indicación gráfica da nasalidade fonolóxica a través de -n-, o mesmo que noutras voces que se rexistran, en especial, nos apógrafos italianos (case sempre con unha das documentacións correcta) en <bona> bõa e, esporadicamente, en <alguna> algũa, <certano> certão, <dona> dõa, <lontano> loução, <lunar> lũar, <mano> mão, <uano> vão, <ueno> vẽo. Sobre estas grafías e as formas do tipo irmana, véxase Ferreiro 2008b.
É relativamente frecuente achar nos cancioneiros o acrecentamento do elemento a (artigo ou preposición), como acontece neste verso coa lección de V (*nen vi a outra que falasse milhor). A lección de B mostra o carácter espurio desa preposición desnecesaria para introducir o CD de veer. Outras adicións similares de a poden verse en 68.1, 197.4 e 225.2 (B vs. A), 1100.4 (V vs. B) ou 741.7 (BV).
Aínda que minoritaria, a forma milhor, con pechazón de /e/>/i/ por influencia de consoante palatal (por iode na súa base etimolóxica mĕliōrem), ten certa presenza na lingua trobadoresca.
Neste verso transparece a única documentación da voz pastorela para designar o (sub)xénero da cantiga.
A maioría das edicións precedentes (Nunes, Marroni, Cohen) presentan diversas intervencións e/ou intromisións no texto do verso, que se resolve perfectamente coa copulativa inicial da estrofa (omitida por veces nos manuscritos), que permite neste caso restaurar a isometría versal, para alén de resituar o acento métrico na 4ª sílaba. Casos semellantes documéntanse en 106.8, 151.7, 157.7, 163.11, 261.13, 293.8, 294.7 e 13, 332.7, 408.7, 447.7, 448.8, 490.19, 586.11 etc.
O provenzalismo poncela ‘doncela’ é tamén documentación única no corpus das cantigas.
O pronome min volve aparecer como CD sen preposición (queredes vós min por entendedor), tal como acontece esporadicamente coas formas pronominais tónicas oblicuas no corpus das cantigas.
A figura e alusión ao entendedor aparece repetidamente nesta pastorela (vv. 8, 14, 32): na poesía cortés o termo entendedor aplícase aos namorados que manteñen unha relación que está aínda nunha fase de coñecemento mutuo e de cultivo do desexo, en que conversan e se intercambian prendas en sinal de correspondencia, tales como as cintas con que cinxen as propias vestimentas á cintura. Trátase da fase previa á de drudo, á que se chega cando os amantes satisfacen o seu desexo por medio de relacións carnais.
Repárese nas toucas e cintas como doas, prendas de amor entre os amantes. A touca era unha peza de tecido rectangular ou semicircular que as mulleres puñan na cabeza para cubrir e/ou adornar os cabelos, propia, en principio, de mulleres casadas ou prometidas (véxase Corral Díaz 2010).
Estela fai referencia á cidade navarra (cast. Estella, éusc. Lizarra) e as súas toucas son tamén citadas polo trobador Pero Gonçalvez de Portocarreiro (920.9).
A cinta é o cordón con que se apertaba a camisa ou o vestido á cintura. Por ese uso como ataxe, foi tomada como símbolo de unión e de fidelidade entre os namorados, que se intercambiaban anacos de cintas para mostrar que o amor era correspondido e tamén cando se separaban por un período longo, para manteren viva a chama do amor e a fidelidade.
Rocamador alude á cidade francesa de Rocamadour, sede dun famoso santuario mariano, que é tema principal ou secundario en diversas cantigas marianas (CSM 8, 22, 147, 153, 158, 159, 175, 214, 217, 267, 331, 343).
A gonela é unha túnica xeralmente sen mangas, longa, que se cinxía pola cintura, usada en xeral por mulleres para abrigo ou por adorno (véxase Martínez Meléndez 1989: 296, n. 16).
Nótese a grafía <ll> /l/ (só en V) que, alén de se rexistrar en múltiplas ocorrencias de nulho nos apógrafos italianos (especialmente en B), só se acha de forma esporádica como grafía etimolóxica en voces con /l/ procedente da xeminada latina (alli, aquela e ela, bailada, castelo, cavalo, eles, querelar, Varela, vassalo, Vilanansur etc.), moi esporadicamente na forma do pronome el (e mais do artigo el-) (véxase nota a 637.2), nalgunha asimilación do artigo (véxase nota a 6.32) e, finalmente, en voces co secuencia fonética [ɾl], que é transmitida sistematicamente en BV coa grafía <rll> (véxase nota a 392.9). Neste caso, gonela pode presentar <ll> por proceder do fr. gonelle ou do it. gonella.
A lección <sedes> de V, tamén no v. 28, podería ser produto dun erro <o>/e>; porén, tamén se podería explicar como unha proba máis da existencia desta variante (do lat. sĕdētĭs, de sĕdēre), con presenza esporádica no corpus: 918.21; 1582.1; 1611.5, 9 e 20, xunto con seedes (1668.2) e semos (1627.5). Na produción prosística só achamos a forma seedes, con once ocorrencias, mais existen tres rexistros de semos con outros tantos de seemos (véxase CGPA, s.v.).
A locución conxuntiva de valor concesivo e pero ‘aínda que’ é de uso regular ao longo de corpus. Por súa vez, unha episinalefa da copulativa con razoada permite manter a medida decasilábica do verso.
O río Sar, afluente do Ulla, nace nos arredores de Santiago de Compostela.
Fronte ás opcións editoriais de Cohen e de Littera, consideramos xustificada a integración na expresión fraseolóxica cuido-m’eu, con bastantes rexistros no corpus das cantigas a carón de cuid’eu e tamén de aquant’eu cuido (cfr. Glosario, s.v. cuidar1).
Nous utilisons des cookies de tiers à des fins analytiques pour pouvoir connaître les habitudes de navigation (par exemple, les pages visitées). N'oubliez pas que si vous acceptez les cookies de tiers, vous devrez les exclure des options de votre navigateur ou du système proposé par des tiers.
Cliquez sur le bouton correspondant pour accepter ou rejeter les cookies :