508 [= Tav 25,126]
Tan muito mal mi fazedes, senhor

Tan muito mal mi fazedes, senhor,
e tanta coita e afan levar
e tanto me vejo coitad’andar
que nunca mi valha Nostro Senhor
se ant’eu ja non queria morrer
e se mi non fosse maior prazer.
En tan gran coita viv’, á gran sazon,
por vós, senhor, e levo tanto mal
que vos non posso nen sei dizer qual;
e por aquesto Deus non mi perdon
se ant’eu ja non queria morrer
[e se mi non fosse maior prazer].
Tan muit’é o mal que mi por vós ven
e tanta coita lev’e tant’afan
que morrerei con tanto mal de pran;
mais pero, senhor, Deus non mi dé ben
se ant’eu ja non queria morrer
[e se mi non fosse maior prazer],
ca máis meu ben é de morte sofrer
ante ca sempr’en tal coita viver.
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 
 
 
15
 
 
 
 
20

Manuscritos


B 510, V 93

Edicións


I. Edicións críticas: Lang (1972 [1894]: 22 [= LPGP 236]); Nunes (1972 [1932]: 85-86); Littera (2016: I, 172-173).
II. Outras edicións: Moura (1847: 20-22); Monaci (1875: 42); Braga (1878: 19); Machado & Machado (1952: III, 27-28); Júdice (1997: 90); Montero Santalha (2004).

Variantes manuscritas


5 morrer] moirer B   7 En] Eu V   9 dizer] diz B   10 perdon] pardon B   11 ant’eu] antea B; morrer] moirer B   14 afan] asfam B   15 morrerei] moirerey B   16 Deus] de uos BV   17 morrer] moirer B   20 sempr’en] semp̄ V

Variantes editoriais


14 tant'] tanto Littera   16 non] non non Nunes; dé] dê Lang, Nunes, Littera

Paráfrase


(I) Un mal tan grande, senhor, e tanto sufrimento e tanto afán me facedes padecer e tan coitado me vexo andar, que Noso Señor non me valla se eu non querería xa morrer e se (a morte) non fose máis pracenteira.

(II) Vivo por vós nunha coita tan grande, desde hai moito tempo, senhor, e sufro tanto mal que non podo nin volo sei describir; e por isto, Deus non me perdoe, [refrán].

(III) Tanto é o moito mal que me ven por vosa causa e tanta a coita e o afán que levo, que morrerei, certamente, con tanto mal; porén, senhor, que Deus non me conceda o seu ben [refrán].

(1) porque é mellor para min sufrir a morte antes que vivir sempre en tal coita.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 10a 10b 10b 10a 10C 10C + 10c 10c (= Tav 160:34)

Notas


Texto
  • 10

    A forma gráfica pardon, aparente variante de influencia francesa para o xeral perdon é lección exclusiva (errada, por deficiente desenvolvemento da abreviatura <ꝑ>) do copista a do Cancioneiro da Biblioteca Nacional (véxase Ferrrari 1979: 83-85), pois de case sesenta aparicións de tal forma en B, só dúas delas son doutros copistas (859.6, copista b, 952.9, copista e), constituíndo, por tanto, simples lapsos puntuais que tamén poden aparecer noutros vocábulos. Véxase Ferreiro (2016b).

  • 16

    Dun modo diferente a como acontece noutros contextos en que mais e pero funcionan como conxuncións independentes do punto de vista sintáctico (véxase 76.10, 301.16, 692.10, 728.16, 953.4, 1146.9), mais pero (mas pero en 268.16) constitúe unha locución conxuntiva equivalente a ‘a pesar de, non obstante, porén’.

    Por outra parte, a métrica, o sentido e o paralelismo cos vv. 4 (Nostro Senhor) e 10 (Deus) mostran que a lección <de uos> é un erro común de BV por <deus>.

Buscar
    Non se atopou ningún resultado