644 [= Tav 47,7]
Direi-vos agor’, amigo, camanho temp’á passado

Direi-vos agor’, amigo, camanho temp’á passado
que non pudi veer cousa ond’ouvesse gasalhado,
des que vos de mí partistes,
tães ora que me vistes.
Des oimais andarei leda, meu amigo, pois vos vejo,
ca muit’á que non vi cousa que mi tolhesse desejo,
des que vos de [mí partistes,
tães ora que me vistes].
Des oimais non vos vaades se amor queredes migo,
ca ja máis non ar fui ledo meu coraçon, meu amigo,
des que vos [de mí partistes,
tães ora que me vistes].
 
 
 
 
5
 
 
 
 
10
 
 

Manuscritos


B 629, V 230

Nos cancioneiros, a disposición en versos de 15 sílabas só consta para a primeira cobra en B, e para o v. 2 en V.

Edicións


I. Edicións críticas: Nunes (1973 [1928]: 61 [= LPGP 316]); Cohen (2003: 114); Littera (2016: I, 364).
II. Outras edicións: Monaci (1875: 90); Braga (1878: 46); Machado & Machado (1952: III, 286).
III. Antoloxías: Varnhagen (1872: 60-61); Nunes (1932: 24-25); Bernárdez (1952: 52); Torres (1977: 129).

Variantes editoriais


En Nunes os vv. 1-2 de cada estrofa son editados como catro versos heptasilábicos graves.
4 tães] tẽes Nunes : [a]tães Littera   7 partistes] partiste Nunes   8 tães] tẽes Nunes : [a]tães Littera   10 fui] foi Littera   12 tães] tẽes Nunes : [a]tães Littera

Paráfrase


(I) Direivos agora, amigo, o moito tempo que pasou que non puiden ver nada que me causase gozo, desde que vos separastes de min até agora que me vistes.

(II) De hoxe en diante andarei leda, meu amigo, pois vos vexo, pois hai moito que non vin nada que me tirase o desexo, desde que vos separastes de min até agora que me vistes.

(III) De hoxe en diante non vos vaiades, se queredes amores comigo, pois nunca estivo ledo o meu corazón, meu amigo, desde que vos separastes de min até agora que me vistes.

Métrica


Esquema métrico: 3 x 15’a 15’a 7’B 7’B (= Tav 37:12)

Notas


Texto
  • *

    A rima marca a estrutura métrica da cantiga, non obstante a copia de BV.

  • 1

    A voz camanho, cun significado conforme á súa orixe no lat. quam magnum ‘que grande, tan grande’, funciona como un adxectivo cualificativo na lingua medieval, e nunha ocasión forma estrutura correlativa con tamanho (< tam magnum): Non creo que tamanho ben / mi vós podessedes querer / camanh’a mí ides dizer (594.7-9).

  • 2

    O substantivo gasalhado (en xeral coa acepción de ‘pracer (compartido)’; véxase nota a 1192.13) é voz utilizada preferentemente en cantigas de amigo: fóra deste xénero só volta aparecer en 466.24 e 1487.15.

  • 4

    A emenda de Nunes na preposición tães non ten xustificación por máis que sexa documentación única no corpus trobadoresco (igual que atro e atra), fronte a atẽes e, sobre todo, a maioritaria atá. A variante atães aparece nas Cantigas de Santa Maria (cfr. <atães> E, <atẽes> To):

              Quando Joachin esto oyu, log’esmorido
              caeu e jouv’en terra fora de seu sentido,
              atães que o angeo foi dali partido,
              que seus omens o foron erger sen detardada (CSM 411.102).

    No CdP (s.v.) achamos dúas pasaxes máis tamén con esta variante preposicional. Nun documento do século XIII: & commo as eu tragia & pussuia as dictas cousas & esse dicto herdamẽto por uoz desse Pedro Iohannis sobredicto atães la era desta carta que uos las uendo. Tamén aparece a mesma variante en documentos do Mosteiro de Santa Cruz de Coimbra (século XIV): E se nos en cõçelho uéérmos e a uos as ditas casas outorgar ou defender nõ quisermos ou nõ podermos entõ seiamos cõstrengudos do senhor da terra atães que rendamos eles a uos dobrados & quãto forẽ melhoradas.

  • 10

    A forma fui, xeral como PI de pretérito de seer (e de ir), é tamén forma de P3: a pesar de que en xeral se estabelece unha oposición P1 / P3, fui (< fŭī) / foi (< fŭĭt), pola acción metafónica de latino final nalgúns pretéritos fortes (cfr. tamén fiz vs. fez, sive vs. seve, tive vs. teve etc.), foi pode ser tamén resultado de P1, o mesmo que fui aparece esporadicamente como forma de P3 (sen efecto metafónico, por tanto, ou con xeneralización analóxica de unha ou outra persoa).

Buscar
    Non se atopou ningún resultado